Licenza para desmantelar Elnosa 52 anos despois da súa apertura en Lourizán

Instalacións de Elnosa, en primeiro termo, xunto a Ence, en Lourizán, nunha imaxe de arquivo © Greenpeace

A desmontaxe prodúcese mentres a veciña Ence agarda pola resolución do proceso xudicial que a enfronta co Goberno central sobre a prórroga que Rajoy lle outorgou ata 2073

O goberno local de Pontevedra vén de outorgar este luns, 13 de abril, licenza municipal para as obras de desmantelamento das instalacións industriais de Elnosa en Lourizán, onde comezou a funcionar en 1968, a carón da superficie que aínda segue a ocupar Ence, sobre antigas marismas e terreos gañados ao mar. A empresa, propiedade nos últimos anos dunha firma portuguesa, confirmou a finais de 2018 o peche das súas instalacións atribuíndo á incerteza xurídica que pesa sobre ese emprazamento industrial a imposibilidade de realizar novos investimentos na súa planta de fabricación de cloro que garantiran o seu futuro.

Ligada inicialmente a súa produción de cloro ás necesidades da veciña Ence, esta primeira fase de desmantelamento das instalacións de Elnosa acometerase despois de que a empresa xa retirase o contaminante mercurio que empregaba para o seu funcionamento. Nunha seguinte fase os terreos deberán ser adecuados para o seu reintegro ao dominio público marítimo-terrestre.

Protesta contra a presenza de Elnosa en Lourizán © APDR

"Unha vez descontaminado o terreo, haberá que facer un proxecto de reintegración ao dominio público"

Para a concelleira de Patrimonio Municipal da cidade, Carme da Silva, "a boa noticia é que estes traballos supoñen un paso moi importante para a recuperación da ría". As obras, especifica, "darán paso a un proceso posterior de descontaminación do solo" e "unha vez descontaminado e recuperado o terreo haberá que facer un proxecto de reintegración ao dominio público".

Á espera dos xulgados sobre Ence

O desmantelamento de Elnosa prodúcese mentres a veciña Ence agarda pola resolución do proceso xudicial que a enfronta ao Goberno central pola interpretación do prazo de remate da súa concesión na zona, que o anterior Executivo de Mariano Rajoy prorrogara en 2016 ata 2073. 

Aquela prórroga apoiábase na controvertida reforma da lei de costas de 2013, e no seu posterior regulamento, do que o Consejo de Estado xa alertara pola súa "ambigüidade". Non quedaba claro se concesións coma esa podían prorrogarse ata 75 anos máis -un total de 150- ou se, pola contra, concesión orixinal e prórroga só podían sumar un máximo de 75 anos.

ENCE xa admite ante os accionistas a posibilidade de ter que saír da ría de Pontevedra en 2033

O actual Goberno de España iniciou o proceso para aclarar esa ambigüidade cunha reforma do Regulamento Xeral de Costas e parte da postura de que o adecuado é limitar a suma de anos a un total de 75. Esa posición xa a plasmou nos procesos xudiciais que se dirimen na Audiencia Nacional contra a prórroga de ENCE, que agora xa admite ante os seus accionistas a posibilidade de ter que abandonar a ría pontevedresa catro décadas antes da fin da prórroga de Rajoy, en 2033.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.