A Comisión Europea obriga a limitar as emisións da central térmica das Pontes

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

A Comisión Europea rexeita o Plan Nacional Transitorio sobre emisións industriais presentado polo Goberno central. O executivo comunitario considera que os límites de emisión de contaminantes de grandes instalacións de combustión son "inapropiados", nalgúns casos, e "inxustificados" noutros, segundo a decisión publicada no Diario Oficial da Unión Europea. Unha das centrais térmicas sinaladas por Bruxelas é a das Pontes, para a que o documento español prevía uns niveis de emisión de dióxido de xofre que a Comisión cualifica de "inapropiados" e insta a corrixir.

Unha das centrais térmicas sinaladas por Bruxelas é a das Pontes, para a que o documento español prevía uns niveis de emisión de dióxido de xofre que a Comisión cualifica de "inapropiados" e insta a corrixir

O Goberno central aprobou o pasado 18 de outubro o Real Decreto 815/2013, que contén o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei de Prevención e Control Integrados da Contaminación, e que supuña a transposición da Directiva Europea 2010/75/UE “sobre as emisións industriais (prevención e control integrados da contaminación)”. Está directiva reduce os límites de emisión dalgúns contaminantes neste tipo de instalacións, coma as dos óxidos de nitróxeno, os óxidos de xofre e as partículas. Ademais xa non se permiten as compensacións de emisións entre instalacións do mesmo propietario, que terán de se cumprir de forma individualizada por instalación. A Directiva, iso si, permite establecer un Plan Nacional Transitorio para aquelas instalacións de combustión que oficialmente o solicitasen, no período de 2016 a 2020.

Este foi o documento presentado polo Esxecutivo español e que a Comisión Europea non acepta, polo que deberá ser corrixido. Neste senso, Ecoloxistas en Acción reclama que se "cumpran os límites" e lembra que as centrais térmicas "seguen sendo unha fonte importante de contaminantes atmosféricos". Este colectivo conclúe que "despois de máis de dúas décadas de exencións e de teitos de emisión incumpridos, é hora de pór en marcha medidas individuais por instalación que permitan cumprir os novos límites establecidos".

O 28% das emisións galegas proveñen das térmicas de carbón, segundo os datos correspondentes a 2011, nomeadamente da central das Pontes

O 28% das emisións galegas proveñen das térmicas de carbón, segundo os datos correspondentes a 2011, nomeadamente da central das Pontes. A presenza destas instalacións no noso país fixo que as emisións medias de CO2 por habitante (9,9 toneladas/ano) en Galicia sexan mesmo maiores que as do Estado español e as da UE. Este feito fixo agromar nos últimos meses un debate que mesmo chegou ao Parlamento galego.

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.