0 Gardados para despois

Os incendios queimaron 400 hectáreas en Ourense no inverno que remata este luns

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Este luns día 20 remata oficialmente o inverno, que comezou o 21 de decembro. Durante estes tres meses, a provincia de Ourense non deixou de rexistrar incendios forestais, segundo veñen denunciando os brigadistas, malia que a Xunta só informa dos que superan as 20 hectáreas ou afectan a espazos protexidos. Pero aínda con esa información limitada, a suma dos comunicados oficialmente eleva o número de hectáreas ardidas en toda Galicia durante o inverno a máis de 400, das que a inmensa maioría se rexistraron en Ourense. A última semana foi ademais a máis problemática xa que desde o venres día 9 a Xunta informou de máis de 300 hectáreas afectadas.

Na última semana rexistráronse os lumes de maior tamaño, que sumaron máis de 300 hectáreas

Foi hai dez días cando se produciu o incendio máis relevante dos rexistrados este inverno, con 110 hectáreas afectadas en Carballeda de Valdeorras. Desde entón, coincidindo cunha climatoloxía especialmente seca, sucedéronse lumes de máis de 20 hectáreas en Entrimo, O Irixo, Piñor, Lobios e Viana do Bolo, ademais doutro en Quiroga, no sur de Lugo. Deles, tres afectaron ao Parque Natural do Xurés nunhas 45 hectáreas. En particular, na parroquia de Venceáns, no concello de Entrimo, o sábado dábase por extinguido un de 20 hectáreas e a última hora deste domingo a Xunta informaba doutro que xa superaba unha superficie similar.

No que vai de ano xa ardeu só en Ourense unha quinta parte do queimado en toda Galicia durante todo 2014

Con estes datos, no que vai de ano, na época en principio menos favorable para o lume, xa ardeu só en Ourense unha quinta parte das 2.000 hectáreas que resultaron afectadas en toda Galicia durante todo o 2014, o mellor ano das últimas décadas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.