O pasado mes de abril o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, presentou a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia de 1992, un documento que traza o futuro do monte galego para os vindeiros 20 anos, e que prevé incrementar en 25.000 hectáreas a superficie ocupada polo eucalipto, un incremento que nos vindeiros anos tería como protagonista á variedade nitens, máis resistente ao frío e ao vento. A superficie total ocupada por masas de eucaliptos (como única especie ou mesturada con outras) pasou das 258 mil hectáreas de 1986 ás 454 mil da actualidade (incumprindo as previsións realizadas polo Goberno galego nos anos 80 e 90).
Colmenares afirma que non é necesario incrementar a superficie de eucalipto en Galicia e que mesmo se pode dar resposta á demanda da industria cunha redución das hectáreas, sempre que se mellore a xestión
Porén, este xoves o CEO de ENCE, Ignacio Colmenares, afirmou en Pontevedra que non é necesario incrementar a superficie ocupada polo eucalipto en Galicia e que mesmo se pode dar resposta á demanda da industria pasteira cunha redución das hectáreas desta especie, sempre que se mellore a xestión das plantacións e aumente a súa produtividade. Fíxoo no marco dunha xornada de debate sobre 'Os factores necesarios para asegurar a sostibilidade do monte galego' na que alertou de que na actualidade hai en Galicia unhas 134.000 hectáreas de eucalipto "sen xestión ou cunha xestión moi deficiente" e advertiu de que "son un perigo de incendio".
Ignacio Colmenares anunciou o lanzamento do proxecto 'Máis con Menos' cuxo obxectivo é "satisfacer as necesidades da industria con menos hectáreas, sendo máis eficientes e producindo máis que hoxe", unha iniciativa que nace -afirmou- "considerando as sensibilidades da sociedade". O proxecto busca pór a disposición do propietario forestal ferramentas para lograr "unha mellor xestión e unha maior produtividade" e ademais quere "garantir que ningunha plantación se atopa en zonas protexidas ou de alto valor ambiental". Na actualidade o eucalipto esténdese por espazos naturais de toda Galicia, por exemplo polas Fragas do Eume, como detallou a investigación realizada por Diego Cidrás.
A Xunta prevé que o eucalipto incremente a súa superficie en 25.000 hectáreas nos vindeiros 20 anos
Con este proxecto ENCE propón igualmente "restaurar as zonas de eucaliptais abandonadas ou cunha xestión forestal deficiente" e impulsar "a diversidade forestal, a adecuada e equilibrada convivencia de especies autóctonas e produtivas, así como a biodiversidade no monte galego", solicitando para este obxectivo a axuda económica do Goberno galego, que debe "compensar" o propietario forestal "polo coidado e limpeza das hectáreas que deixen de ser eucaliptais para evitar incendios", asumindo polo tanto nas súas palabras o maior risco de incendio que provoca a expansión do eucalipto.
Hai tan só uns meses ENCE xustificou a súa nova planta de biomasa en Lourizán pola “imparable extensión do eucalipto en Galicia”
A intervención de Colmenares contrasta co posicionamento amosado anteriormente por ENCE, que hai tan só uns meses xustificou a súa nova planta de biomasa en Lourizán pola “imparable extensión do eucalipto en Galicia”. De igual xeito Tomás Fernández-Couto pedía en abril non "demonizar" o eucalipto, xustificando o incremento da superficie ocupada por esta especie en que xera "un volume de rendas importantes para un sector relevante da poboación galega". Pola contra, colectivos como a APDR destacan que "a repoboación forestal con eucaliptos ten moitísimo que ver coa presenza de ENCE". "Temos o monte que temos porque temos Celulosas-Elnosa aquí. ENCE é quen dita a política forestal neste país", resumía Antón Masa.
Na xornada celebrada este xoves en Pontevedra, presentada por Enrique Valero (profesor da Universidade de Vigo), participaron Francisco Javier Silva-Pando, investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Manuel Iglesias (presidente do Cluster da Madeira), Jacobo Feijóo (Secretario Xeral de Asefoga) e Eduardo Rojas, decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes.