Os socialistas admiten no último momento unha emenda de Ciudadanos que muda a ambigua expresión que se refería aos “actos administrativos ditados” por outra que fala dos “actos administrativos que se diten”
No último momento, na fase de emendas no Senado xusto antes da súa aprobación definitiva, e tras negarse a aceptar correccións similares hai tres semanas no Congreso, o PSOE admitiu este mércores mudar a ambigua redacción que o Goberno de España establecera nun artigo da Lei de Cambio Climático para ratificar que non revogará concesións costeiras que xa estean en vigor. A gran maioría do resto da lei permanece igual a como saíu do Congreso, establecendo desde a obriga de zonas de baixas emisións nas cidades en 2023 ata a obriga de que dende 2040 só se vendan coches eléctricos.
Unha emenda de Ciudadanos aceptada pola maioría da Cámara Alta foi a vía finalmente elixida para poñer fin ao debate alentado polo PP e a Xunta sobre o efecto da nova norma sobre as instalacións de todo tipo, moitas delas ligadas á pesca e o marisqueo, existentes na costa galega. Porén, o futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra, principal preocupación dos populares e do Goberno galego, seguirá en mans do que decida a Audiencia Nacional sobre a legalidade ou non da prórroga da súa concesión que lle outorgou en 2016 o Goberno de Mariano Rajoy.
As concesións públicas en España están limitadas a un máximo de 75 anos, pero en 2016 o Goberno en funcións de Rajoy ampliou a de Ence ata 2073, máis alá do 2033 en que se acadarían os 75 anos iniciais. Fíxoo amparándose nunha reforma previa impulsada polo propio PP da Lei de Costas e no seu regulamento posterior, que tamén elaboraron os populares, dous textos que foron criticados polo Consejo de Estado por “ambiguos”, xa que non deixaban claro se os prazos máximos de concesión debían contar desde o seu primeiro outorgamento ou desde a autorización das prórrogas posteriores á reforma legal.
A legalidade desa prórroga outorgada a Ence está a ser avaliada pola Audiencia Nacional, pero ao tempo o Goberno central incluíu no seu proxecto de Lei de Cambio Climático un artigo (inicialmente o 18.4, agora coa numeración mudada a 20.4) no que quixo poñer fin á ambigüidade que deixou o Goberno de Rajoy sobre como se contan as prórrogas e estableceu que “os prazos de duración” das concesións previstas na Lei de Costas “computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas”. Pero engadiu a continuación un matiz: “sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo”. Esa redacción foi tamén criticada polo Consejo de Estado, nun novo ditame no que di que “procedería substituír a expresión ‘ditados’ por ‘que se diten’, coa fin de deixar claramente establecido que se trata dos actos posteriores á Lei”.
O voceiro dos socialistas galegos no Senado, Leiceaga, di que a corrección foi aceptada para "despexar calquera sombra de dúbida" pero insiste en que "ningunha lei ten efectos retroactivos"
Tras meses negándose a realizar esa mudanza, finalmente este mércores os socialistas si aceptaron que o texto diga “que se diten” en lugar de “ditados”. Segundo o voceiro dos socialistas galegos no Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga, faise para “despexar calquera sombra de dúbida que puidera ter o sector mar-industria sobre a non retroactividade da norma”. Leiceaga insiste en que en todo caso “ningunha lei ten efectos retroactivos”, pero di que así “a norma exclúe calquera sospeita de retroactividade para as actividades industriais no noso litoral”.
Pola súa banda, tras a belixerancia mostrada nos últimos meses, este xoves o PP abstívose sobre esa emenda de Ciudadanos fronte á proposta propia de eliminar por completo ese apartado da lei. Previamente, no Congreso, os populares tamén se abstiveran na votación global da lei, mentres que o BNG, sen representación no Senado, defendera na Cámara baixa unha postura intermedia entre populares e socialistas considerando que a prórroga de ENCE fora ilegal pero reclamando garantir a continuidade no litoral das industrias directamente ligadas á actividade marítima.
Ratificado agora no propio texto que a lei non será retroactiva, a legalidade da concesión de ENCE segue estando, como xa o estaba ata agora, en mans do que decida a Audiencia Nacional.