A reforma forestal aprobada en Portugal provoca que a maior pasteira do país veciño -e unha das máis importantes do mundo- vire a súa ollada cara a Galicia, onde prevé reforzar a súa presenza ao tempo que a diminúe no territorio luso. Esta é a resposta de The Navigator Company -antiga Portucel- á nova lexislación aprobada xa pola Assembleia da República e que permite só plantacións de novas áreas de eucalipto en lugar onde xa existisen e impón, ademais, unha redución gradual da superficie con esta especie.
Portucel responde á nova lexislación sobre o eucalipto ollando a Galicia como "fonte de floresta e madeira" e coa idea de establecer "uma base" no país
Eses foron os plans que confirmaron os responsables da compañía na presentación dos resultados do primeiro semestre, tal e como destacou Jornal de Negócios e verificou Praza.gal. Navigator está "a olhar para outras fontes de floresta e de madeira fora de Portugal, diferentes das que hoje utiliza”, admitiron os dirixentes do grupo, que manifestaron a posibilidade de establecer "uma base forte no norte de Espanha, na Galiza".
A antiga Portucel vai máis aló e asegura que non pretende aumentar a súa extensión de monte en Portugal, onde xestiona 120.000 hectáreas, senón espallarse cara a Galicia. “Poderemos ter mais em Espanha e menos em Portugal. Queremos ter mais em Espanha para diversificar e a produtividade lá também é elevada”, dixo Diogo da Silveira, presidente executivo da empresa.
A pasteira aclara que reducirá a súa extensión de monte en Portugal e aumentaraa en Galicia, onde "a produtividade também é elevada"
A nova lei aprobada polo Parlamento luso indica que quen quixer plantar unha nova áera de eucalipto, nunha zona definida, debe antes recuperar e identificar unha plantación desa mesma especie que non teña bos niveis de produtividade, arrancala e deixar o terreo en condicións para o uso agrícola ou pecuario ou plantar unha nova tipoloxía de árbore.
Segundo os últimos datos, o eucalipto domina a superficie forestal de Portugal. As máis de 812.000 hectáreas rexistradas no inventario máis recente, elaborado en 2010 e difundido en 2013, indican que esta especie é a máis abondosa do país, cun 26% do total da superficie forestal e un incremento constante que a levou en década e media a substituír o piñeiro bravo como dominante nos montes do país veciño. Os graves incendios no país, nomeadamente a traxedia de Pedrógão Grande, intensificaron o debate sobre a eucaliptización, unha problemática moi semellante á que se dá en Galicia.
Navigator considera "inacreditável" a lei aprobada polo Goberno luso e que detén a expansión do eucalipto
Desde Navigator cren que a nova lexislación "deverá ter impacto no mercado da madeira em 12 anos", polo que “a empresa precisa de desenvolver desde já várias iniciativas para aumentar a produtividade das atuais áreas de eucalipto”. A empresa defende que o impacto dos incendios nos montes da súa propiedade foi case nulo e cre que foi o lume o que fixo "ao Governo e aos seus aliados ir para uma lei inacreditável". "Se não fossem esses grandes incêndios e a perda de vidas, a avaliação teria sido diferente", insiste. Como resposta, apunta ao norte.
En Galicia, a superficie de eucalipto aumentou un 65% no que vai de século. O plan forestal de 1992, aínda vixente, prevía chegar a 2032 cunhas 245.000 hectáreas de masas puras de eucalipto, pero os datos máis recentes de Medio Rural indican que xa supera as 300.000.
Con este pano de fondo episodios como o incendio de Pedrógão Grande reavivaron o debate sobre a pertinencia de limitar a expansión do eucalipto, xa sexa parcialmente ou cunha moratoria total como a de Portugal. Ante a esixencia de actuacións dende a oposición galega e mentres o Goberno opta por unha postura morna, a dirección de ENCE, a gran pasteira que opera en Galicia, entrara de cheo na polémica nun duro comunicado en xullo no que puxo no albo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e descualificou as ligazóns que o Bloque e outras forzas realizan entre eucaliptos e incendios como valoracións "indocumentadas, inxustificadas e malintencionadas" que "sinalan falsos culpables".
A voceira do BNG volvera responder asegurando que "a política forestal non a pode decidir quen converte Galiza nun eucaliptal". "Imos seguir dicindo as verdades do que significa unha política forestal ao servizo de ENCE", asegurara. Pouco antes, PP, Ciudadanos e PSOE rexeitaran a proposición de En Marea no Congreso que pedía a inclusión do eucalipto no catálogo de Especies Invasoras para frear o seu monocultivo.
Sexa como for, desde territorio luso a industria papeleira ve en Galicia unha posibilidade de manter ou incrementar o negocio ante os atrancos que din que sofren por mor da nova lexislación. Con todo, Diogo da Silveira aclara que “deter terra em Portugal é importante porque é uma segurança, uma reserva, ajuda a gerir stocks”, ademais de ser “relevante por permitir desenvolver boas práticas e transferi-las”. Navigator, moi crítica coa reforma forestal, chegou mesmo a condicionar un investimento de 206 millóns de euros en Cacia a que non houbese obstáculos á expansión do eucalipto.
A antiga Portucel abandonara Galicia hai tres anos ao pechar ENCE a planta de Huelva e absorber o mercado do sur de Portugal
O grupo Portucel -agora Navigator- é líder europeo na produción de papel fino de impresión e escrita non revestidos e un dos maiores a nivel mundial de pasta branqueada de eucalipto. Exporta case o total da súa produción para 118 países nos cinco continetes, nomeadamente a Europa e aos EUA. No primeiro semestre de 2017 presentou un beneficio de 96 millóns, un incremento do 12,4% en comparación co mesmo período de 2016.
Cunha importante presenza en Galicia, onde movía milleiros de toneladas ao ano, a antiga Portucel e outra empresa portuguesa -Celbi- decidiran abandonar o país hai uns tres anos. O peche da planta de ENCE en Huelva, que se abastecía con eucalipto do sur de Portugal, fixera que as firmas lusas absorberan aquel mercado e deixasen o galego aínda máis controlado pola celulosa con sede en Pontevedra, que acapara a inmensa maioría.