O peche das térmicas supón un 24% menos de emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, que tería que reducilos nun 65% para contribuír no obxectivo de non superar o 1,5º de incremento da temperatura da Terra que marca o cumio COP26 de Nacións Unidas
O peche da central térmica de Meirama e a paralización da actividade da das Pontes supón que se reducisen nun 24% as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, segundo o informe que vén de publicar Ecoloxistas en Acción. Isto significa que ao finalizar o ano 2019 practicamente xa se acadou o obxectivo da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta, que cifra nun 24,6% a diminución de emisións para 2030.
″Isto só volve demostrar a estratexia pouco ambiciosa da Xunta con respecto ás emisións contaminantes″, afirma Xosé Veiras, voceiro de Ecoloxistas en Acción e un dos autores do informe ′As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de Galicia (1990-2019)′, no que se asegura que Galicia tería que reducir nun 65% estas emisións para contribuír ao obxectivo de non superar o incremento de 1,5º da temperatura da Terra que marca o cumio do clima COP26, que organiza estes días en Glasgow Nacións Unidas.
"España e Galicia din estar de acordo co obxectivo de limitar o quecemento global a 1,5º, pero as súas políticas concretas están moi lonxe disto″, asegura o voceiro de Ecoloxistas en Acción
Para Veiras, o que sucede nestes cumios do clima ″acaba traducíndose en poucos feitos″. Lembra que o Acordo de París, asinado en 2015, non é vinculante e ″non obriga ás partes a acadar uns obxectivos de redución que acabe por penalizalos se non o conseguen″. ″España e Galicia din estar de acordo co obxectivo de limitar o quecemento global a 1,5º –por enriba da temperatura da Terra na era preindustrial– pero vemos que as súas políticas concretas están moi lonxe disto″, critica o voceiro de Ecoloxistas en Acción.
O voceiro de Ecoloxistas en Acción sinala que España ten o obxectivo de reducir nun 23% –a respecto do ano 1990– as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera para 2030, cando para estar en liña coa iniciativa internacional acordada polo G20 e discutida agora na COP26 ″tería que incrementar esa porcentaxe de redución por dous ou por tres″. Con todo, recoñece que ″no conxunto do Estado hai que facer un esforzo moito maior para acadar esa porcentaxe de redución″ en comparación co caso galego.
"Antes de 2019 as emisións nunca tiñan baixado moito a respecto de 1990 en Galicia″, salienta Xosé Veiras
O informe ′As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de Galicia (1990-2019)′ de Ecoloxistas en Acción, que se nutre dos datos máis actualizados que recolle o inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, demostra como ″foi no último minuto″ cando se logrou unha redución drástica das emisións destes gases contaminantes en Galicia. En concreto, os gases obxecto deste traballo son o dióxido de carbono (CO2), o metano (CH4), o óxido nitroso (N2O), os hidrofluorocarbonos (HFC), os perfluorocarbonos (PFC) e o hexafluoruro de xofre (SF6).
″Estamos no camiño pero só no que se refire ao sector enerxético, e máis concretamente ao sector eléctrico, porque esa redución do 24% foi conseguida no último minuto do ano 2019. Antes dese ano, as emisións nunca tiñan baixado moito a respecto de 1990″, incide Veiras, que pon o foco nas emisións acumuladas ″que son as que van pesar no futuro″ e van seguir ″xerando cambio climático nas vindeiras décadas″.
Ecoloxistas en Acción sinala que o transporte de persoas e mercadorías aumento ata un 55% as súas emisións contaminantes entre 1990 e 2019
A organización ecoloxista fai fincapé no incremento do 38% entre 1990 e 2019 das emisións causadas polo consumo de enerxía fósil no transporte, na industria e noutros sectores como os fogares, os comercios, as administracións públicas e a agricultura. Un aumento especialmente intenso no caso do transporte de persoas e mercadorías, que se disparou ata o 55% ″representando hoxe un 26% do total das emisións territoriais do noso país″.
″O que si diminuíron foron as emisións do sector transformador de materias primas enerxéticas, sobre todo do sector eléctrico, pola caída de actividade das centrais de carbón. A día de hoxe a de Meirama está desconectada da rede eléctrica e a das Pontes aínda está en situación de dispoñibilidade, co cal pode volver entrar en funcionamento –cousa que parece posible durante este inverno– pero, en calquera caso, sería un reactivación moi limitada″, debulla Xosé Veiras.
"O debate enerxético en Galicia foxe da realidade porque está focalizado sobre a produción e o consumo de electricidade", salienta Veiras
No cumio do clima de Nacións Unidas se están a pechar acordos arredor do carbón. Mais Veiras explica que ″xa pinta moi pouco″ na xeración eléctrica en Galicia e no conxunto do Estado. ″Era a nosa bala de prata para reducir as emisións, pero iso xa pasou. Agora hai que seguir polo consumo de enerxía fósil en todos os sectores e hai que completar a descarbonización do sistema eléctrico″.
″O debate enerxético en Galicia foxe da realidade porque está focalizado só sobre a produción e o consumo de electricidade, cando iso representa só unha parte da realidade enerxética. É onde máis se avanzou coa transición enerxética, pero fíxose de forma lenta e inapropiada, porque está protagonizada polo gran capital privado, cunha falta de planificación pública, e un grande impacto ambiental e social″, describe o portavoz ecoloxista.
"Non podemos pretender cubrir todo este exceso de enerxía que temos hoxe coas renovables", afirma Xosé Veiras
Non se trata só de mudar das enerxías fósiles ás renovables, senón de reducir en si mesmo o consumo enerxético. ″E habería que reducilo nesta década de forma importante porque non podemos pretender cubrir todo este exceso de enerxía que temos hoxe coas renovables, pois tería uns custes de impacto ambiental global moi importantes. Tampouco sería sustentable″, asevera, para engadir que a Xunta non ten marcado ningún obxectivo concreto nesta liña na súa estratexia ata o ano 2050.
No fondo, para lograr estes aforros no consumo xeral de enerxía sería necesario un cambio no modelo económico e produtivo actual, xa que non chega con mellorar a eficiencia. ″A pelota está no tellado dos Gobernos″, manifesta o voceiro de Ecoloxistas en Acción, que cualifica de ″esperpéntica″ a participación da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no cumio climático de Glasgow: ″É impresentable que a Xunta presuma de que as emisións se reduciron nun 24%, cando foi precisamente por un feito ao que eles se opuxeron teimosamente, como é a caída das centrais de carbón″.