Este mércores, Alberto Núñez Feijóo destacou en rolda de prensa a importante redución nas emisións de CO2 que se produciu o ano pasado en Galicia e gabouse de que o descenso era froito da "estratexia de cambio climático" desenvolvida polo Goberno galego. O presidente da Xunta subliñou que "Galicia está a acelerar a redución de emisións por riba da media nacional e en liña cos obxectivos que marca a Unión Europea", sinalando que Galicia "conta cunha Estratexia máis ambiciosa" que a Lei estatal de cambio climático que foi aprobada este xoves polo Congreso dos Deputados cunha amplísima maioría, a abstención do PP e o único voto en contra de VOX.
Entre os anos 2018 e 2019 Galicia reduciu considerablemente as súas emisións contaminantes á atmosfera, un 24,5% menos. A razón foi a diminución da actividade das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes
En efecto, entre os anos 2018 e 2019 Galicia reduciu considerablemente as súas emisións contaminantes á atmosfera, un 24,5% menos. A razón foi a diminución da actividade das centrais térmicas de carbón de Meirama (que pechou definitivamente no mes de xullo de 2020) e As Pontes, que o fará en breve. As dúas centrais eran responsables da parte máis importante das emisións contaminantes en Galicia e no ano 2020, a redución ao mínimo da enerxía eléctrica xerada por elas (un 45% menos, subtituída pola enerxía xerada polos eólicos) limitou tamén as emisións de CO2. As emisións das centrais de carbón galegas baixaron de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas entre 2018 e 2019 e seguiron a baixar no 2020. E aínda así seguiu a ser a industria máis contaminante de Galicia, xunto con Alcoa.
As palabras de Núñez Feijóo felicitándose polo descenso das emisións de CO2 e mesmo gabándose da efectividade das medidas aplicadas sorprenderon tendo en conta que o presidente da Xunta opúxose nos últimos anos ao peches das centrais térmicas de Meirama e As Pontes
As palabras de Alberto Núñez Feijóo deste mércores felicitándose polo descenso das emisións de CO2 e mesmo gabándose da efectividade das medidas aplicadas sorprenderon tendo en conta que o presidente da Xunta opúxose nos últimos anos ao peches das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. En varias ocasións Núñez Feijóo culpou ao Goberno de Pedro Sánchez do peche de ambas as dúas instalacións contaminantes e teimou en reactivar a térmica das Pontes, mantendo esta reivindicación ata o mesmo anuncio definitivo de Endesa do peche total das planta, o pasado mes de xaneiro, cun discurso que sempre marchou en paralelo aos intereses de Endesa.
A plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' criticou este xoves a "desvergoña climática de Feijóo" lembrando que o descenso nas emisións se produciu debido "ao peche do carbón que el nunca defendeu". A entidade subliña que a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta "nada ten que ver coa histórica diminución das emisións territoriais de CO2" de Galicia durante o ano 2019. E, de feito, engade que "se excluímos as emisións das centrais de carbón as emisións galegas de GEI non só non baixaron senón que mesmo medraron, pasando de 19,6 millóns de toneladas en 2018 a 19,9 en 2019".
"Se excluímos as emisións das centrais de carbón as emisións galegas de GEI non só non baixaron senón que mesmo medraron, pasando de 19,6 millóns de toneladas en 2018 a 19,9 en 2019", lembra 'Galiza, un futuro sen carbón'
Tamén denuncian a "falta de ambición" da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta, sinalando como exemplo que "no tocante á redución das emisións das centrais térmicas (de carbón e gas fósil), o obxectivo da EGCCE para 2030 (-54,3%) xa foi amplamente superado en 2020 (-82,7%)".
A plataforma Galiza, un futuro sen carbón demanda un recorte das emisións totais de Galicia do 65% en 2030, a máis tardar, fronte ao obxectivo da Xunta do 24,6%, que xa practicamente se acadou. En 2019 as emisións galegas foron un 23,9% inferiores ás de 1990. Para acadar o obxectivo do 65%, a entidade fai un chamamento a "deixar de queimar combustíbeis fósiles na xeración de electricidade" e, ademais, reclama que se tomen medidas urxentes noutros ámbitos como o transporte.