O Tribunal Superior ampara á empresa fronte á Asociación Pola Defensa da Ría, que a denunciara por activar a megafonía do recinto de Lourizán impedindo a lectura dun manifesto
O pasado 16 de xuño, durante a tradicional marcha anual que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) fai ata as instalacións de Ence en Lourizán para reclamar o seu desmantelamento, a empresa activou a megafonía do recinto facendo soar de xeito reiterado o Himno de Galicia. Iso impediu que os manifestantes lesen un manifesto, o que foi denunciado pola APDR ante a xustiza. Aquela actuación de Ence, di o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), “podería ser tildada de desafortunada e ata reprochable”, pero non constitúe unha infracción penal.
O TSXG avala así a actuación de Ence nun ata agora non divulgado auto do pasado 29 de novembro ao que tivo acceso Praza.gal co que ratifica decisións similares previas dun xulgado de Pontevedra que arquivou a denuncia da APDR o mesmo día en que abriu as dilixencias.
A APDR denunciara a comisión por parte de Ence dun delito por impedir "o lexítimo exercicio das liberdades de reunión ou manifestación"
A asociación denunciou ante a xustiza a comisión por parte de Ence do delito tipificado no artigo 514.4 do Código Penal, que sanciona a “os que impediran o lexítimo exercicio das liberdades de reunión ou manifestación, ou perturbaran gravemente o desenvolvemento dunha reunión ou manifestación lícita”.
Porén, tras presentar a denuncia o 25 de xuño, tres días despois o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra incoou dilixencias previas “e na mesma resolución acordou o sobresemento provisional por non resultar debidamente xustificada a perpetración do delito”. A APDR recorreu e o TSXG avala ese arquivo por considerar que a actuación de Ence non pode considerarse contraria ao antedito artigo do Código Penal.
O Tribunal Superior di que non se impediu o dereito de reunión “pois a manifestación ou marcha da APDR levouse a cabo, e só se decidiu dar por finalizado o acto cando se considerou que non se podía ler un manifesto ao remate da marcha”. O TSXG engade que a comunicación da protesta que a asociación fixo á Subdelegación do Goberno non detallaba a lectura dun manifesto.
"Non existiron danos persoais nin materiais nin consta que non puideran continuar coa manifestación ou ler o manifesto noutro punto afastado da fábrica”, di o TSXG
O tribunal tampouco aprecia a existencia dunha “perturbación grave” do dereito de manifestación, “concepto xurídico indeterminado que require de interpretación”, admite. “No caso que nos ocupa, coincidimos coa instrutora en que é preciso ter en conta que son os denunciantes os que deciden acudir ás instalacións da empresa e concentrarse fronte a elas, non consta que fosen desaloxados nin saíu ninguén da empresa e non existiron danos persoais nin materiais nin consta que non puideran continuar coa manifestación ou ler o manifesto noutro punto afastado da fábrica”, argumenta o tribunal. “En tales condicións, activar a megafonía desde o interior da empresa e poñer o Himno de Galicia cando estaba a marcha concentrada ante as instalacións, o que provocou que a organización desistise de ler un manifesto, non é un acto de intensidade tal como para que integre o concepto de ameaza, coacción ou acto de violencia”.
Ence defendeu no proceso que a APDR carecía de lexitimación para denunciala, pero o TSXG rexeitouno
Por todo iso, o TSXG conclúe que “a acción executada desde o interior do recinto da fábrica podería ser tildada de desafortunada e ata reprochable segundo o ámbito de opinión en [que] xurda, pero non por iso, no estado actual da nosa lexislación, constituír infracción penal”.
Durante o proceso, Ence chegou a defender que o presidente da APDR, que formulou a denuncia como tal, carecía de lexitimidade para facelo. Porén, o TSXG considera que si estaba lexitimado.