Pódese sintetizar a realidade enerxética dun país nunha soa gráfica? Un diagrama Sankey, un tipo de gráfica, permite, cunha soa ollada, termos unha visión global dos fluxos de enerxía que moven a economía.
A seguinte gráfica foi elaborada a partir dos datos oficiais do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta para 2019, o ano máis recente con datos dispoñíbeis (1).
Na primeira columna á esquerda represéntase a enerxía primaria, é dicir, as materias primas enerxéticas que, mediante diversos procesos, se transforman en enerxía dispoñíbel para o consumo final (electricidade, calor e combustíbeis), representada na segunda columna. Na terceira vemos o consumo de enerxía final por sectores e as exportacións ao resto do Estado español e ao estranxeiro. Colocando o cursor entre as columnas podemos ver os fluxos e a súa contía, expresada en miles de toneladas equivalentes de petróleo (ktep), a unidade empregada polo INEGA.
Nas conversións de enerxía primaria en final prodúcense perdas que dependen dos rendementos dos diferentes procesos de transformación. Por exemplo, na conversión do carbón en electricidade nas centrais térmicas só se aproveita un 37% da enerxía contida no carbón, disipándose o resto. Porén, na transformación da auga e o vento en electricidade considérase un rendemento de case o 100%.
A substitución de electricidade procedente de combustíbeis fósiles por electricidade renovábel implica unha gañancia de eficiencia enerxética e unha baixada do consumo de enerxía primaria. É o que aconteceu entre 2018 e 2019 por mor do colapso na produción eléctrica con carbón. Mentres o consumo galego de enerxía final descendía lixeiramente, o de enerxía primaria reducíase un 13%.
A partir da observación da gráfica, poderíanse salientar algúns feitos.
-Case o 80% das materias primas enerxéticas das que depende o funcionamento da nosa economía son de orixe fósil. O petróleo segue a ser o recurso enerxético máis consumido, representando aínda o 58% do consumo de enerxía primaria, que ascende a un total de 11,8 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep).
Petróleo, gas e carbón (así como a maior parte dos biocarburantes) son importados. Polo tanto, non temos un excedente enerxético real, baseado en recursos naturais propios. Todo o contrario.
-Perto dun 20% da enerxía primaria pérdese nos procesos de transformación en enerxía final. Iso é debido, moi principalmente, ás perdas asociadas aos procesos de transformación dos combustíbeis fósiles (nas centrais térmicas, refinaría,…).
-As fontes renovábeis autóctonas constitúen só o 19% de toda a enerxía primaria transformada no noso país. Case toda a nosa enerxía primaria renovábel procede de tres fontes, cun peso similar: a auga, que é moi variábel, con fortes baixadas en anos secos (2); o vento, menos variábel que a auga e usada tamén para xerar electricidade; e a biomasa, aproveitada sobre todo para xerar calor mediante contaminantes procesos de combustión.
Un crecemento non tan desequilibrado entre a eólica e a fotovoltaica sería claramente desexábel. Porén, para o gran capital privado que pilota a transición enerxética, a aposta na eólica é moito máis atractiva
A achega do resto das renovábeis (sol, bombas de calor xeotérmicas e aerotérmicas, biogás,…) é tan limitada que custa visualizala na gráfica. Cumpriría impulsalas moito máis, na procura dun sistema enerxético 100% renovábel diversificado. Mais, en calquera caso, a súa achega seguirá a ser pequena nos vindeiros anos (3).
-Galicia non só consome (nin produce) electricidade. A electricidade supón hoxe un 25%, tanto da enerxía final dispoñíbel en Galicia como do consumo enerxético propio, se ben é consensual que a transición cara a un sistema enerxético 100% renovábel requirirá dunha electrificación maior do consumo.
O consumo anual galego de enerxía final equivale a uns 70.000 GWh (xigavatios hora). A nosa demanda de electricidade aproximaríase a esa cantidade se se electrificar todo o consumo de enerxía final (4).
Os novos 10.000 MW (10 GW) de potencia eólica terrestre que están a ser tramitados por Xunta e Goberno estatal sen un marco planificador adecuado, e dos que previsibelmente só unha parte chegará a executarse, poderían xerar uns 23.000 GWh/ano. Sumada á produción renovábel de 2019, atinxiriamos uns 40.000 GWh/ano, o que posibilitaría aumentar a electrificación do consumo enerxético dun 25% a perto dun 60% só con renovábeis,. Para iso, alén de aumentar a potencia renovábel habería tamén que incrementar a capacidade de almacenamento (centrais hidroeléctricas de bombeo, baterías,…).
Atinxir a mesma produción só con enerxía solar fotovoltaica en Galicia requiriría aproximadamente o dobre de potencia, uns 20.000 MW (5). En comparación coa eólica, o seu despregamento suporía un consumo moito maior de minerais e de enerxía (maioritariamente fósil), mais, por outro lado, o impacto territorial sería menor, na medida en que se instalase sobre tellados para autoconsumo, o que ademais democratizaría a xeración eléctrica.
Un crecemento non tan desequilibrado entre a eólica e a fotovoltaica sería claramente desexábel. Porén, para o gran capital privado que pilota a transición enerxética, a aposta na eólica é moito máis atractiva en Galicia.
-Dúas terceiras partes da enerxía dispoñíbel para o consumo son combustíbeis fósiles, nomeadamente derivados do petróleo. Pero é que, ademais, un terzo da electricidade xerada e un 70% da calor obtida nas centrais de coxeración tamén é de orixe fósil.
-Un terzo da enerxía final obtida en Galicia é exportada. É certo que temos un excedente enerxético, mais é de enerxía transformada, non de recursos enerxéticos. E non se trata principalmente de electricidade senón de produtos petrolíferos. Canto ao gas fósil, todo o importado vía regasificadora de Mugardos e gasoduto consómese no país.
Case as tres cuartas partes das nosas emisións de gases de invernadoiro xéranse na transformación e no consumo de enerxía fósil. O prioritario hoxe recortármolas é planificar afin do sector enerxético fósil, reducir drasticamente o consumo enerxético (e material) e acelerar o desenvolvemento renovábel de xeito socialmente xusto e minimizando os custos territoriais.
-O sector enerxético fósil é o produtor principal da enerxía final exportada. A refinaría de petróleo e as centrais de carbón e gas fósil son as industrias xeradoras da grande maioría das exportacións galegas de enerxía final. Tamén hai excedentes de electricidade renovábel, mais só durante unha parte do ano (considerando os balances eléctricos mensuais só adoita habelos de novembro a abril).
-A industria (6) e o transporte acaparan unhas tres cuartas partes da enerxía consumida en Galicia. Unha enerxía subministrada moi maioritariamente por combustíbeis fósiles, nomeadamente no transporte, no que a demanda desbocouse nas últimas décadas e a electrificación aínda é moi residual.
O consumo de enerxía final no noso país duplicouse desde comezos da década de 1980 e, despois de atinxir o pico en 2008, nos últimos anos estancouse arredor dos seis millóns de tep.
A gráfica que vimos de comentar representa a situación de partida de Galicia perante o urxente desafío enerxético-climático. Un reto maiúsculo, para o que resulta crucial o que se faga ou deixe de facer na presente década, durante a que as nosas emisións territoriais de gases de invernadoiro causantes de quecemento global deberían baixar de forma sostida de -24% en 2019 a polo menos -65% en 2030 (a respecto de 1990). ´
Case as tres cuartas partes das nosas emisións de gases de invernadoiro xéranse na transformación e no consumo de enerxía fósil. Así que o prioritario hoxe para recortármolas é planificar o fin do sector enerxético fósil, reducir drasticamente o consumo enerxético (e material) e acelerar o desenvolvemento renovábel, de xeito socialmente xusto e minimizando os custos territoriais.
Notas
1.O diagrama foi elaborado a partir dos datos do INEGA extraídos do Balance Enerxético de Galicia 2019 ( http://www.inega.gal/sites/default/descargas/publicacions/balance_enerxetico_Galicia_2019.pdf) e máis de “Consumo enerxético por sectores en Galicia” (http://www.inega.gal/sites/default/descargas/enerxia_galicia/consumo_final_enerxia_sectores.pdf). Para simplificar o diagrama non se incluíron os “residuos non renovábeis”, as enerxías residuais obtidas no proceso de refino do petróleo e autoconsumidas no propio proceso (gas, fuel de refinaría e gasóleo de baleiro) contabilizáronse como combustíbeis fósiles, e non se descontaron da electricidade dispoñíbel as perdas na rede de transporte e distribución.
2. En 2019 a auga achegou 638.000 tep, mais en 2017, ano seco, subministrou só 294.000 tep, isto é, menos da metade.
3. Entre as fontes renovábeis autóctonas non incluímos os biocarburantes, que son de orixe alóctona, e non só os importados senón tamén os producidos en Galicia, feitos con materias primas importadas (cereais, aceite de palma). Ademais, a pegada de carbono dos biocarburantes nalgúns casos é mesmo superior á dos produtos petrolíferos.
4. Non é preciso electrificar todo o consumo de enerxía final (por exemplo, a enerxía solar tamén pode xerar calor), nin tampouco resulta posíbel ao 100%. Por outro lado, hai substitucións nas que a electricidade é máis eficiente (por exemplo, o coche eléctrico en comparación co de combustión), e outras nas que o é menos.
5. A estimacións relativas á potencia e á produción eólica e fotovoltaica baséanse nas medias anuais da relación entre produción e potencia instalada para o período 2016-2020, segundo os datos de Rede Eléctrica de España. Os valores son 2,32 GWh/MW eólico e 1,18 GWh/MW solar fotovoltaico.
6. O INEGA inclúe no sector industrial tamén o consumo conxunto de pesca, agricultura e gandaría, minas e construción. Estes sectores consomen en total 354.000 tep de produtos petrolíferos e 39.000 tep de electricidade.