A fin da central das Pontes evidencia a falta de alternativas a un peche previsto: "Endesa vendeu tempo, a Xunta comprouno"

Central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA M. Pereira

Feijóo queixouse da "decisión improvisada" de Endesa, que anunciou hai máis de ano e medio as súas intencións de pechar a central das Pontes

"Decisión improvisada", queixouse Feijóo ao pouco de coñecer o anuncio de Endesa de pechar de vez a súa central térmica nas Pontes ante a nula viabilidade medioambiental e económica da queima de lodos e biomasa que a empresa probou nos últimos meses. O presidente da Xunta e o conselleiro de Economía, Francisco Conde amosaron a súa indignación e mesmo sorpresa por unha decisión anunciada hai case ano e medio e ratificada agora tras unhas probas alternativas que expertos levaban tempo avisando que non eran máis ca un "calote": "Unha forma de gañar tempo para aprazar o inaprazable"

O anuncio da multinacional ratifica un camiño emprendido hai tempo e sen marcha atrás, pero tamén a falta dun plan alternativo para a pregoada transición sustentable e xusta cos empregos, aí como a confirmación de que as voces expertas adoitan ser acaladas ante o temor ao castigo político. 

Escavadoras da antiga mina de lignito, nas Pontes CC-BY Amio Cajander

"Na Xunta xa hai tempo que se decataron de que as probas non ían a ningures, pero politicamente non hai quen se atreva a plasmar a realidade", conta unha fonte experta, coñecedora do proceso nas Pontes e presente en reunións con administracións autonómicas e locais na busca de alternativas. "Endesa vendeu tempo e a Xunta comproullo, pero é a crónica dunha morte anunciada", insiste con rotundidade. 

"Endesa vendeu tempo e a Xunta comproullo, pero é a crónica dunha morte anunciada"

A multinacional víñao advertindo e confirmouno hai pouco máis dun ano, cando puxo data á fin da central das Pontes: antes de 2022. No nadal de 2019, xa solicitara formalmente o peche, aínda que sempre advertindo dunha posible marcha atrás, de seren viables as probas con biocombustibles, algo que era case unha quimera. Sabíano ou intuíano todos. Da primeira vez, Endesa negou a rendibilidade económica, pero as administracións presionaron para gañar, outra vez, tempo e manter a esperanza dunha alternativa. Ata que o reloxo non deu máis e a multinacional cumpriu coas datas que xa sinalara. 

Agora Endesa advirte de "graves inconvenientes de carácter ambiental" e esgrime que o alto custo da electricidade xerada co método probado --mestura de carbón e lodos-- deixaría a central pontesa "fóra do mercado eléctrico". O abaratamento do prezo do gas, a maior produción de renovables, a menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo fan o resto. 

A Xunta, que centrara os seus ataques no Goberno central, acusa agora a Endesa dunha "actitude inaceptable" e pídelle que "rectifique"

Desde a Xunta, que centrou sempre os seus ataques no Goberno central, acusan agora a Endesa dunha "actitude inaceptable", de rachar cun "principio de confianza" e de ter unha mirada "curtopracista" baseada só na súa "conta de resultados". Por iso, pídenlle que "rectifique" e insisten en que, ata o momento, as probas alternativas deran bos resultados e tiñan unha "tendencia positiva". 

Mostras de indignación tan só uns días despois de que o Goberno galego rematase as obras dunha estrada pagada pola multinacional a cambio de estenderse esta sobre o terreo que ocupaba outro vial para ampliar as súas instalacións. "A petición de Endesa", aclaraba a Xunta sobre aquela operación. 

José Bogas, conselleiro delegado de Endesa, Francisco Conde e Feijóo, de fronte, en San Caetano © Xunta

Pola súa banda, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asegura que a decisión non o colle "por sorpresa", pero acusa a Endesa de presentar un informe "cheo de falsidades" e de tomarlles "o pelo" durante o último ano. "Non é necesario enganar unha sociedade á que tanto debe", engadiu, compartindo as dúbidas da Xunta sobre os resultados das probas, que a comisión técnica analizará o vindeiro martes. 

No Goberno central, á espera dunha análise en detalle, as acusacións a Endesa chegaran antes. A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, tras coñecerse hai máis dun ano as intencións da empresa, acusouna de ofrecer "contas trucadas" sobre a suposta viabilidade da central pontesa, que non era tal, para logo decidir o peche. Ao tempo, e ante as críticas da Xunta, lamentaba que ninguén aproveitase a pasada década para "adaptarnos" a un escenario de fin do carbón. 

Rodríguez Añón, experto da USC, aclara que nin a biomasa nin a queima de lodos eran viables e advirte da "falta de valentía política" para asumir o inevitable

Desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada e coordinador do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable, o único deste tipo en España, é claro. Era visto. "Contando só cun dos catro grupos que ten Endesa nas Pontes, non hai cantidade de materia prima suficiente para o que se dixo que se pretendía; con biomasa é totalmente imposible, e a xestión de lodos é loxisticamente inviable", explica. 

"Non hai lodos en toda España capaces de alimentar unha soa unidade de Endesa", insiste Rodríguez Añón, que alerta tamén da imposibilidade de saber con exactitude os compoñentes deses barros e do "risco" que suporía queimalos para, logo, "crear, por exemplo, unha nube de arsénico". 

Central térmica de Endesa nas Pontes CC-BY José Antonio Cartelle

Desde o grupo que coordina na USC, son varias as veces nas que mantivo reunións con diferentes administracións na busca de alternativas que considera viables, como facer das Pontes un polo para as enerxías renovables, pero hai tempo que non sabe nada malia alertar de que a fin da central térmica era inevitable. 

Así, advirte da "falta de valentía política" para asumir que a combustión a grande escala non ten futuro e da necesidade de impulsar proxectos alternativos e "non perder o tren das axudas da UE". "A Xunta debe impulsar unha transición sustentable e non a reconversión encuberta de Endesa", dicía e volve dicir ante as expectativas dun futuro que cada vez ve máis negro pola falta de iniciativa dos gobernos.

"As probas só serviron para atrasar aínda máis a inevitable adaptación socioeconómica a un futuro sen carbón"

Desde a plataforma Galiza, mellor sen Carbón celebran o peche definitivo e lembran que a "suposta alternativa" de "converter a central das Pontes nunha incineradora de residuos orgánicos", e que lembran que defenderon todas as institucións galegas, o Goberno central e os principais sindicatos, "non foi proposta para ningunha outra central de carbón de España e, que saibamos, do mundo"

"Foi un derradeiro e desesperado intento de alongar a vida dunha enorme fábrica de cambio climático, que non serviu para outra cousa que para atrasar aínda máis a inevitable adaptación socioeconómica a un futuro sen carbón", insiste o colectivo, que coincide na análise de fontes expertas e coñecedoras do proceso levado a cabo por Endesa nos últimos meses. "Agora cómpre centrar por fin os esforzos na implementación dun convenio de transición xusta que non esqueza tampouco os transportistas do carbón e os traballadores das industrias auxiliares", di. 

"Non é unha transición xusta, é unha nova reconversión"

Aí a cerna das futuras decisións. Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, considera "inaceptable o peche da central mentres non haxa alternativas viables sobre a mesa". A líder do Bloque considera que o que se vive nas Pontes "non é unha transición enerxética xusta", senón "unha nova reconversión industrial no país que non se pode aceptar". Así, advertiu da necesidade de "enfrontar o proceso desa transición enerxética" pero pediu a Xunta e Goberno central  que "deixen de bailar ao son que está marcando esta gran multinacional e se poñan xa a traballar para que haxa alternativas viables".

O PSdeG, pola súa banda, rexeita que Endesa anuncie "de xeito unilateral" o peche da instalación "sen consensuar" na Mesa das Pontes: "Ten que buscar alternativas ao carbón que manteñan o emprego".

Mobilización polo mantemento do emprego en Endesa As Pontes CC-BY-NC-SA CIG

Desde Unidas Podemos, o seu deputado pola Coruña no Congreso, Antón Gómez-Reino, acusou a Xunta de Feijóo de "non estar á altura da súa xente, negando durante anos o cambio climático e mirando cara a outro lado en vez de preparar a comarca para unha transición xusta"

O impacto no emprego será evidente, xa co desmantelamento, que levará catro anos e precisará segundo Endesa de 130 traballadores a maiores dos 81 da central. E logo? A eléctrica di avogar por un "plan Futur-E para a busca de proxectos empresariais que se implantarán" nas Pontes. Cun "concurso internacional de ideas" no que agarda "alta implicación" da Xunta e do Concello. Abrangue o desenvolvemento de ata 1.500 megavatios de nova capacidade" eólica con traballos para os que di estimar "máis de 1.200 empregos directos" para a construción dos parques (durante seis anos) e 125 cando estean funcionando. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.