ENCE vén de presentar aos seus accionistas e á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os seus resultados de 2019. A pasteira finalizou o pasado exercicio cuns beneficios duns 9 millóns de euros, unha caída superior ao 90% con relación aos case 130 millóns que gañara en 2018 que atribúe, esencialmente, á "brusca caída da demanda de celulosa" a nivel global e o descenso do seu prezo no mercado ata "o mínimo en dez anos, acadado no cuarto trimestre de 2019".
A pasteira finalizou o exercicio de 2019 cuns 9 millóns de euros de beneficios, un 90% menos que no ano anterior
Alén das principais cifras da antiga empresa pública, nas que a desaceleración da celulosa contrasta coa boa marcha do negocio de produción de enerxía eléctrica -con plantas de biomasa e unha termosolar-, ENCE tamén informa os seus investidores e ao mercado bolsista sobre o procedemento xudicial no que está en xogo a súa permanencia na ría de Pontevedra. Isto é, se terá ou non que abandonar Lourizán corenta anos antes do previsto na prórroga formalizada a principios de 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións, que prolongou a concesión ata 2073.
Despois de que o actual Goberno de España decidise deixar de defender a prórroga de ENCE na Audiencia Nacional fronte aos recursos formulados polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) por considerala contraria a dereito, a empresa pon por primeira vez datas ao procedemento. Nas contas trasladadas á CNMV este 26 de febreiro, a pasteira di esperar "unha primeira resolución xudicial durante os próximos meses" e calcula que "o proceso xudicial podería prolongarse en torno a 4 anos, incluíndo os recursos que se formulen ante as máis altas instancias xudiciais". Isto é, preve saber arredor de 2024 se ten ou non que marchar corenta anos antes do previsto.
ENCE informa os accionistas de que, no caso de perder nos tribunais, aplicaría un ERE de extinción ao que dedicaría 15 millóns de euros
Concretamente, ENCE detalla que a impugnación da prórroga por parte do Concello de Pontevedra "se atopa na última fase de tramitación" e os recursos de Greenpeace e a APDR xa só "pendentes de sentenza" e, como en anteriores presentacións de resultados, asegura ter trazado un plan para o "improbable suposto de que se producise o cesamento de actividade" en Lourizán. Nese caso, reiteran, "tería lugar un impacto único extraordinario" na súa conta de resultados duns 185 millóns de euros, nos que inclúe 15 millóns de euros "dun expediente de regulación de emprego de extinción total".
O Consejo de Estado advertiu o Goberno de Rajoy sobre os riscos da ambigüidade da normativa de costas coa que amparou a prórroga de ENCE
Nun contexto de aberta hostilidade co actual Executivo central, ENCE informa tamén á CNMV e aos accionistas das súas alegacións contra a reforma do Regulamento de Costas, tamén aprobado baixo o mandato de Rajoy e sobre o que o Consejo de Estado alertara por ser "ambiguo", precisamente, no relativo ás concesións como a de ENCE. Na redacción aprobada en tempos do PP non quedaba claro se prórrogas como a outorgada a ENCE podían estenderse ata 75 anos adicionais aos 75 orixinais -150 en total- ou unicamente, chegar a un total de 75 anos entre concesión e prórroga.
As actuais autoridades son partidarias da segunda opción, só 75 anos en total, o que abriría a porta a que a pasteira con sede en Madrid non puidese seguir producindo á beira da ría de Pontevedra máis alá de 2033. Este é o motivo, di ENCE no seu resumo de resultados, polo que decidiu "conxelar todos os investimentos non comprometidos" en Pontevedra e "concentralos" na factoría da localidade asturiana de Navia. A pasteira atribúe a situación ao "cambio de criterio da Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e o Mar", se ben trátase da mesma ambigüidade da que xa alertara o Consejo de Estado ao Executivo do PP.