Piden unha moratoria do eucalipto en Galicia e a aplicación dunha ecotaxa

Plantación de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Martin253

A plataforma Stop eucalipto, avante carballo!, integrada por 21 entidades, vén de solicitar a aplicación en Galicia dunha moratoria á plantación de eucaliptos coma a recentemente aprobada en Portugal ou a que en 2009 se decidiu en Asturias. O obxectivo é "establecer unha axeitada planificación forestal", chegando a un consenso entre todos os sectores e colectivos directamente afectados pola xestión do monte. A plataforma lembra que "Portugal implantou esa moratoria ao acadar as 811.000 hectáreas de eucalipto plantadas (o 9% do territorio luso) sobre unha superficie total de máis de noventa mil quilómetros cadrados", mentres que Galicia suma xa "máis de 500.000 hectáreas (o 17% do territorio) sobre unha superficie total de menos de trinta mil quilómetros cadrados".

A plataforma lembra os danos "cientificamente contrastados" do cultivo de eucaliptos sobre a diversidade da fauna e da flora, sobre a toma excesiva de auga do subsolo, sobre a extracción de nutrientes e a perda de materia orgánica nos solos, unido á destrución de bosque autóctono ou aos prexuízos denunciados sobre o patrimonio material. Denuncia que o monocultivo forestal de eucalipto "pon en risco a sustentabilidade do mercado forestal en si, coa proliferación excesiva dunha materia prima de uso limitado que a poucos anos vista ameaza con saturar o mercado e deixar Galicia inzada de árbores de moi escaso valor".

"Na actualidade estase beneficiando só a unha parte, a industria madeireira, e prexudicando o resto: cazadores, labregos, apicultores... e isto está provocando conflitos entre veciños"

Xosé Muñiz, técnico forestal, destaca que "nós non estamos en contra de ningunha especie, demandamos simplemente unha planificación correcta do monte". "Finlandia, Suecia ou Alemaña teñen unha ordenación forestal moito máis avanzada. Aquí non a hai e a que hai, non se cumpre", denuncia. "O que pedimos é que non se ocupe máis superficie e que, en paralelo, haxa encontros e debates en todo o país nos que participen todos os actores implicados, empresas e colectivos, e que decidamos que usos lle queremos dar ao monte", di.

"A Xunta parece que quere simplemente deixar facer, pero este deixar facer o que provoca é un caos no monte, e ese caos está xa a xerar conflitos", explica. "Na actualidade estase beneficiando só a unha parte, a industria madeireira, e prexudicando o resto: cazadores, labregos, apicultores... e isto está provocando conflitos entre veciños", sinala.

A plataforma alerta das fortes presións que a industria madeireira está exercendo para que a Xunta autorice máis plantacións e, ademais, a extensión da especie nitens

A plataforma alerta das fortes presións que a industria madeireira está exercendo para que a Xunta autorice máis plantacións e, ademais, a extensión da especie nitens, máis resistente ás pragas e que pode crecer en zonas do interior ás que o globulus non chega. A plataforma subliña igualmente que as plantacións de eucalipto "aumentan o despoboamento do rural, xa que a maioría que plantan non esta vivindo no rural, ou non vive dos recursos que dá o rural". Tanto para a plataforma como para ADEGA, a presión destes lobbies para que se permita a introdución do nitens está relacionada cos intereses en fomentar as megaplantas de produción eléctrica con biomasa, a pesar de que a sustentabilidade e rendibilidade do aproveitamento eléctrico da biomasa está cada vez máis cuestionado polos expertos.

 

Ecotaxa ao eucalipto

De igual xeito, Stop eucalipto, avante carballo! propón a implantación dunha ecotaxa que grave a produción de madeira de eucalipto. A plataforma calcula que se se pagasen 3,5 euros por cada tonelada producida (a produción anual en Galicia é de case 3 millóns de toneladas) obteríanse máis de dez millóns de euros, que servirían "para manter carballeiras e prados ou para axudar a plantar frondosas". Tamén ADEGA aposta por esta ecotaxa, sinalando que "a plantación de eucaliptos debería estar gravada cun imposto que contribuíse a reverter en parte as perdas que a súa explotación comporta á sociedade".

A plataforma propón gravar con 3,5 euros cada tonelada de madeira de eucalipto producida

ADEGA pide, igualmente, primar "aqueles modelos que apostan pola multifuncionalidade do monte e baseados no aproveitamento das especies autóctonas, mesmo sen ter unha fin produtiva". "Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte destes beneficios ecosistémicos a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación", engaden.

 

Destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto © Mariña Patrimonio
Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega
Forestación de Eucaliptos CC-BY-NC-SA AFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.