A Xunta deixa As Pontes varios meses sen un dos seus accesos viarios para que Endesa amplíe a súa central

Punto en que a estrada AC-861 será cortada e pasará a ser ocupada pola ampliación da central de Endesa Dominio Público Google Street View

O vindeiro xoves día 15 deste mes de febreiro a Xunta pechará ao tráfico o principal acceso ao centro das Pontes desde a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, un treito dun quilómetro da estrada autonómica AC-861 que deixará de ser unha vía pública para que sobre os terreos que agora ocupa poida ampliarse a central eléctrica de Endesa que hai á súa beira. A empresa pagará do seu peto os 3,9 millóns de euros necesarios para a construción dunha nova estrada alternativa, pero a Consellería de Infraestruturas aínda non iniciou a expropiación dos terreos necesarios nin aprobou o proxecto construtivo. A propia Xunta calcula que o primeiro treito desa nova vía alternativa de acceso á vila non estará en servizo ata cinco meses despois do inicio dunhas obras ás que aínda non pon data.

A eléctrica pagará unha nova estrada a cambio de estenderse sobre o terreo que hoxe ocupa outra, pero a Xunta vai cortar xa a vía vella antes de aprobar sequera o proxecto da nova

A central térmica das Pontes ten que realizar unhas importantes obras de adaptación para cumprir coa normativa comunitaria de emisións contaminantes e poder así seguir funcionando despois de 2020. Endesa e Xunta acordaron que a ampliación precisa para realizar esas obras se realice cara ao espazo que ata o de agora ocupaba a estrada AC-861, que nun treito dun quilómetro de lonxitude pasará a ser unha vía de servizo de uso exclusivo da central. A cambio, Endesa sufragará a construción dunha vía alternativa a ese treito, que ata o de agora era o máis directo para conectar o centro da vila coa autovía AG-64. Pero esa nova estrada autonómica alternativa aínda tardará varios meses en estar dispoñible, restrinxindo así os accesos á vila.

O convenio entre Xunta e Endesa dá prioridade á obra de ampliación da eléctrica por riba da mobilidade da cidadanía

Malia que as necesidades de adaptación da central térmica á normativa europea son coñecidas desde hai anos, Xunta e Endesa non asinaron ata o pasado mes de abril o convenio polo que a primeira cede a súa estrada á segunda a cambio de que esta constrúa unha nova vía. Nese convenio as dúas partes comprometíanse a “coordinar as obras, tanto do novo acceso ás Pontes, como da conversión en vía de servizo do tramo que queda en desuso”. Pero tamén se admitía de xeito implícito a demora con que xa se estaba a planificar e se daba prioridade á obra de Endesa por riba da mobilidade da cidadanía: “En calquera caso e, dado que as obras que Endesa necesita levar a cabo na central non poden atrasarse, a Axencia Galega de Infraestruturas axilizará ao máximo a autorización para a realización de cortes temporais dese tramo da estrada cando sexa necesario para o desenvolvemento dos traballos, a petición de Endesa”, di o convenio.

E iso é o que agora fai a Xunta, que vén de emitir unha nota de prensa na que anuncia que o peche ao tráfico da estrada vella realizarase o xoves. Na mesma nota a Consellería de Infraestruturas admite que o proxecto da estrada nova aínda está “en fase de supervisión técnica” e mesmo que o procedemento expropiatorio dos terreos necesarios para a súa construción iniciarase “nas vindeiras semanas” para “posteriormente proceder á licitación das obras”. A Xunta indica que, malia que toda a nova estrada ten un prazo total de execución de 18 meses, o proxecto da obra “prevé que nos cinco primeiros meses se execute e adiante a posta en servizo dun primeiro tramo” que “permitirá xa unha mellora importante na mobilidade das Pontes”. “Mentres tanto, sinalizaranse debidamente os itinerarios alternativos de acceso ao núcleo das Pontes”, engade o Goberno galego.

Convenio polo que a Xunta primou as necesidades de Endesa á hora de autorizarlle cortes de tráfico Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.