A papeleira portuguesa Navigator arrenda terras en Galicia para cultivar eucalipto

Factoría de Navigator en Cacia, a uns 70 quilómetros ao sur do Porto © The Navigator Company

Anunciárano en 2017 e fixérono en 2018. The Navigator Company, antiga Portucel, é a maior pasteira do país veciño e unha das máis relevantes do mundo. Dende que o Goberno de Portugal decidiu conxelar a expansión do eucalipto ata o ano 2030, restrición que estivo no centro do debate político moi especialmente tras o catastrófico incendio de Pedrógão Grande, esta compañía produtora de papel, anunciou que estaba a "a olhar para outras fontes de floresta e de madeira fora de Portugal" e que unha das posibilidades que manexaba era fixar "uma base forte no norte da Espanha, na Galiza".

"Por se situar a uma grande proximidade e apresentar características muito semelhantes ao Norte de Portugal, a Galiza foi alvo, em 2018, de um projeto específico", informa Navigator aos seus accionistas

Entre fortes críticas á lexislación que restrinxe os novos cultivos de eucalipto, a antiga Portucel puxo en marcha proxectos que xa comezaron a concretarse mediante o arrendamento de terras en Galicia. Así o vai confirmar aos accionistas da compañía na súa asemblea xeral do 9 de abril, segundo adiantou esta semana o Jornal de Negócios

No relatorio sobre a actividade da empresa que acompañará a exposición dos seus resultados do pasado 2018 -cuxas principais cifras foron xa divulgadas-, Navigator informa de que "aqui mesmo ao lado, em Espanha, encontramos duas regiões estratégicas para a aquisição de madeira: Galiza e Andaluzia". Pero o foco está posto nas terras galegas non só por razóns da escasa distancia.

Plantación de eucaliptos da empresa portuguesa Navigator © The Navigator Company

Segundo o devandito xornal portugués, a pasteira explica que "por se situar a uma grande proximidade e apresentar características, em termos de terrenos florestais muito semelhantes ao Norte de Portugal, a Galiza foi alvo, em 2018, de um projeto específico". Ese proxecto consiste en que a propia empresa "passa a gerir área florestal por via do arrendamento aos propietários" galegos, en cuxas terras cultiva eucalipto. "Uma vez concluído, terá grande impacto na economia rural daquela região", asegura.

En plena incerteza sobre o futuro de ENCE en Pontevedra

ENCE formulou xa as súas alegacións contra a decisión do Goberno de España de non seguir defendendo nos tribunais a súa permanencia na ría pontevedresa

A expansión de Navigator en Galicia cadra coa mudanza do escenario a respecto de ENCE despois de que o Goberno de España decidise non seguir defendendo a prórroga concedida polo Executivo de Mariano Rajoy en funcións para que noutrora pasteira pública poida permanecer á beira da ría de Pontevedra ata 2073. ENCE formulou xa as súas alegacións a esta decisión ante a Audiencia Nacional despois de informar os seus accionistas a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores de que un eventual peche en Pontevedra tería "un impacto único extraordinario" na súa conta de resultados duns 185 millóns de euros.

O peche en Galicia, o "peor escenario posible", sería a "eventual situación" a abordar se fracasa na vía xudicial e non atopa unha "alternativa aceptable" que "permita a continuidade da actividade" da súa planta de Pontevedra, á que nos últimos tempos denomina "biofábrica". Dende que transcendeu a viraxe do Goberno de España tanto o Concello de Pontevedra como a Deputación provincial aplaudiron a decisión, mentres que a Xunta a atacou con dureza sen desbotar, advertiron tanto Feijóo como o conselleiro de Industria, ningunha vía ao seu alcance para defender a permanencia de ENCE na ría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.