Outra marcha clama pola saída de ENCE, agora pendente dos tribunais sen defensa do Estado

Manifestación contra a permanencia de ENCE na ría, avanzando dende Pontevedra este 16 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

Nas últimas dúas décadas o movemento contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, impulsado dende a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), ten unha cita anual que simboliza a súa loita, a Marcha contra Celulosas. Durante anos o seu lema foi 2018... Non, agora!, en referencia á data límite que inicialmente tiña a concesión outorgada polas autoridades franquistas á noutrora empresa pública, privatizada polo Goberno de España en tempos de Aznar. 

Dende que, en xaneiro de 2016, o Goberno de Rajoy en funcións deu o seu visto e prace á prórroga da concesión ao abeiro da reforma da lei de costas do ano 2013 a reivindicación é, precisamente, contra esa decisión que abriu a porta a que a pasteira fique en Lourizán ata 2073. Este era o escenario ata que, tras a mudanza de cor política no Goberno central, o novo Executivo decidiu non seguir defendendo a prórroga na Audiencia Nacional, onde fora recorrida polo Concello de Pontevedra, a APDR e Greenpeace.

Dende que o Estado deixou de defender nos tribunais a prórroga de ENCE outorgada polo Goberno de Rajoy os movementos contrarios á pasteira reclaman a aplicación inmediata do novo criterio

As razóns esgrimidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, avaladas pola Avogacía do Estado, susténtanse na "ambigüidade" da nova lei de costas, da que xa advertira o Consello de Estado. A representación legal do Estado considera agora que, malia ás posibles interpretacións dispares da norma, o adecuado é limitar ás prórrogas ata sumar un máximo de 75 anos -no caso de ENCE, 2018-. Este, precisamente, foi un dos argumentos da protesta desenvolvida este domingo, un ano máis, dende as Alamedas de Pontevedra e Marín ata o complexo industrial de Lourizán, outra volta secundada por milleiros de persoas.

Remate da protesta contra ENCE, ás portas da factoría CC-BY-SA Greenpeace

A mobilización volveu ser 'recibida' na factoría con pancartas a prol da permanencia na ría

Entre berros de "a ría é nosa e non de Celulosa" ou "ENCE, fóra da ría" ambas comitivas chegaron á contorna da factoría. Alí, como adoito, a pasteira colocara pancartas a prol da permanencia en Lourizán como Co pan dos nosos fillos non ides xogar ou Os postos de traballo non se poden trasladar, empregadas nas mobilizacións do persoal da factoría contra un eventual peche. 

Alí o presidente da APDR, Antón Masa, puxo voz a un manifesto que sinala o último movemento da Avogacía do Estado para advertir de que "ENCE non podía continuar na ría máis alá" de 2018 e por iso agora a empresa "trata de confundir á cidadanía con mentiras e chantaxes".

"Din que esta decisión pon en grave risco o futuro da comarca" ou que Galicia "vai ver o seu monte abandonado". Pero "nada máis lonxe da realidade", xa que "tal e como recoñece Enrique Valero", un dos "impulsores da Cátedra ENCE" na Universidade de Vigo, relatou, "un 50% do eucalipto que se corta na Galiza véndeselle a ENCE" e "as familias que venden agora a ENCE-Pontevedra seguirían a vender ás fábricas de ENCE-Navia e Navigator-Aveiro", exemplificou.

Os colectivos ven "evidente" que "a comarca de Pontevedra non vive de ENCE; lonxe de ser motor da economía, é un freo"

Para a APDR e Greenpeace, que secundou a mobilización xunto a diversos colectivos sociais, "resulta evidente que a comarca de Pontevedra non vive de ENCE, que lonxe de ser o motor da nosa economía, é o seu freo". Por iso reclaman a "anulación definitiva" da prórroga que se estendería ata 2073, que "se cumpra a lei e se obrigue á empresa a devolver a zona ocupada á situación que tiña antes da chegada de ENCE a Lourizán" e que, en todo caso, "se quere montar outra fábrica na Galiza, que sexa onde non entre en contradición coa explotación dos recursos naturais nin coa economía da zona". 

Antón Masa le o manifesto no remate da mobilización ante a factoría de ENCE en Lourizán CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Mentres se desenvolvía o acto final da mobilización, dende o interior da fábrica uns altofalantes colocados para a ocasión reproduciron o himno galego xunto con frases a prol da permanencia de ENCE. Ao tempo, segundo sinalaron participantes na protesta e amosaron con testemuños gráficos, dende o interior cando menos unha persoa tomou imaxes dos manifestantes cun teléfono móbil. Dende a APDR din agardar que esta sexa a "derradeira" marcha que cumpra organizar contra ENCE coa factoría aínda a funcionar na ría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.