Entre os anos 1995 e 2009 o sector eólico desenvolveuse notablemente, coa instalación dunha capacidade total superior aos 3.000 MW. Despois, a anulación do concurso eólico de 2008 e o posterior bloqueo político ás renovables frearon o seu crecemento, con apenas 100 novos MW instalados ata o ano 2016. O espectacular crecemento do sector entre 1995 e 2009 produciuse, ademais, sen apenas participación das comunidades locais e con beneficios limitados para as zonas nas que se instalaron estes parques eólicos.
O último número da prestixiosa revista Energy Policy publica unha investigación neste senso realizada polos investigadores da Universidade de Vigo Xavier Simón, Damián Copena e María Montero: Strong wind development with no community participation. The case of Galicia (1995–2009). O texto debulla as razóns que explican este desenvolvemento do sector sen gran contestación social e sen apenas participación local. As causas estarían principalmente no marco normativo aplicado, que favoreceu unha planificación vertical, decidida de arriba a abaixo, con gran poder de decisión para o Goberno galego e nula capacidade para as entidades locais e, sobre todo, pola declaración de utilidade pública para os parques eólicos.
"O caso galego é sorprendente na medida en que o sector se desenvolveu rapidamente, sen oposición pero sen participación"
Esta ollada retrospectiva ao sucedido nos anos de crecemento do eólico en Galicia chega xusto nun momento no que o sector está a experimentar un relanzamento e no que semella importante non repetir os erros cometidos no pasado. Hai uns meses a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto puxeron en marcha o Observatorio Eólico de Galicia, que busca incrementar a xustiza enerxética no sector, promovendo cambios normativos e realizando traballos de investigación e asesoramento para aumentar a participación social e os beneficios que desta produción reciben as comunidades locais. O Observatorio está dirixido polo propio Xavier Simón e entre os seus integrantes figura tamén Damián Copena. Falamos con eles dous.
O crecemento do sector eólico entre 1995 e o 2009 é a historia dun éxito cuantitativo pero criticable no reparto dos seus beneficios?
A principal característica do desenvolvemento eólico en Galicia nese período foi o enorme éxito na instalación de multitude de aeroxeradores. Ese éxito foi resultado dunha serie de factores, nomeadamente un marco regulatorio moi determinado e as políticas executadas dende o Goberno galego. Sobre todo, a declaración de utilidade pública para os proxectos e a afectación dos terreos, que foi determinante nos distintos procesos de expropiación. Naqueles lugares nos que se produciu un éxito coma o noso e sen oposición social, habitualmente conseguiuse como consecuencia de altas doses de participación comunitaria e individual. O caso galego é sorprendente na medida en que se desenvolveu rapidamente, sen oposición pero sen participación.
"Non se trata de producir por producir, senón de producir con rigor e garantindo que se cumpran os compromisos"
Este marco regulatorio tivo aspectos positivos, pois incrementou a capacidade instalada e axudou a loitar contra o cambio climático. Pero non se trata de producir por producir, senón de producir con rigor e garantindo que se cumpran os compromisos. A regulación da Xunta tamén contemplaba que os beneficios da eólica debían ser repartidos, a través de plans industriais ou dun plan de fomento da enerxía solar, pero moitos dos operadores carecían de plan industriais e outros non realizaron as achegas para ese fomento da enerxía solar. A Xunta contemplou certos beneficios comunitarios, de maneira indirecta, pero finalmente non exerceu a súa función fiscalizadora antes os incumprimentos das empresas. De igual xeito, tamén houbo incumprimentos no relativo ao impacto medioambiental, pois o 50% desa potencia instalada está en zonas da Rede Natura.
Destacades tamén que noutros países o feito de que as institucións locais tivesen máis capacidade de decisión tivo consecuencias positivas para un reparto máis equitativo dos beneficios...
"O marco normativo que se aplicou foi moi vertical, ao ser supramunicipal. Os concellos non teñen capacidade real de decisión, o mesmo que as comunidades locais"
O marco normativo que se aplicou foi moi vertical, ao ser supramunicipal. Os concellos non teñen capacidade real de decisión, o mesmo que as comunidades locais. Dende un punto de vista da xustiza enerxética, atopamos que os procedementos deseñados polo regulador en Galicia inhiben moito a participación local, tendo como consecuencia que nin os concellos nin as persoas teñan capacidade de decisión real. A supramunicipalidade das instalacións é clave para entender como foi o proceso de instalación dos parques eólicos en Galicia, e é moi diferente ao que sucede noutros lugares de Europa, onde as propias entidades locais ou entidades ecoloxistas teñen capacidade de decisión e de veto sobre as instalacións.
Estamos a vivir un relanzamento do desenvolvemento eólico en Galicia. Temos unha oportunidade de facer mellor o que non se fixo ben no pasado?
"No actual relanzamento da enerxía eólica non se deben cometer os mesmos erros que se cometeron anteriormente"
Dende finais de 2017 repunta o sector eólico en Galicia. E a consecuencia diso puxemos en marcha hai uns meses o Observatorio Eólico, co apoio da Fundación Juana de Vega e da Fundación Isla Couto, que partindo dun compromiso co rural galego considera que neste relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros que se cometeron anteriormente.
É posible desenvolver o sector eólico de forma máis xusta, con maiores beneficios para as comunidades locais?
Si, por suposto que é posible. Mesmo nos Estados Unidos, que é o paradigma do neoliberalismo e da empresa privada, hai 40 millóns de persoas que teñen unha participación en centrais eólicas comunitarias. Noutros países foi posible e aquí se non o é, débese á vontade política. O Observatorio pula tamén por abrir un debate social que provoque un cambio normativo, nas normas autonómicas e tamén nas normas estatais. Por que en Alemaña as catro grandes empresas eléctricas posúen menos do 20% da capacidade de instalación de enerxías renovables, mentres que en España as cinco grandes posúen máis do 90%? Isto non vén por unha diferenza xenética, senón por unha diferente forma de configurar a política dun país. Outra política enerxética é posible.
Porén, a normativa existente neste momento é moi semellante á que había naqueles anos. É posible obter resultados distintos neste marco?
"Non existen, a diferenza doutros países de Europa, ferramentas específicas que favorezan que sexan as propias comunidades locais as que impulsen directamente os negocios eólicos"
A normativa non mudou para ben, todo o contrario. Nos últimos anos engadíronse novas figuras, coma os proxectos de especial interese, que reducen aínda máis os prazos de exposición pública dos proxectos e limitan a posibilidade de realizar alegacións e a participación das comunidades locais no seu conxunto. Ademais, non existen, a diferenza doutros países de Europa, ferramentas específicas que favorezan que sexan as propias comunidades locais as que impulsen directamente os negocios eólicos, a través de parques eólicos comunitarios ou parques eólicos cooperativos, que si son habituais no norte de Europa.
Aínda así, neste contexto tan negativo, si hai posibilidades de conseguir maiores rendas e ingresos para os propietarios e as comunidades rurais. Esa é a tarefa que estamos tentando desenvolver dende o Observatorio, asesorando a propietarios e comunidades para que teñan toda a información posible ao seu dispor e para que saiban cales son as opcións que se están levando á práctica noutros lugares. O obxectivo final é fortalecer a súa posición nestes procesos que se están abrindo nos últimos meses.
En que aspectos se pode incidir para conseguir este obxectivo?
"Sería bo que, como está a suceder na zona de Xallas ou do Barbanza, os concellos tomasen a iniciativa de xuntar os propietarios para negociar conxuntamente"
Por unha banda, aos propietarios de terras que están a recibir diariamente ofertas para a venda das súas parcelas para algúns dos varios proxectos eólicos en marcha en Galicia diriámoslles que non se precipitasen e que non tomasen decisións de forma individual. Recomendámoslles que se poñan en contacto con outros propietarios.
E sería bo que, como está a suceder na zona de Xallas ou do Barbanza, os concellos tomasen a iniciativa de xuntar os propietarios para negociar conxuntamente e tratar de establecer as mellores condicións posibles para a veciñanza local e para as comunidades rurais. Isto non esixe ningún cambio normativo e hai que facelo xa. Que non se precipiten, porque os parques eólicos chegan ás comunidades para quedar, non teñen data de caducidade.
E no ámbito político e normativo?
Dende o Observatorio Eólico facemos un chamamento a todos os partidos con representación parlamentaria para que se poña en marcha un grupo de traballo encamiñado a cambiar a normativa que regula a autorización eólica para transformar o modelo eólico vixente noutro modelo no que a participación social sexa considerada en maior medida.
"Facemos un chamamento a todos os partidos con representación parlamentaria para que se poña en marcha un grupo de traballo encamiñado a cambiar a normativa que regula a autorización eólica"
E buscando unha participación das comunidades locais que non se limite aos lugares nos que se deben instalar os aeroxeradores e as condicións que deben cumprir, senón unha participación que tamén inclúa o fomento de parques eólicos propiedade das comunidades rurais. Isto require un cambio normativo, un cambio normativo que non é un freo ao desenvolvemento eólico nin á transición dende o actual modelo fósil a un modelo de enerxías renovables, como quedou demostrado en Alemaña, Dinamarca, Portugal ou Estados Unidos.
Este cambio normativo facilitaría o futuro das comunidades rurais, tan castigadas na actualidade e con grandes carencias de servizos básicos. É posible imaxinar un futuro máis verde, un futuro con máis enerxías renovables, no que participen máis as comunidades rurais e que estas se fortalezan para sobrevivir.