Cada vez son máis as comunidades enerxéticas locais que se crean en Galicia. Trátase de instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo a partir de fontes renovables (nomeadamente paneis fotovoltaicos) impulsadas por particulares, unha pequena empresa e mesmo por comunidades de montes (aínda que neste caso aínda con importantes dificultades burocráticas). Supoñen, evidentemente, un importante aforro para os seus impulsores, con grandes beneficios medioambientais e que reducen a dependencia das grandes compañías.
Unha das comunidades enerxéticas locais pioneiras en Galicia está situada nunha granxa de Mazaricos, na Sociedade Cooperativa Grille, que o pasado mes de novembro instalou na cuberta dunha das súas naves unha planta fotovoltaica
Hai dous anos o Real Decreto-lei 23/2020 incorporou á lexislación española o contido das dúas directivas europeas que definían o funcionamento destas comunidades enerxéticas locais, que contan co impulso da Unión Europea e tamén do Ministerio para Transición Ecolóxica.
Unha das instalacións pioneiras en Galicia está situada nunha granxa de Mazaricos, na Sociedade Cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras e que na actualidade conta cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día. O pasado mes de novembro Grille instalou na cuberta dunha das súas naves unha planta fotovoltaica de 38 kWp, que nos vindeiros meses medrará nunha próxima fase de ampliación ata os 80kWp. A cooperativa completou a operación da man de E.nova Enerxía, empresa con capital galego especializada nas enerxías renovables como a fotovoltaica, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas.
Grille completou a operación da man de E.nova Enerxía, empresa galega especializada nas enerxías renovables, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas
Neste momento, a enerxía producida por estas placas solares cobre o 35% do consumo da cooperativa, cun aforro na factura eléctrica do 20%. Ademais, proporciona electricidade a través do sistema de autoconsumo remoto a Ganxabar SCG, cooperativa de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala, con entidades nos concellos de Mazaricos, A Baña, Negreira e Santa Comba, que ven cubertas así o 40% das súas necesidades de consumo eléctrico, cun aforro do 30% na factura eléctrica.
Neste momento, a enerxía producida por estas placas solares cobre o 35% do consumo da cooperativa, cun aforro na factura eléctrica do 20%. Ademais, proporciona electricidade a través do sistema de autoconsumo remoto a Ganxabar SCG, cooperativa de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala
Pablo Suárez, un dos integrantes da cooperativa, explica que previamente Grille estaba xa interesada pola produción enerxética renovable de autoconsumo. "Tiñamos xa unha planta fotovoltaica propia, moito máis pequena, nada que ver con isto. Entón, o ano pasado E.nova Enerxía, cos que levamos anos traballando, propúxenos poñer en marca a nova planta e a comunidade enerxética. Entre o seu asesoramento e á vista de como está evolucionando o mercado das enerxías, decidímonos a facelo", di. "É algo que nos parecía moi interesante, sobre todo porque temos un consumo eléctrico moi grande", engade.
Cómpre ter en conta que unha explotación gandeira como a de Grille, na que traballan 12 persoas, ten 600 cabezas de gando, que son muxidas catro veces ao día, ten un consumo eléctrico moi elevado, uns 10.000 KW ao día. O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite nun depósito de 30.000 litros, ademais do consumo que implican os sistemas de ventilación, de rego ou da propia sala mecanizada para muxir.
Cómpre ter en conta que unha explotación gandeira como a de Grille, na que traballan 12 persoas, ten 600 cabezas de gando, que son muxidas catro veces ao día, ten un consumo eléctrico moi elevado, uns 10.000 KW ao día
Outra das características do proxecto é que Grille non tivo que realizar ningún gasto inicial, senón que a instalación e posta en marcha da planta fíxose a través do modelo PPA (Power Purchase Agreement), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial, senón que paga pola enerxía consumida dende a planta, pero a un prezo máis baixo que o de comercialización da electricidade. Pablo Suárez destaca ademais que a cooperativa non tivo que ocuparse de ningún trámite burocrático: "o único que fixemos foi unha cesión do teito da granxa, despois E.nova Enerxía encargouse de todo o proceso".
Grille non tivo que realizar ningún gasto inicial, senón que a instalación e posta en marcha da planta fíxose a través do modelo PPA (Power Purchase Agreement), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial
Xurxo López, de E.nova Enerxía, destaca as vantaxes que presentan proxectos coma este, de comunidades enerxéticas de autoconsumo baseadas en modelos de xeración distribuída. "É un modelo que empodera o consumidor, porque ti produces unha parte da túa electricidade e desacoplas unha parte do teu consumo", di, engadindo ademais que "é o máis eficiente en termos técnicos, pois é moito máis eficiente consumir a electricidade alí onde se consume". "Todos os anos hai unha diferenza importante entre a enerxía producida e a consumida e esta é a enerxía que se perde no seu transporte, entre un 10% e un 15% do total, que en termos económicos significa unha perda económica importante", explica.
Nestes momentos está a haber un grande auxe deste tipo de instalacións de autoconsumo, nomeadamente de xeración de enerxía solar a través de paneis fotovoltaicos. Xurxo López explica que "case non se está a instalar minieólica porque non compensa a nivel económico, sobre todo despois da explosión da fotovoltaica no último lustro, debido ao grande abaratamento dos custos de instalación e á gran mellora que se produciu na eficiencia".
"É un modelo que empodera o consumidor, porque ti produces unha parte da túa electricidade e desacoplas unha parte do teu consumo", di Xurxo López. Ademais "é moito máis eficiente consumir a electricidade alí onde se consume. Todos os anos pérdese moita enerxía no seu transporte, entre un 10% e un 15% do total", di
É, pois, o momento axeitado para instalar un planta de autoconsumo? "O momento de facelo era onte", destaca Xurxo López, aínda que indica que "hoxe continúa a selo". O representante de E.nova Enerxía explica que segue a haber un contexto moi favorable "por tres factores estruturais e un conxuntural". Xurxo López sinala que "por un lado está o abaratamento dos materiais na última década: o prezo dos paneis dividiuse entre dez entre 2008 e 2018". O segundo factor é o regulatorio, pois "dende o cambio de cor política no Goberno central España ten unha normativa foi favorable, punteira a nivel europeo e que aposta polo autoconsumo e a xeración distribuída".
O terceiro factor é a estrutura de peaxes que aprobou a UE e que está en vigor dende o ano pasado; "anteriormente España tiña a parte fixa da factura máis elevada e agora o que é máis elevada é a parte variable, ligada ao consumo; iso fixo que sexa máis rendible o autoconsumo", sinala. "O cuarto factor, conxuntural, e a suba dos prezos da electricidade que estamos a ver no último ano", subliña. Con todo, López salienta que "os prezos da enerxía van seguir moi altos durante un tempo longo". "Aínda que agora se limite o prezo do gas, o prezo da electricidade vai continuar entre 100 e 150 euros, que o dobre ou o triplo do prezo medio da última década. É unha situación que estimula moito o autoconsumo", di. E destaca que "estamos a facer estudos que amosan que quen instalou unha planta o ano pasado, en dous ou tres anos vaina ter amortizada".
É o momento axeitado para instalar un planta de autoconsumo? "O momento de facelo era onte", destaca Xurxo López, aínda que indica que "hoxe continúa a selo" pois segue a haber un contexto moi favorable "por tres factores estruturais e un conxuntural"
Quen pode instalar unha destas plantas? Hai un mínimo de consumo a partir do que é rendible facelo? Xurxo López sinala que "para que lle saia rendible ao promotor o consumo debe estar por riba de 20 KW", pero indica que este límite pode baixar de forma moi importante no caso de que haxa subvencións. "Por exemplo para comunidades de veciños hai subvencións a través de fondos Next Generation que chegan ao 70%. Así sae moi rendible tamén para plantas pequenas", di. Engade, ademais, que "se o autoconsumo é individual a planta é xa rendible a partir de 10 KW, falando por exemplo dunha empresa pequena que coloca unhas placas na cuberta da súa nave".
"A nosa experiencia é moi positiva e estamos convencidos de que estas instalacións son o futuro para o sector”, destaca Pablo Suárez, que subliña o beneficio que esta aposta ten para unha explotación gandeira ou outras empresas cun consumo eléctrico importante
López recoñece que en E.nova Enerxía están a ter unha demanda moi alta nos últimos meses e que, de feito, teñen xa encargos para todo o que queda de 2022. Están a traballar, por exemplo, nunha planta colectiva na aldea de Froxán, en Lousame. E tamén en dous proxectos de autoconsumo en dous polígonos industriais, en Santa Comba e Compostela.
"A nosa experiencia é moi positiva e estamos convencidos de que estas instalacións son o futuro para o sector”, destaca ao tempo Pablo Suárez, que subliña o beneficio que esta aposta ten para unha explotación gandeira ou outras empresas cun consumo eléctrico importante. Ademais, anticipa que este vindeiro outono levarán a cabo unha ampliación da planta fotovoltaica, que pasará de 38kWp a 80kWp, o que permitirá cubrir máis do 50% do seu consumo eléctrico e tamén proporcionar máis enerxía á mancomunidade.