Catro décadas de incendios queimaron o equivalente ao 55% da superficie de Galicia

Vista dun incendio forestal en Manzaneda a comezos de abril, nunha imaxe da BRIF de Laza Dominio Público Brif Laza

Algo máis de 1,6 millóns de hectáreas. É a superficie que os incendios forestais arrasaron en Galicia nos últimos corenta anos, dende o inicio da vixente serie histórica en 1976 -as previas son moi limitadas- e ata o pasado 2016, exercicio do que o Ministerio de Agricultura pechou xa o balance provisional con datos fornecidos pola Administración autonómica, aínda que a Xunta aínda non os difundiu oficialmente -non adoita facelo ata a aprobación do plan contra incendios do ano seguinte-. Isto supón que nas últimas catro décadas ardeu o equivalente á máis da metade do territorio galego.

O máis de millón e medio de hectáreas que arderon dende 1976 equivalen a algo máis do 55,5% do territorio da Galicia actual, pero a incidencia do lume non é homoxénea en todo o país. Boa mostra disto son os datos máis recentes, os do ano pasado: máis da metade das hectáreas ardidas, case 11.400, situáronse na provincia de Ourense, que concentrou catro dos oito grandes incendios forestais dese ano -os superiores a 500 hectáreas. Neses catro episodios -en Entrimo, Cualedro, Oímbra e Muíños- arderon 6.698 hectáreas, segundo os datos do Ministerio. A contorna da Barbanza ou o Baixo Miño tamén sufriron especialmente o impacto dos incendios, mentres que na Mariña lucense, como adoito, apenas ardeu o monte.

Aínda que as máis de 21.000 hectáreas ardidas en 2016 son o segundo peor balance anual dende a gran vaga de lume do 2006 os datos acumulados amosan ás claras un descenso moi notable na superficie afctada polas lapas dende que a Xunta, a comezos dos anos 90 do século pasado, comezou a contar cun dispositivo contra incendios de seu. Así, do récord de case 200.000 hectáreas ardidas en 1989 pasouse a un escenario no que só se superaron as 40.000 hectáreas anuais en seis ocasións en case trinta anos: 1995, 1998, 2005, 2006 e 2011. Na última década percíbese, ademais, unha caída moi significativa no número de incendios: de case 12.000 en 2005 a 2.400 en 2016.

Dende principios dos 90 superáronse as 40.000 hectáreas anuais ardidas en cinco ocasións e percíbese unha notable caída no número de incendios

Dende o inicio deste século destacan especialmente o número de hectáreas ardidas en tres anos: 2005 -case 60.000-, 2011 -máis de 40.000- e, moi especialmente, o ano 2006, cando o balance final dun exercicio marcada pola dura vaga de incendios do verán finalizou con case 96.000 hectáreas afectadas polas lapas, máis da metade de monte arborizado. O ardido naquel ano foi, no entanto, menos do avanzado en pleno verán polo daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, que baseándose en mapas dunha web especializada en cartografía afirmou, na recta final da vaga de incendios, que o lume levara por diante naquel verán máis de 175.000 hectáreas.  

Con intensidade variable en función da virulencia de cada vaga de incendios, factor no que a meteoroloxía segue a ter unha influencia determinante -o chuvioso verán de 2014, por exemplo, deixou o balance anual de hectáreas queimadas en pouco máis de 2.000-, os incendios están acompañados cada ano pola controversia política e o debate sobre a efectividade e xestión do dispositivo. Así, o persoal segue a reclamar estabilidade laboral, un mando único, a preponderancia do público sobre as empresas privadas do sector e unha adaptación á "desestacionalización" do lume, toda vez que os outonos e invernos con poucas precipitacións veñen traendo consigo incendios de relevancia fóra da habitual temporada de incendios.

Queimas prohibidas ata nova orde

Tras arder unhas 400 hectáreas durante o inverno os incendios da pasada fin de semana queimaron máis de 150 na provincia de Ourense

O inicio deste 2017 foi unha boa mostra desa desestacionalización dos incendios. Así, despois dun mes de xaneiro cunha media de catro incendios ao día e tras un inverno no que só en Ourense arderon unhas 400 hectáreas de monte -a cifra é unha estimación, xa que a Consellería de Medio Rural ten como norma xeral dende 2009 non facer públicos os incendios inferiores ás 20 hectáreas-, dende este luns, 10 de abril, e "ata novo aviso" a Xunta decidiu prohibir as queimas agrícolas e forestais controladas por mor da previsión de altas temperaturas e fortes ventos.

Esta prohibición das queimas chega nun contexto no que, só na fin de semana, tres concellos da provincia de Ourense rexistraron incendios con máis de 150 hectáreas ardidas. Así, segundo datos de Medio Rural, en Lobios arderon dende a tarde deste domingo unhas 100 hectáreas nun incendio que a primeiras horas do luns seguía activo. En Carballeda de Avia un incendio xa extinguido queimou 20 hectáreas na parroquia de Vilar de Condes e en Vilariño de Conso outro incendio arrasou 34 hectareas de monte raso na parroquia de Sabuguido.

Detalle provincial da superficie ardida en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.