Endesa acelera o peche da central térmica das Pontes

Central térmica das Pontes CC-BY-SA luscofusto

Endesa decidiu acelerar o peche da central de carbón das Pontes (A Coruña), ademais da de Litoral (Almería), as dúas únicas do grupo que foran eximidas da obriga de ser clausuradas a mediados de 2020. 

Faino, di, empurrada polas actuais condicións de mercado, que levou a que estas plantas "non resulten competitivas", segundo di nun feito relevante á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). E confírmao logo de varios meses de inactividade, con importantes protestas de persoal propio, das auxiliares, dos transportistas e da veciñanza esixíndolle alternativas e unha descarbonización "ordenada e regulada". 

Endesa decide adiantar o peche da central das Pontes e "avaliar opcións de futuro" para as instalacións

A enerxética aclara  que o seu consello de administración aprobou "promover a descontinuidade da produción das súas centrais térmicas de carbón na Península, de conformidade cos trámites e procedementos legalmente establecidos, e avaliar opcións de futuro nos devanditos emprazamentos".

Endesa sinalou que o valor neto contable do conxunto de centrais térmicas de carbón peninsular ascende a uns 1.300 millóns de euros, incluíndo o importe estimado da provisión para o desmantelamento destas centrais, cifra máxima á que podería alcanzar a deterioración a rexistrar polo peche das plantas, aínda que subliñou que non terá impacto na súa política de dividendos.

Mobilización en defensa do emprego nas auxiliares de Endesa CC-BY-NC-SA CIG

Xa a finais do ano pasado, o grupo presentou a solicitude formal de peche para as súas centrais de carbón de Compostilla (León) e Andorra (Teruel), tras decidir non abordar os investimentos necesarios para que estas plantas cumprisen cos novos límites de emisións establecidos pola UE que entrarán en vigor o 30 de xuño de 2020.

No seu plan estratéxico 2018-2021, no entanto, si que incluía os investimentos necesarios para adaptar a central das Pontes a eses límites de emisións. Así, e malia que non está confirmado o peche, o que si está claro que a folla de ruta que calculaba o peche sobre 2030 xa non é factible. Será moito antes. 

"A situación estrutural determinou que as centrais térmicas peninsulares de carbón non resulten competitivas", di Endesa

A modificación nas condicións de mercado que afectan as centrais térmicas de carbón, derivado fundamentalmente da escalada nos prezos dos dereitos de CO2, que cotizan máis dun 50% máis caros que o exercicio pasado, e o abaratamento do prezo internacional das commodities desprazaron estas plantas, cun maior volume de emisións, en favor doutras tecnoloxías.

De feito, a produción das centrais de carbón caeu moitísimo neste 2019, en favor, sobre todo, da produción con gas. "Esta situación estrutural determinou que as centrais térmicas peninsulares de carbón non resulten competitivas, e polo tanto o seu funcionamento non resulte previsible no mercado de xeración eléctrico no futuro", di Endesa.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón  propón que Endesa, Estado, Xunta e sindicatos acorden o peche “planificado e pactado da central” nos vindeiros anos, “a máis tardar en 2025”. E que este plan se acompañe con “medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas Pontes e a súa contorna, no marco dun Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.