Os impactos ambientais tras pechar a térmica das Pontes: as chemineas son patrimonio a conservar?

Vista aérea da central das Pontes, coa súa cheminea e catro torres de refrixeración © Endesa

O Ministerio para a Transición Ecolóxica inicia a avaliación ambiental do desmantelamento da central tras recibir todo tipo de alegacións de Xunta e Concello sobre posibles prexuízos durante o desmantelamento do complexo

Non só a construción de grandes infraestruturas require dunha avaliación dos seus posibles impactos ambientais, tamén a súa demolición. Un proceso de estudo de prexuízos e beneficios que demorará o desmantelamento da central térmica das Pontes tras o seu peche xa en marcha por parte de Endesa e que entre outras cuestións deberá analizar se a cheminea e as catro torres de refrixeración do complexo son patrimonio cultural a conservar.

A empresa iniciou o pasado xuño o procedemento de solicitude da autorización ambiental para desmantelar a central, paralelo ao do peche das instalacións como produtoras de electricidade. E agora o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de confirmar, segundo publicou este luns no Boletín Oficial del Estado (BOE), que as obras de desmontaxe deben someterse a un proceso completo ou ordinario de avaliación ambiental, e non ao simplificado ao que poden acollerse as actuacións menos complexas e que a Xunta vén permitindo en todo tipo de actuacións de xeito ilegal, segundo diversas sentenzas. Unha decisión de realizar unha avaliación ordinaria que o ministerio toma tras recibir todo tipo de alegacións por parte especialmente da Xunta e do Concello das Pontes sobre posibles prexuízos durante as obras, elementos que agora deberán ser analizados a fondo.

Espazos protexidos na contorna das Pontes nun mapa incluído no BOE deste luns © BOE

Patrimonio

A Xunta reclama "un estudo concluínte canto á caracterización do valor cultural dos inmobles, cando menos a cheminea e o conxunto que esta forma coas torres de refrixeración"

As avaliacións de impacto ambiental non só analizan os efectos da construción de infraestruturas ou da súa desmontaxe sobre os valores naturais senón tamén sobre os patrimoniais. Nese eido a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta sinalou ao ministerio que de acordo coa lei galega de patrimonio e co plan estatal de patrimonio industrial “parte das estruturas do conxunto fabril poderían posuír as cualidades e os valores propios do patrimonio industrial”. 

A Xunta reclama que o estudo ambiental do desmantelamento da central “debe incorporar un estudo concluínte canto á caracterización do valor cultural dos inmobles (cando menos a cheminea e o conxunto que esta forma coas torres de refrixeración), a xustificación da súa eventual consideración como bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, e se merecen protección e no seu caso, as medidas correctoras para a súa salvagarda”. Igualmente alerta, ao igual que o Concello, sobre a necesidade de avaliar o impacto da desmontaxe da central sobre outros bens patrimoniais da súa contorna.

Produción de residuos

Endesa cifra en máis de dúas mil as toneladas de residuos perigosos que producirá o desmantelamento, 1.500 deles con amianto, e outras 280.000 toneladas de entullos de formigón que prevé reutilizar en recheos na propia parcela

O principal efecto que terá o desmantelamento da central das Pontes será a xeración de residuos froito da súa demolición, que a propia empresa cuantifica en 280.000 toneladas de residuos inertes pétreos, 80.460 toneladas de residuos metálicos e outro tipo de residuos de menor contía dos que destacan 1.540 toneladas de residuos con amianto e outras 636 toneladas doutros tipos de resiudos perigosos. Para os entullos procedentes das estruturas de formigón prevese a súa reutilización como “recheo e regularización de zonas dentro da parcela”. 

O propio ministerio de Transición Ecolóxica advirte da necesidade que a empresa indique o destino de todos os residuos e “unha avaliación da dispoñibilidade de instalacións de xestión que poidan asumir o seu tratamento”. Pola súa banda, a Xunta advirte da necesidade de garantir que os residuos non filtren contaminación a través da auga que poida afectar a varias masas de auga protexidas da zona, en particular ao río Eume.

Augas de Galicia chega a considerar “previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos sobre o medio hídrico, aínda tendo en conta as medidas preventivas e correctoras que o promotor preveu”.

Imaxe de promoción turística da vila das Pontes © Concello das Pontes

Ruídos e po

A proximidade da central ao centro urbano das Pontes fan precisos máis estudos e controis sobre os ruídos e o po que producirá a desmontaxe 

Xunta e Concello alertan tamén da necesidade de máis estudos sobre os impactos da demolición sobre a poboación e as especies animais máis próximas durante as obras, en especial a través dos ruídos e do po en suspensión.

Nas súas alegacións, o Concello revisou distintos expedientes de desmantelamentos similares e conclúe que “se ben todos os procedementos foron tramitados como avaliación simplificada, o feito de que As Pontes sexa a central térmica con máis potencia de España, así como a súa proximidade a vivendas habitadas, confiren á instalación unha especial sensibilidade desde o punto de vista ambiental”.

Efectos económicos

Aínda que a avaliación ambiental do desmantelamento é paralela ao procedemento de autorización tamén por parte do Goberno central do peche da central como instalación de produción eléctrica, a Xunta insiste en que tamén no eido ambiental se analice o impacto económico do peche. “Ao ser o desmantelamento da central unha consecuencia do seu peche previo, este peche debe ser considerado como a fase inicial do proceso de desmantelamento á hora de identificar e avaliar os impactos de carácter socioeconómico”, di a Xunta, que teima en que non se peche a central.

Ante todas as alegacións recibidas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica considera que non basta cunha avaliación ambiental simplificada do desmantelamento da central senón que é necesaria unha avaliación ordinaria completa "xa que se prevén efectos adversos significativos sobre o medio ambiente". 

Central térmica das Pontes CC-BY-SA luscofusto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.