"Un ecoloxismo falso e malentendido" e tamén "radical", unha "imposición ideolóxica" ou, simplemente, un "ataque a Galicia". Son algunhas das expresións que, nas últimas semanas, o PP galego dedicou ao Goberno de España, ao BNG e ao PSdeG ao dar por seguro que a futura Lei de Cambio Climático que está a tramitar o Executivo central vai provocar que ENCE teña que pechar a súa factoría de Lourizán, na beira da ría de Pontevedra.
Alén da futura lei de cambio climático, a permanencia de ENCE na ría depende, sobre todo, do que resolva a Audiencia Nacional sobre os recursos contra a prórroga outorgada polo Goberno de Rajoy en funcións
En realidade, a concesión da pasteira en Lourizán está pendente, sobre todo, do pronunciamento da Audiencia Nacional. Ese tribunal ten que ditaminar se, ao fío dos recursos formulados polo Concello de Pontevedra, Greenpeace a a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), a empresa pode ou non seguir beneficiándose da prórroga da concesión outorgada polo Goberno de España en 2016, cando Mariano Rajoy o presidía en funcións, para seguir na ría ata 2073. Caso contrario, todo apunta que tería que abandonar ese emprazamento, a máis tardar, en 2033, cando se cumprirían 75 anos desa primeira concesión.
Con este pano de fondo, a controversia política en torno a ENCE volveu subir de ton nas últimas semanas. No espectro político galego, BNG e PSdeG reiteraron a súa aposta polo traslado da pasteira a outro punto de Galicia e os populares descualificaron a proposta por inviable, na liña do defendido pola propia compañía. Pero isto non foi sempre así. Durante algo máis dun cuatrienio o propio PP, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, asegurou estar a prol do traslado de ENCE fóra da ría e reprochou con dureza a socialistas e nacionalistas que non o impulsasen nos tres anos e medio que dirixiron o Goberno galego.
Esa foi unha das promesas que asumiu como propias, mesmo "persoais", o propio Feijóo tras substituír a Manuel Fraga como líder do PP en Galicia, en xaneiro de 2006. Así, por exemplo, na campaña electoral municipal de 2007, os conservadores incluíron o traslado de ENCE como unha das medidas estrelas do seu candidato á alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, que cambiara Sanxenxo para competir co nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores na capital da provincia. A pasteira sairía da ría pero seguiría na comarca de Pontevedra, aseguraban sen especificar o emprazamento alternativo.
Promesa electoral en 2009 e retorno á Xunta
Este foi o contexto no que chegaron as eleccións galegas de 2009, as primeiras con Feijóo á fronte, e o que fora conselleiro e vicepresidente con Fraga plasmou a viraxe sobre ENCE no seu programa electoral. Na páxina 100 daquel documento, os populares aseguraban que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG tivera "moitas oportunidades para cumprir as súas promesas" sobre o traslado de ENCE pero "non se avanzara nada". Iso, mantiñan, mudaría con Feijóo na Xunta.
Feijóo incluíu no seu programa de 2009 o traslado da pasteira e reiterou a promesa tras chegar á presidencia: "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría"
"O PPdeG ten claro cales son as súas prioridades", expuña: "Recuperar para o desfrute dos cidadáns e para a súa recuperación ambiental a fachada marítima da marxe esquerda da ría" de Pontevedra, pero tamén "garantir o emprego e a riqueza que xera ENCE en Pontevedra". Para logralo, prometían, ían "garantir que o traslado de ENCE se faga dentro da comarca de Pontevedra", un "compromiso" que non só se ía cumprir, senón que ía ser "deseñado consultando os cidadáns de Pontevedra, con plena transparencia".
Aquela campaña desembocara nunha maioría absoluta do PP e, apenas dous meses de tomar posesión, Feijóo mantiña que o compromiso ía virar realidade. "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", resumía a finais de xuño tras unha xuntanza co presidente da compañía, Juan Luis Arregui, a quen viña de comunicar a "decisión persoal", como presidente da Xunta, de que a fábrica abandonase a ría. De aí en diante, sinalaba, tratábas ede buscar un lugar "apropiado e procedente", a ser posible dentro "da comarca e da zona de influencia do Concello de Pontevedra".
Nova promesa electoral en 2012, viraxe e prórroga
Contra finais daquela lexislatura apenas existiran movementos ao respecto, pero o Goberno do PP reiteraba que o seu compormiso non mudara. "A postura do Goberno galego non se moveu un ápice", resumía o 15 de febreiro de 2012 o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, quen advertía de que ENCE dispuña de "tempo suficiente para levar a cabo un traslado ordenado e eficiente que permita a súa reubicación nun emprazamento respectuoso co medio". Pouco despois, en maio daquel ano, Hernández "urxía" a pasteira a "planificar" a súa retirada antes de 2018, cando remataba a súa concesión.
"O PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento", sinalaban no programa de 2012, que reforzaba o argumento subliñando que a saída de ELNOSA estaba en marcha
No verán daquel ano, Feijóo decidía poñer fin á lexislatura anticipadamente e o PP volveu inserir o traslado de ENCE no seu programa electoral. Na páxina 197, os populares encadraban o compromiso na "procura de facer compatible a actividade produtiva coa calidade ambiental" e por iso ían "continuar a política adoptada en relación coa situación da empresa ENCE na ría de Pontevedra", máis aínda unha vez que fora "acordada a saída ordenada" da química ELNOSA do mesmo complexo industrial.
"O PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento" e tamén consideraban "irrenunciable a continuación da súa actividade na contorna da comarca de Pontevedra". "Na busca da mellor solución, contaremos coa opinión da cidadanía", concluían.
Aqueles comicios saldáranse cunha nova maioría absoluta do PP mentres, paralelamente, o partido impulsaba dende o Goberno de España unha reforma da lei de costas que abría claramente a porta a que ENCE ficase na ría alén de 2018. Apenas un ano despois das eleccións, en maio de 2013, Feijóo matizaba a súa propia promesa, afirmando que "o que está no programa do PP é que a concesión caduca no ano 18" e nese momento, sinalaba, o Goberno do PP en España aprobara unha lei que "dá posibilidades de seguir ou non seguir". Por todo isto, a Xunta ía "avaliar moi polo miúdo esta decisión".
En vésperas das eleccións municipais de 2015, o PP retomou a súa postura habitual sobre ENCE e Feijóo pasou a considerar a promesa do traslado un exercicio de "demagoxia" e mais "enganar á xente"
O que semellaban os primeiros pasos para unha nova viraxe, isto é, para o retorno á posición tradicional do PP sobre ENCE en Pontevedra, acabaron culminando en vésperas das eleccións municipais de 2015. O daquela líder local do partido, Jacobo Moreira, sinalou en marzo daquel ano que o PP volvía apoiar que ENCE non saíse da ría e pouco despois facíao o propio Feijóo. Ambos aseguraban que o facían por mor da crise económica.
A promesa de trasladar ENCE, pasou a defender o presidente da Xunta e do PP en Galicia, só podía estar sustentada na "demagoxia" e mais na "ambigüidade". "Non empecemos a enganar á xente; a alternativa non é o traslado, é o peche", resumía Feijóo, quen ademais proclamaba que, mentres o Concello de Pontevedra ía recoller premios "a Dubai e Nova York" -en recoñecemento ao seu modelo urbano-, o PP demostraba, coa súa defensa de ENCE na ría, que lle "preocupan as familias galegas". Poucos meses despois, en xaneiro de 2016, o Goberno de Rajoy outorgaba a prórroga sobre a que a Audiencia Nacional debe decidir.