0 Gardados para despois

A superficie de eucalipto aumentou un 65% en Galicia no que vai de século

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En 1992 o Goberno galego aprobou entre un notable consenso político o Plan Forestal de Galicia (PFG), un documento aínda vixente que traba a as principais liñas de planificación do monte galego para os seguintes 40 anos, ata 2032. A promoción da industria madeireira e a prevención dos incendios forestais eran dous dos aspectos principais dun proxecto sobre o que agora se volven pousar moitas miradas. A súa inminente revisión -proceso en marcha dende 2015-, a prórroga á permanencia de ENCE na ría de Pontevedra ata 2073 e tamén os incendios devolven o documento a un debate que ten a expansión do eucalipto polo país como un dos seus elementos principais. Non en van, a superficie prevista para esta especie no PFG xa se superou amplamente e tan só no que vai de século a súa extensión disparouse un 65%.

Aquel plan elaborouse sobre fontes como o Mapa Forestal de Galicia de 1986, que reflectía un monte no que o piñeiro do país era a especie máis abondosa , con 291.985 hectáreas sobre un total de algo menos de 980.000. Mentres, o eucalipto ocupaba daquela unhas 36.400 hectáreas en masas puras e outras 185.000 mesturado con outras especies. A partir dun modelo con diversas variables o mapa fixaba tamén un obxectivo de futuro: en 2032 o piñeiro do país roldaría as 334.000 hectáreas, un 14% máis, mentres que o eucalipto avanzaría ata a contorna das 245.000.

O plan forestal de 1992, aínda vixente, prevía chegar a 2032 cunhas 245.000 hectáreas de masas puras de eucalipto, pero os datos máis recentes de Medio Rural indican que xa supera ás 300.000

Menos dunha década despois, a comezos do século XXI, a Xunta repasou o panorama forestal galego con publicacións divulgativas como O monte galego en cifras que reflectían as primeiras distorsións a respecto das previsións do plan. O piñeiro superaba xa as 383.000 hectáras e o eucalipto achegábase ás 175.000. Ademais, ambas especies compartían outras 160.000 hectáreas mesturadas. 

As masas de eucalipto estaban naqueles anos, así e todo, aínda por baixo do previsto no PFG, pero iso xa non acontece na actualidade. Os datos máis recentes da Consellería do Medio Rural indican que "en Galicia o eucalipto ocupa unhas 288.000 hectáreas en masas puras", segundo debullou o departamento autonómico en 2016, o que supón un crecemento do devandito 65% en apenas dúas décadas e superar sobradamente a superficie prevista no plan forestal 15 anos antes do horizonte previsto. Ademais, indicaba a consellería, o eucalipto esténdese "en mesturas" por 21.500 hectáreas máis e supón "máis do 22% da superficie forestal arborada", mentres que a comezos do século non chegaba ao 6%.

Previsións da expansión das especies arbóreas no monte galego para 2032 incluídas no PFG de 1992, co eucalipto en destaque

O eucalipto que arde

Con este pano de fondo episodios como o incendio de Pedrógão Grande reavivaron o debate sobre a pertinencia de limitar a expansión do eucalipto, xa sexa parcialmente ou cunha moratoria total como a que Portugal xa estaba a ultimar antes da recente traxedia incendiaria. Ante a esixencia de actuacións dende as bancadas da oposición galega e mentres o Goberno opta por unha postura morna a que decidiu subir o ton da controversia foi a dirección de ENCE, que nun comunicado feito público este luns puxo no albo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e descualificou as ligazóns que o Bloque e outras forzas realizan entre eucaliptos e incendios como valoracións "indocumentadas, inxustificadas e malintencionadas" que "sinalan falsos culpables".

Entre 2000 e 2013 o eucalipto foi a segunda especie máis afectada polo lume todos os anos agás dous e foi a que máis ardeu na gran vaga de 2006

Para sustentar as súas duras críticas a dirección da pasteira esixe que os líderes políticos se limiten a reproducir a información recollida polo Ministerio de Agricultura nos seus informes anuais sobre os incendios forestais, que nas súas versións definitivas chegan polo momento só ata o ano 2013. Esas análises reflicten que, dentro da superficie arborizada afectada polos incendios a especie que máis arde é tamén a máis abondosa, o piñeiro do país. Non obstante, tamén amosan que entre 2000 e 2013 o eucalipto foi a segunda especie máis afectada polo lume todos os anos agás dous (2003 e 2008) e que na gran vaga de 2006 os eucaliptais foron as superficies forestais que máis arderon.

Así, os balances oficiais reflicten que nese período arderon en Galicia unhas 71.000 hectáreas de piñeiro e arredor de 46.000 de eucalipto. As restantes especies arbóreas afectadas polo lume suman algo menos de 27.000 hectáreas, segundo a mesma fonte estatística.

Estas cifras prodúcense nun contexto xeral no que en algo menos da metade do monte ardido en Galicia nos últimos anos -21.000 hectáreas en 2016- corresponde a superficie arborizada e mentres voces expertas sitúan a proliferación do eucalipto como parte dun problema máis amplo e complexo. Así, por exemplo, nunha recente entrevista con Praza.gal ao fío dos incendios de Portugal o profesor de Enxeñaría Forestal Juan Picos, un dos maiores expertos no sector forestal galego, explicaba que "ninguén vai defender repoboacións de eucaliptos preto das casas ou de lugares de importancia medioambiental" ou patrimonial, se ben chamaba tamén a realizar unha reflexión máis ampla a respecto de elementos como a despoboación ou o coidado do monte. "Non podemos pensar que agora mesmo seríamos quen de quitar de diante as plantacións de eucalipto e ter outra alternativa que xere o mesmo movemento económico cando, ademais, ninguén quita que provoque o mesmo abandono no monte", sinalaba.

Expertos na materia sinalan a combinación do eucalipto co abandono do monte e a ausencia de planificación como factores de risco ante incendios forestais

Tamén co acontecido en Portugal como pano de fondo outro experto neste ámbito, o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez sinalaba para Praza.gal que "o monocultivo" dunha especie tan sensible ao lume como o eucalipto "provoca que a propagación" dos incendios "sexa moito máis grande e rápida", se ben pon tamén o foco na ligazón entre ese monocultivo e "a ausencia de coidados e podas na superficie rasa" que trae consigo "a acumulación de moita materia combustible". "Se non se fai ningunha intervención e a zona se enche de matogueira, o eucalipto ten incidencia porque crea unha maior cantidade de sotobosque; o modo de xestión é o importante", agregaba Juan Picos, nun contexto xeral no que, alén das especies concretas, "o aproveitamento curtopracista e o impulso do eucalipto sen planificación a futuro e entregada a empresas" é para Pérez tamén outro dos factores determinantes.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.