A queima dunha mestura de carbón con biomasa ou lodos de depuradora non dará un tempo de desconto á central térmica de Endesa nas Pontes. A eléctrica vén de facer público o seu veredicto definitivo a respecto destas probas, que xa deixara entrever nos últimos tempos. As probas con estes "biocombustibles" non resultan economicamente rendibles nin ambientalmente viables e por iso segue adiante co peche que ten en marcha dende 2019, un proceso acelerado nos últimos dous anos pero con causas de moito máis longo percorrido.
A eléctrica evidencia que o peche da térmica das Pontes "non foi un proceso sobrevido" e, tras o fracaso das probas para queimar carbón mesturado con lodos, retoma o plan de peche exposto en 2019
O elevado prezo do carbón e da tonelada de CO₂ no mercado europeo de emisións contaminantes, as esixencia da Unión Europea para paliar o quecemento global e a aposta da antiga compañía pública controlada pola multinacional italiana Enel son algunhas das principais causas para a decisión que agora Endesa ratifica. A eléctrica apela a "un cúmulo de razóns, especialmente de carácter medioambiental", para retomar sen dilacións "o proceso de peche iniciado en decembro de 2019".
A propia Endesa esgrime a sostida "perda de competitividade" da central pontesa que, subliña, viña funcionando con carbón importado ata "quedar excluída do mercado" na primavera de 2019. "Non foi un proceso sobrevido repentinamente", para explicar o contexto no que desenvolveu as probas con biocombustibles, supervisadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta e o Concello das Pontes.
O informe final sobre eses ensaios, segundo a compañía, evidencia "graves inconvenientes de carácter ambiental". A produción de electricidade coas devanditas mesturas de carbón e lodos causa "emisións de mercurio en valores próximos ao límite legal permitido" e ademais, asegura, a xeración de cinzas vira en "dificultade insalvable" ao crecer alén do 200%, "unha tonelada de cinzas por cada tres ou catro toneladas de CO₂ evitadas" con este sistema. Cada ano, calculan, a central xeraría máis de 100.000 toneladas de residuos perigosos.
Alén dos "graves inconvenientes de carácter ambiental", Endesa esgrime que o alto custo da electricidade xerada co método probado deixaría a central pontesa "fóra do mercado eléctrico"
A perda de potencia da central, máis custos de mantemento e mesmo a "degradación" da mestura de carbón e lodos cando é almacenada antes de ser queimada" son, sempre segundo a versión da empresa, as razóns que derivan na inviabilidade ambiental e tamén na ausencia de rendibilidade económica. Cada megavatio-hora (MWh) xerado custaría uns 65 euros e "con este custo, a térmica é inviable" porque "queda fóra do mercado eléctrico, no que se prevé para 2021 un prezo de 47,3 euros". Eses indicadores, mantén, fan desbotar o "elevado investimento" que requiriría adaptar a factoría.
Catro anos de desmantelamento e plans de futuro
Neste escenario, Endesa retoma os plans para desmantelar a térmica das Pontes, un proceso que, estima, "se prolongará durante catro anos". Mentres, a eléctrica sinala que mantén sen cambios o "acordo coa representación" do persoal "polo cal ningún empregado será despedido", senón que a fin da factoría trae consigo prexubilacións "voluntarias" e "un concurso de recolocacións". O actual plantel das Pontes está conformado por 81 persoas e no desmantelamento, agrega, serán precisos "outros 130 traballadores de empresas contratistas".
A empresa di que retomar o peche implica "activar" o seu plan para buscar proxectos empresariais que se instalen nas Pontes e salienta os seus plans eólicos en Galicia
E, tras o desmantelamento? A eléctrica asegura que a decisión definitiva do peche implica tamén a "activación" do que denomina "plan Futur-e para a busca de proxectos empresariais que se implantarán" nas Pontes. Este proxecto, defende, "contempla a busca de alternativas empresariais á instalación que se pecha", cun "concurso internacional de ideas" no que agarda "alta implicación" da Xunta e do Concello. Baixo esta denominación inclúe tamén os seus plans eólicos en Galicia, onde se "propón desenvolver ata 1.500 megavatios de nova capacidade" con traballos para os que di estimar "máis de 1.200 empregos directos" para a construción dos parques (6 anos) e 125 cando estean funcionando.