0 Gardados para despois

A Xunta abre o camiño ás megaplantas de biomasa e aos cultivos enerxéticos

Redacción | @prazapublica

O decreto 149/2008, aprobado polo Goberno bipartito, abriu as portas á creación dunha ducia de plantas de biomasa en Galicia, pero marcando uns límites moi claros: unha potencia máxima de 10 megavatios por planta e un total de 80 en conxunto. O obxectivo era que estas instalacións de produción eléctrica se nutrisen da biomasa xa existente na súa contorna e non tivesen como efecto o fomento dos cultivos enerxéticos, coma o eucalipto, para alimentalas. Con todo, en 2012 o propio INEGA no estudo Análisis de la viabilidad del mercado de la biomasa en Galicia y el norte de Portugal apuntaba que sería necesario empregar cultivos enerxéticos para garantir a subministración de biomasa, mesmo coa planificación máis cautelosa do Decreto de 2008.

Dende 2017 xa non haberá límite de potencia para as instalación de biomasa en Galicia, o que en primeiro lugar abrirá a porta ao proxecto de planta de biomasa en Curtis, cunha potencia prevista de 50MW

Hai uns días coñecías a Lei de medidas fiscais e administrativas anexa ao proxecto de Orzamentos -a denominada lei de acompañamento-, que inclúe a derrogación do decreto 149/2008. Isto significa que dende 2017 xa non haberá límite de potencia para as instalación de biomasa en Galicia, o que en primeiro lugar abrirá a porta ao proxecto de planta de biomasa en Curtis, cunha potencia prevista de 50MW. Ata agora este proxecto quintuplicaba o máximo permitido pola lei, pero unha vez derrogado o decreto, este límite desaparece.

O propio estudo de impacto ambiental prevé que a instalación consuma ao redor de 568.000 t/ano "de biomasa recolectada na provincia da Coruña". É dicir 1.566 toneladas diarias de madeira

No caso da planta proxectada en Curtis, o propio estudo de impacto ambiental prevé que a instalación consuma ao redor de 568.000 t/ano "de biomasa recolectada na provincia da Coruña". É dicir 1.566 toneladas diarias de madeira. E salienta a idoneidade da localización proposta (o polígono industrial de Curtis-Teixeiro) pola súa proximidade á N-634 e á A-6, o que facilitaría "a loxística do aprovisionamento da biomasa cara á planta, que poderá ser dende calquera punto de Galicia", engadindo que "loxicamente en maior contía dende as zonas máis próximas, para reducir o impacto do transporte".

O estudo do INEGA de 2012 calculaba que en 30 quilómetros ao redor de Teixeiro había 51.500 toneladas anuais de Biomasa Forestal Primaria dispoñible, a décima parte do que necesitaría consumir esta instalación. A cantidade ascendería en 110.000 toneladas impulsando de xeito xeneralizado cultivos enerxéticos nese radio de 30 quilómetros e 75.000 toneladas máis entre os 30 e os 50 quilómetros, cantidades aínda insuficientes para unha planta de 50MW. E mesmo sumando todas as existencias de Eucalyptus globulus nese radio de 50 quilómetros só se engadirían 276.500 toneladas anuais, chegando ao medio millón de toneladas, aínda por debaixo do obxectivo. Hai uns meses, en entrevista con Praza, Damián Copena (do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía) sinalaba que "o aproveitamento eléctrico da biomasa está cada vez máis en cuestión, tanto por entidades sociais coma pola comunidade científica".

ADEGA subliña que isto "é xusto o que quería ENCE para acadar o obxectivo de estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes térmicas, mediante os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar) e que traerá unha nova vaga eucaliptizadora"

ADEGA critica duramente a derrogación do decreto por parte do Goberno galego, que ademais empregou a "espuria ferramenta" das lei de acompañamento, "furtando o trámite e o debate sectorial" denuncia. A entidade ecoloxista subliña que isto "é xusto o que quería ENCE para acadar o obxectivo de estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes térmicas, mediante os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar) e que traerá unha nova vaga eucaliptizadora". "Queimar biomasa en pequenas plantas debía ser un complemento á explotación do monte, e non un fin en si mesmo", sinala ADEGA, que teme a extensión dos cultivo enerxéticos por toda Galicia.

A sociación explica que "se as 8 plantas de biomasa de 10MW de potencia unitaria previstas na Orde que vai ser derrogada, demandan xa un subministro anual de case un millón de toneladas (o que supón entre 15.000 e 20.000 hectáreas anuais de cortas); multiplicar por 10 a potencia máxima instalada (até os 800MW totais) requeriria queimar todos os anos unha superficie equivalente á metade da provincia de Pontevedra".

ADEGA liga a expansión destes cultuvos enerxéticos a outras medidas tamén adoptadas pola Xunta a través da lei de acompañamento, coma "a transformación a forestal de terras agrícolas produtivas e mesmo de solo rústico"

E liga a expansión destes cultuvos enerxéticos a outras medidas tamén adoptadas pola Xunta a través da lei de acompañamento, coma "a transformación a forestal de terras agrícolas produtivas e mesmo de solo rústico". ADEGA conclúe que "a necesidade continua de máis plantíos, con unhas cantas especies de crecemento rápido xestionadas polo oligopolio pasteiro-enerxético, suporá o empobrecemento da biodiversidade, a perda dos servizos ecosistémicos do monte e unha nova desfeita paisaxística".

"Os cultivos enerxéticos debido ás súas características e ciclos curtos, provocarán un empobrecemento intensivo do solo"

"Os cultivos enerxéticos debido ás súas características e ciclos curtos, provocarán un empobrecemento intensivo do solo, coa conseguinte redución da fertilidade e da súa capacidade de renovación, condicionando o seu aproveitamento futuro para outros usos", alerta. E engade que "dende a perspectiva socio-económica, a promoción sen limitacións da biomasa pasa por adicar a cultivos enerxéticos grandes superfícies de terras de cultivo, perdendo máis capacidade de produción de alimentos e soberanía alimentar, favorecendo o abandono do agro e concentración da propiedade en poucas mans, e condicionando o modelo produtivo dos montes veciñais en man común".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.