O estudo de impacto para demoler o complexo presenta varios proxectos como alternativa á perda de emprego na central pero aclara que a empresa non garante que se poidan cumprir
Tras solicitar a finais de 2019 o peche da súa central térmica das Pontes pola súa “falta de rendibilidade” froito das “condicións do mercado de enerxía”, Endesa segue avanzando no proceso administrativo previo ao seu desmantelamento. Agora coa exposición pública para recibir alegacións do estudo de impacto ambiental da demolición do complexo [aquí os documentos], cuxo custo orzamenta en 48,5 millóns de euros e no que inclúe, como medidas compensatorias da perda de emprego, os proxectos que xa foi avanzando nos últimos meses para instalar varios parques eólicos na zona, producir hidróxeno, crear un centro loxístico ou buscar un novo uso a través dun concurso internacional para os terreos que queden baleiros. Porén, a propia empresa advirte que non garante que esas previsións se cumpran.
O estudo salienta que ningún elemento da central está protexido como patrimonio industrial nin polo Estado nin pola Xunta e propón a demolición con explosivos para reducir riscos
O pasado abril o Ministerio para a Transición Ecolóxica decidiu que o desmantelamento da central debía someterse a un proceso completo ou ordinario de avaliación ambiental e non a outro simplificado tras recibir todo tipo de alegacións iniciais por parte especialmente da Xunta e do Concello das Pontes sobre posibles prexuízos do desmantelamento. Agora a empresa presenta o estudo de impacto ambiental no que analiza e dá resposta a eses posibles prexuízos para que os interesados formulen as alegacións que consideren e finalmente o Goberno de España resolva sobre a súa aprobación coas correccións que considere necesarias.
Naquelas alegacións iniciais a Xunta reclamaba que se analizase o valor como patrimonio industrial “cando menos” da cheminea e das catro torres de refrixeración do complexo. Porén, agora o estudo de impacto do desmantelamento salienta que ningún elemento da central está protexido nin a nivel estatal nin a nivel galego.
Ante esa situación, a proposta do estudo de impacto ambiental é a demolición con explosivos tanto da cheminea de 356 metros de altura como das catro torres de refrixeración. A empresa orzamenta en 3 millóns de euros a voadura da cheminea e en 3,2 millóns a das catro torres -o maior custe, 19,3 millóns, será para o desmantelamento das caldeiras-, e argumenta que o emprego de explosivos fronte a outras formas de desmontaxe das estruturas permite reducir os riscos ao acoutar a un único día a demolición e evitar que haxa persoal traballando en alturas elevadas.
A empresa di que quere que o "axuste de persoal" se realice "de modo non traumático"
Segundo o documento, que prevé que os traballos se prolonguen entre finais deste ano e 2027 e planifica a reciclaxe e tratamento dos materiais, a maioría dos posibles impactos como ruído ou po son puntuais durante as obras e compensables con medidas correctoras. Non ocorrerá o mesmo co emprego, pero a súa perda, salienta o estudo de impacto, “é consecuencia do cesamento da actividade e non do propio proxecto de desmantelamento, e será obxecto de medidas compensatorias mediante un plan específico a desenvolver por Enel”, matriz de Endesa.
Ese plan compensatorio é adxuntado como anexo ao estudo de impacto ambiental e nel resúmense os proxectos que a propia empresa xa foi avanzando nos últimos meses. Consistirían no propio desmantelamento da central –“máis do 85% do investimento no desmantelamento recaerá na contorna das Pontes”-, a instalación de parques eólicos con 1.494 MW cun investimento de 1.679 millóns de euros dos que 938 MW estarían na contorna da vila, a creación dunha instalación de produción de hidróxeno, un centro loxístico e de mantemento de pezas de parques eólicos e “os proxectos que resulten do concurso Futur-E para futuro uso do emprazamento da central”.
Porén, no propio documento cos proxectos de futuro a empresa advirte de que “nin Endesa nin ningún dos seus empregados, directivos, conselleiros, asesores, representantes, axentes ou filiais garante que os obxectivos e previsións contidos neste documento se cumprirán nos seus termos” e engade que “tampouco Endesa nin ningunha das súas filiais ten a intención de actualizar tales obxectivos e previsións, excepto que outra cousa sexa requirida por lei”. A empresa mesmo aclara aos mercados que “este documento non constitúe unha recomendación de investimento en relación cos valores emitidos por Endesa”.