ENCE carga contra Pontón por lanzar críticas "indocumentadas e malintencionadas" ao eucalipto

Un eucaliptal dependente de ENCE © ENCE

As valoracións políticas de ENCE adoitan circunscribirse, no caso galego, a recorrentes críticas contra o Concello de Pontevedra pola declarada oposición do goberno municipal do BNG á súa permanencia na ría. Resulta máis excepcional que a dirección da empresa, en cuxo consello de administración sentan diversos ex-altos cargos de gobernos do PP, cargue contra unha forza política ou líder en concreto alén do plano local. Os responsables da compañía con sede en Lourizán veñen, non obstante, de facelo, situando a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, no albo dos seus reproches por criticar a expansión do eucalipto por Galicia e ligalo directamente á actividade da pasteira e ao risco de incendios forestais.

Despois de que, na última semana e ao fío do tráxico incendio de Pedrógão Grande, o BNG e outras forzas políticas e sociais se dirixisen á Xunta para reclamar medidas preventivas e unha nova política forestal que pase por limitar a expansión dos eucaliptos, ENCE vén de reaccionar con dureza ao que considera "indocumentadas, inxustificadas e malintencionadas declaracións efectuadas pola voceira do BNG sobre a responsabilidade do eucalipto nos incendios do monte galego". Nun comunicado remitido aos medios a empresa esixe "aos representantes políticos que acusaron recentemente sen fundamento e sen datos ao eucalipto de ser o causante dos incendios en Galicia" que "utilicen os informes anuais" do Ministerio de Agricultura antes de falaren ao respecto.

Así, ENCE insta a ter en conta que estes informes "demostran" que "no período 2000-2013", o do "último informe emitido", foron "menos de 3.400 hectáreas de eucalipto" as que "arderon, por termo medio, cada ano" sobre as "350.000 hectáreas de eucalipto que existen en Galicia". "Os incendios inícianse nas zonas abandonadas, non nos eucaliptais", enfatiza, para considerar que "as afirmación de ditos representantes políticos -unicamente mencionan a Pontón-, ademais de inxustificadas, desvían a atención das auténticas causas do problema: o abandono, así como a falta de limpeza e de mantemento das superficies forestais non produtivas". "En definitiva -resaltan- unha dobre irresponsabilidade ao sinalar falsos culpables e impedir un debate racional que axude a evitar a repetición destas traxedias".

Nun comunicado remitido á prensa ENCE carga contra a líder do BNG e atribúelle unha "dobre irresponsabilidade" por "sinalar falsos culpables" dos incendios e "impedir un debate racional" ao respecto

Segundo os informes aos que se refire ENCE, os mesmos que acreditan que nos últimos corenta anos ardeu o equivalente ao 55% da superficie de Galicia, o eucalipto non é, efectivamente, a especie máis afectada polos incendios, pero si é a segunda e cunha progresión á alza. O último informe con datos definitivos, o do período 2001-2010, indica que a especie de árbore máis afectada polo lume nese período en territorio galego foi o piñeiro, con máis de 54.000 hectáreas ardidas, seguida polo eucalipto, con máis de 40.000. A recompilación anterior, que analiza o período 1996-2005, amosa que as hectáreas ardidas de piñeiro foran unhas 42.000 e as de eucalipto, case a metade. No período 1991-2000, no que o Ministerio só distingue as dúas especies máis afectadas, arderan unhas 27.000 hectáreas de piñeiro e apenas 14.000 de eucalipto.

Neste escenario, ENCE considera que "hai que esixir aos representantes públicos que se documenten e informen debidamente para que non se produzan acusacións tan graves como as mencionadas -o comunicado non se refire a ningunha declaración concreta de Pontón-. Esas críticas, asegura, poden ter "prexuízos sobre milleiros de traballadores, familias e empresas".

O vixente plan forestal prevía chegar ás 245.000 hectáreas de eucalipto en 2032, unha cifra que segundo datos da Xunta xa se superou amplamente

As iradas acusacións da pasteira contrastan con outras voces, máis matizadas, que nos últimos días analizaron a influencia do eucalipto nos incendios forestais tanto en Portugal como en Galicia nun contexto no que a presenza desta especie alóctona superou todas as previsións. Non en van, o vixente plan forestal da Xunta, elaborado en 1992 cun horizonte de 40 anos, prevía chegar a 2032 con arredor de 245.700 hectáreas de eucalipto en Galicia. Segundo os datos máis recentes do Goberno galego a extensión actual é dunhas 288.000 hectáreas "en masas puras" e dunhas 22.000 adicionais "en mesturas2.

Así, por exemplo, nunha recente entrevista con Praza.gal ao fío dos incendios de Portugal o profesor de Enxeñaría Forestal Juan Picos, un dos maiores expertos no sector forestal galego, incluía a expansión do eucalipto combinada co abandono do monte entre un abano moi amplo das causas dos incendios forestais. "Ninguén vai defender repoboacións de eucaliptos preto das casas ou de lugares de importancia medioambiental, natural ou patrimonial, pero tampouco podemos pensar que agora mesmo seriamos capaces de quitar de diante as plantacións de eucaliptos e ter outra alternativa que xere o mesmo movemento económico cando, ademais, ninguén quita que provoque o mesmo abandono no monte", explicaba.

Juan Luis Arregui, presidente de ENCE, nunha imaxe de arquivo © ENCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.