A Xunta tramita un proxecto de planta de biomasa en Curtis que quintuplica a potencia permitida

A planta instalaríase no Polígono industrial de Curtis-Teixeiro © Google Maps

A Xunta tramitou un proxecto de construción dunha planta de produción eléctrica a partir de Biomasa en Curtis que quintuplica a potencia máxima permitida pola lei. A instalación promovida por Renova Generación de Energías Renovables S.L. acadaría os 50MW, mentres que a normativa galega de 2008 fixa o límite en 10MW. 

Para ADEGA e FEG a ilegalidade da potencia prevista debería levar á inmediata nulidade da tramitación administrativa, algo que non se produciu

A iniciativa atópase en exposición pública e ADEGA e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentaron xa alegacións a un plan que -denuncian- empregaría cultivos enerxéticos, pois para garantir o subministro de biomasa suficiente para a potencia prevista sería imprescindible producir madeira expresamente para queimar nesta planta. Para ADEGA e FEG a ilegalidade da potencia prevista debería levar á inmediata nulidade da tramitación administrativa, algo que non se produciu.

Segundo indica o propio estudo de impacto ambiental, a planta consumiría ao redor de 568.000 t/ano "de biomasa recolectada na provincia da Coruña". É dicir 1.566 toneladas diarias de madeira. E salienta a idoneidade da localización proposta (o polígono industrial de Curtis-Teixeiro) pola súa proximidade á N-634 e á A-6, o que facilitaría "a loxística do aprovisionamento da biomasa cara á planta, que poderá ser dende calquera punto de Galicia", engadindo que "loxicamente en maior contía dende as zonas máis próximas, para reducir o impacto do transporte".

Segundo indica o propio estudo de impacto ambiental, a planta consumiría ao redor de 568.000 t/ano "de biomasa recolectada na provincia da Coruña". É dicir 1.566 toneladas diarias de madeira

O Decreto 149/2008, aprobado na etapa do bipartito, establecía un límite máximo de 10MW por instalación de produción eléctrica de biomasa (80MW en total en Galicia, distribuídos en doce plantas). Con este límite buscábase axeitar a potencia ao combustible efectivamente dispoñible nunha determinada área xeográfica (50 quilómetros de radio ao redor de cada instalación), para actuar como complemento doutros aproveitamentos forestais e non fomentar a conversión de Galicia nun espazo de produción de cultivos enerxéticos para a xeración de electricidade. Porén, en 2012 o propio INEGA no estudo Análisis de la viabilidad del mercado de la biomasa en Galicia y el norte de Portugal apuntaba que sería necesario empregar cultivos enerxéticos para garantir a subministración de biomasa, mesmo coa planificación máis cautelosa do Decreto de 2008. Moito máis para unha planta de 50MW.

Aquel estudo do INEGA calculaba que en 30 quilómetros ao redor de Teixeiro había 51.500 toneladas anuais de Biomasa Forestal Primaria dispoñible. A décima parte do que necesitaría consumir esta instalación. A cantidade ascendería en 110.000 toneladas impulsando de xeito xeneralizado cultivos enerxéticos nese radio de 30 quilómetros e 75.000 toneladas máis entre os 30 e os 50 quilómetros, cantidades aínda insuficientes para unha planta de 50MW. E mesmo sumando todas as existencias de Eucalyptus globulus nese radio de 50 quilómetros só se engadirían 276.500 toneladas anuais, chegando ao medio millón de toneladas, aínda por debaixo do obxectivo

En 2012 o propio INEGA apuntaba que sería necesario empregar cultivos enerxéticos para garantir a subministración de biomasa

O Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo traballa dende hai anos neste tema. Na rede pódese ler un traballo, A produción de enerxía eléctrica a partir da biomasa forestal primaria, realizado por Damián Copena e Xavier Simón, que resume a situación en Galicia. No texto destacan os valores positivos da valorización enerxética da biomasa forestal (que pode axudar, por exemplo, a manter o monte limpo), pero tamén alertan doutros elementos que xeran máis conflitos e efectos negativos, sobre todo os relacionados cos cultivos enerxéticos, sobre todo se estes utilizan especies coma o eucalipto. Damián Copena salientaba o pasado mes de xuño en entrevista con Praza que recentemente o Comité Científico da UE salientou "que o uso da bioenerxía pode ser contraproducente, sobre todo se se teñen en conta todos os procesos intermedios (cultivo, abonado químico, recollida con maquinaria pesada, transporte...)".

"Cun modelo de grandes instalacións para a produción de enerxía, boa parte da actual biomasa que na actualidade ten outros usos, tería que ser empregada na produción de electricidade. Unha instalación de 10 megavatios necesita 320 toneladas diarias para combustionar. É unha cuestión de aposta: para onde queremos ir? Apostamos por instalacións pequenas vinculadas coas comunidades rurais ou por instalacións máis grandes?", reflexionaba Copena.

ADEGA e FEG denuncian que "o feito de que agora unha empresa tente coar un proxecto ilegal e que Industria o tramite sen máis, aponta ao grande interese que a queima de biomasa ten para a Xunta e a patronal pasteiro-enerxética". Para as dúas entidades ambientalistas, a aceptación deste tipo de proxectos confirmaría "a estratexia de masificación da biomasa como combustíbel para xerar electricidade através dos cultivos enerxéticos, deseñada dende hai anos por ENCE en comenencia coa Xunta do PP" e explicaría "a rapidísima extensión do Eucaliptus nitens por grandes áreas do país, unha especie de menor interese para producir pasta de papel, mais idónea para queimar en ciclos produtivos de 3/6 anos".

ADEGA e FEG alertan de que o Goberno galego "podería ter na recámara unha modificación do Decreto 149/2008 para liberalizar a potencia das centrais de biomasa, ao gusto dos obxectivos de negocio da patronal pasteiro-enerxética"

Este tipo de planta sería ilegal neste momento. Porén, ADEGA e FEG alertan de que o Goberno galego "podería ter na recámara unha modificación do Decreto 149/2008 para liberalizar a potencia das centrais de biomasa, ao gusto dos obxectivos de negocio da patronal pasteiro-enerxética". Sobre todo se o novo Goberno do Estado revoga o Real decreto-lei 1/2012 que suspendeu as primas e incentivos para instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeración, fontes de enerxía renovables e residuos.

 

A planta instalaríase no Polígono industrial de Curtis-Teixeiro © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.