As Pontes paralízase pola folga xeral e leva a Madrid a súa demanda dunha "transición enerxética xusta"

Mobilización por unha "transición enerxética xusta", ás portas do Congreso en Madrid CC-BY-SA EC-UP

As Pontes permaneceu este mércores paralizada. A vila pontesa respondeu á chamada á folga xeral por unha “transición enerxética xusta” logo de que Endesa anunciase hai unhas semanas o peche da central térmica da que dependen boa parte das familias da localidade. O peche foi practicamente total, con bancos, comercios, centros educativos e polígonos industriais sen actividade e servizos mínimos no centro de saúde.

A folga xeral paralizou por completo a vila pontesa, practicamente deserta polo paro e pola presenza de centos de veciños e veciñas na manifestación en Madrid

Pouca xente polas rúas e moitos veciños –nuns 20 autocares-- en Madrid para a manifestación que se celebrou á tarde e á que xa marcharan 140 transportistas nos seus camións e moitas outras persoas nos seus coches particulares. Foi alí onde o berro de cidadanía e persoal se uniu para reclamar unha solución que evite a fin abrupta da actividade e o conseguinte impacto económico e no emprego dunha comarca, e arredores, que ten desde hai décadas unha dependencia case total da instalación controlada agora pola multinacional italiana Enel. 

Mentres a central térmica continúa con probas na busca de alternativas ao carbón, o Instituto da Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) conta con visitar a instalación na procura de opcións e os expertos advirten da necesidade de diversificar e planificar a medio e longo prazo, As Pontes paralizouse. Os sindicatos cifraron no 100% do seguimento do paro no comercio, na hostelería e, en definitiva, na actividade habitual da vila, e no 90% nos polígonos industriais dunha localidade practicamente deserta. 

As Pontes paralizouse e secundou a folga xeral por unha "transición xusta" © Concello das Pontes

"Paro total nas Pontes! Folga xeral secundada por toda a veciñanza de xeito unánime. Orgullo pontés!”, manifestaba o Concello a través das redes sociais. “Repercute en toda a vial. Debían ter outra solución antes de pechar”. “Tíñanse que ter acordado antes e non deixar vender a empresa”. Así reflexionaban dúas veciñas nos micrófonos da Radio Galega. “Queremos unha solución máis ordenada, porque sabemos que unha parte vai pechar, pero polo menos que haxa alternativa para outra”, dicía outro veciño. 

Xa á tarde, e mentres moitos cos conveciños se manifestaban en Madrid, medio milleiro de persoas uníronse a unha concentración ás portas do Concello para ler o mesmo manifesto que se presentou no rexistro do Congreso dos Deputados e no que se pide que non se peche a central, que se realice unha transición xusta e que se poida seguir dando actividade e traballo aos máis de 700 traballadores que dependen da planta entre o persoal dela, o das auxiliares e os transportistas. 

Ante o Congreso dos Deputados, ao tempo, milleiros de ponteses, acompañados de cargos políticos de diferentes partidos e da maioría dos alcaldes dos concellos das comarcas máis afectadas, demandaban tamén unha solución, alternativas industriais, compromisos a Endesa e a implicación das administracións na busca dun futuro. 

O comité de empresa asegura ter unha alternativa para substituír o 40% do carbón usado na cetnral térmica: "Só pedimos que nos deixen traballar"

"Por un futuro de todos", rezaba unha das pancartas, que encabezaba as marchas dunha multitude cunhas 2.000 persoas chegadas desde a comarca do Eume e doutras do norte de Galicia, moitas delas lucindo chalecos amarelos. "O único que pido é que nos deixen traballar. temos alternativas dabondas e querémonos descarbonizar, como todo o mundo", dixo o presidente do comité de empresa da planta, Luís Varela, que asegura que hai opción para substituír o 40% do carbón empregado na central pontesa. "Puxemos o remedio enriba da mesa", insistiu. 

Concentración nas Pontes, durante a folga xeral do 16 de outubro CC-BY-NC-SA CIG

Ademais, o grupo de crise conformado nas Pontes para liderar as reivindicacións e as protestas --no que se inclúen comité de empresa ou autoridades--aproveitou a presenza ante o Congreso para se reunir con diferentes grupos parlamentarios. 

Galicia en Común, unha das formacións que se reuniu con persoal ou o co alcalde das Pontes, reclamou ao Goberno central en funcións que "presente un plan de futuro" para a comarca no prazo dun mes, demanda que remitiron a través dunha carta á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. 

Galicia en Común pdie ao Goberno en funcións que presente nun mes un "plan de futuro" e o BNG reclama unha transición "xusta e con alternativas"

Mentres Valentín García Formoso, rexedor socialista e tamén presidente da Deputación da Coruña, apoiaba as demandas dos traballadores, Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, xunto a outros deputados e cargos populares, culpaba o Goberno central por ter "asfixiado as centrais térmicas" e volveu reclamar vantaxes fiscais para Endesa. 

Ademais, na manifestación estiveron presentes tamén a deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Noa Presas, ou o candidato pola Coruña no vindeiro 10N, Néstor Rego. Este último, ás portas do Congreso, salientou o apoio da formación nacionalista “á xusta reivindicación” dos traballadores e traballadoras e da veciñanza das Pontes. Así, e malia estar a favor da "descarbonización", advertiu tamén de que a transición enerxética debe ser "xusta e con alternativas, e non pode ser que unha empresa que explotou os nosos recursos naturais durante décadas facendo negocios multimillonarios pretenda pechar dun día para outro deixando tirada toda unha vila e toda unha comarca”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.