0 Gardados para despois

"O aproveitamento eléctrico da biomasa está cada vez máis en cuestión"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


As informacións sobre proxectos de xeración de enerxía con biomasa forestal entran e saen da actualidade, mais o tema segue sen ocupar un lugar protagonista no debate público. En 2008 un decreto da Xunta de Galicia, pioneiro no Estado, abría as portas á creación dunha ducia de plantas na comunidade, cunha potencia máxima de 10 megavatios por planta e un total de 80 en conxunto. Doce proxectos iniciaron o seu camiño, pero a limitación nas retribucións ofrecidas ás enerxías renovables freou o seu desenvolvemento. Porén, nos últimos meses xurdiron novos proxectos, de ENCE e García Forestal, que devolven o tema ao primeiro plano.

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo traballa dende hai anos neste tema. Na rede pódese ler un traballo, A produción de enerxía eléctrica a partir da biomasa forestal primaria, realizado por Damián Copena e Xavier Simón, que resume a situación en Galicia. No texto destacan os valores positivos da valorización enerxética da biomasa forestal (que pode axudar, por exemplo, a manter o monte limpo), pero tamén alertan doutros elementos que xeran máis conflitos e efectos negativos, sobre todo os relacionados cos cultivos enerxéticos, sobre todo se estes utilizan especies coma o eucalipto. De feito, as valoracións científicas sobre as bondades das plantas eléctricas que empregan esta materia prima, hai anos máis favorables, nos últimos anos amósanse máis criticas. Ademais, sinálase a ausencia dos axentes locais no deseño e desenvolvemento dos proxectos que naceron ao abeiro da normativa galega. 

Falamos con Damián Copena, que aposta por proxectos locais para este aproveitamento das cortas e do mato, e que pon en dúbida os beneficios da produción eléctrica con biomasa.

Que aspectos positivos e negativos ten a produción de enerxía a partir da biomasa?

A biomasa pode ser unha fonte de enerxía, para producir electricidade ou calor, pero non é o mesmo unha biomasa que provén de aproveitamentos silvícolas, que unha biomasa que provén de cultivos enerxéticos, que teñen unhas implicacións ambientais e territoriais diferentes. Hai que ver tamén a escala territorial, de produción e de consumo deses produtos. Porque podemos estar falando de biomasa quilométrica, o que sería moi negativo: se recollemos cultivos enerxéticos na fronteira entre Galicia e Asturias e a levamos a unha planta na costa da Coruña e de aí vai para o seu consumo no norte de Europa, iso ten unhas consecuencias a nivel medioambiental. No lado dos aspectos positivos, se se aproveitan os restos silvícolas, se se fai nun ámbito territorial reducido, provincial ou mesmo autonómico, e se serve para xerar emprego e dinamizar a economía rural, evidentemente pode ser unha iniciativa interesante.

"Non é o mesmo unha biomasa que provén de aproveitamentos silvícolas, que unha biomasa que provén de cultivos enerxéticos, que teñen unhas implicacións ambientais e territoriais diferentes"

Falta información e debate público sobre este asunto?

Existe moita confusión cando falamos de biomasa. Porque cando falamos dunha planta de biomasa, podes estar ao mesmo tempo falando dunha instalación de peletizado, dunha instalación de astelado, dunha planta de compostaxe ou dunha instalación para producir electricidade a partir da combustión da biomasa. Ás veces o descoñecemento que se percibe na sociedade vén determinado por esa falta de información e pola mestura dos conceptos empregados. Afortunadamente, nos últimos tempos si que percibo que se fala máis do tema, hai máis debate na sociedade, a xente pregúntase por exemplo que son os cultivos enerxéticos e cales son as súas consecuencias.

"O Comité Científico da UE salientou que o uso da bioenerxía pode ser contraproducente, sobre todo se se teñen en conta todos os procesos intermedios (cultivo, abonado químico, recollida con maquinaria pesada, transporte...)"

Despois da experiencia pioneira de Allarluz (1998), o decreto da Xunta (149/2008) abriu o camiño que debía levar á creación dunha ducia de plantas de biomasa en toda Galicia, pero ese proceso quedou freado. Como está a situación despois das modificacións introducidas polo Goberno central nas retribucións á produción eléctrica renovable?

Está Allarluz, como dis, pioneira da nivel estatal, con 2,35 megavatios. Está ENCE, vinculada co seu proceso produtivo. En canto aos proxectos que comentas, que naceron ligados ao decreto de 2008, que foi o primeiro deste tipo aprobado en toda España, non se chegou a crear ningunha desas doce plantas. Seguen aí, pero o marco retributivo é moi determinante para o seu desenvolvemento. É interesante que nos últimos meses se comezou a debater que implicación tería a construción destas instalacións, sobre todo na comarca do Condado. De igual xeito, o recoñecemento da administración da necesidade de empregar cultivos enerxéticos nestas plantas, tamén fixo que espertase unha discusión que ata agora non se dera. O Comité Científico da UE tamén salientou recentemente que o uso da bioenerxía pode ser contraproducente, sobre todo se se teñen en conta todos os procesos intermedios (cultivo, abonado químico, recollida con maquinaria pesada, transporte...).

"Os axentes rurais están sendo dinámicos: están aproveitando a biomasa forestal para facer proxectos dunha escala máis cativa, pero que teñen máis incidencia no local"

Os aproveitamento forestais serían insuficientes en todos os casos? Para a produción eléctrica con biomasa sería obrigatorio o uso de cultivos enerxéticos?

Iso parece constatado. Hai un estudo do INEGA do ano 2012 que mesmo cuantifica a necesidade de empregar cultivos enerxéticos para poder alimentar estas instalacións. Hai que ter en conta o que son estes cultivos: cultivos forestais convencionais, con altas densidades, con tempos de corta moi reducidos, con abonos químicos, con tratamentos químicos para loitar contra as pragas..., con efectos para as comunidades rurais. Evidentemente, non é o mesmo o aproveitamento dos restos forestais, que hai que tratar de valorizar.

"É unha cuestión de aposta: para onde queremos ir? Apostamos por instalacións pequenas vinculadas coas comunidades rurais ou por instalacións máis grandes?"

Como valoras o decreto da Xunta de 2008?

Hai que ter en conta unha cousa: na actualidade hai xa microexperiencias de biomasa que resultan interesantes. Os axentes rurais están sendo dinámicos neste senso: están aproveitando a biomasa forestal para facer proxectos dunha escala máis cativa, pero que en realidade teñen máis incidencia no local. A comunidade de montes de Coruxo (Vigo), por exemplo, está levando a cabo iniciativas moi interesantes de produción de astela. Ou iniciativas xa con longo percorrido, coma a empresa Lourido, está producindo abono a partir de compost feito con mato e outros restos forestais, establecendo relacións simbióticas coas propias comunidades de montes. Porén, cun modelo de grandes instalacións para a produción de enerxía, boa parte da actual biomasa que na actualidade ten outros usos, tería que ser empregada na produción de electricidade. Unha instalación de 10 megavatios necesita 320 toneladas diarias para combustionar. É unha cuestión de aposta: para onde queremos ir? Apostamos por instalacións pequenas vinculadas coas comunidades rurais ou por instalacións máis grandes?

"O aproveitamento térmico, para as casas e para pequenas caldeiras, a unha escala local e cun uso sustentable dos materiais forestais, ten máis sentido"

Sería posible un modelo de plantas de enerxía de máis pequeno tamaño, máis localizadas...?

O aproveitamento eléctrico está cada vez máis en cuestión, tanto por entidades sociais coma pola comunidade científica. O aproveitamento térmico, para as casas e para pequenas caldeiras, a unha escala local e cun uso sustentable dos materiais forestais, si que ten máis sentido. Ou o aproveitamento para facer pellets.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.