0 Gardados para despois

Antón Masa: "A presenza de ENCE na Ría de Pontevedra é un problema para toda Galicia"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A finais do ano 1987 nacía a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) co obxectivo de loitar contra a degradación da ría de Pontevedra. Neste últimos 30 anos a entidade traballou pola eliminación da totalidade dos vertidos contaminantes (urbanos e industriais) que van parar aos ríos, pola paralización dos recheos na ría, pola desaparición da contaminación atmosférica producida por fábricas ou vehículos, por un urbanismo máis sostible... E traballou, por suposto, polo traslado de ENCE e Elnosa fóra da Ría de Pontevedra.

Este sábado o Teatro Principal da cidade acolleu un acto de homenaxe á asociación, no que participaron persoeiros históricos como Arturo Estévez ou Daniel Soutullo, socios fundadores e membros da súa Xunta Xestora; Fernando Martínez Vilanova, a quen se lle encomendou o deseño do logotipo; ou Leonor González, Nené, vicepresidenta da Xunta Xestora e presidenta da Xunta Directiva no período 1991-1997. Lembrouse a figura do seu primeiro presidente, Fernando Martínez Sarandeses, e fíxose un recoñecemento público do traballo de persoas como Célia Cortizo, Lidia Torres ou Aida Dantas, entre moitas outras. Elvira Riveiro, Susana Trigo e Calros Solla puxeron a poesía e PITER, RALPH & TERY a música, nun acto conducido pola actriz Mónica Caamaño e o xornalista Xabier Fortes.

Ao acto asistiron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a Presidenta da Deputación, Carmen Silva, "polo papel xogado polas dúas administracións na loita anti-ENCE, nomeadamente no tema da prórroga concedida a ENCE e a pretensión da empresa pasteira de apropiarse do Pazo de Lourizán", destaca a APDR. Falamos co seu presidente, Antón Masa.

"Cando comezamos, hai 30 anos, eramos minoría quen pensabamos que había que preocuparse da defensa do medio e que había que sacar ese complexo industrial do interior da ría. E agora a practica totalidade da xente está nesta posición"

30 anos dan para moito. A APDR é coñecida (sobre todo fóra de Pontevedra) pola súa loita contra a continuidade de ENCE no interior da ría, pero nestas tres décadas levastes a cabo moitísimas máis accións, non si?

Si, moita xente relaciónanos exclusivamente coa loita contra ENCE e Elnosa, e efectivamente unha gran parte da nosa actividade está centrada nese tema. Pero no acto púidose ver que nestes 30 anos fixemos unha gran diversidade de cousas. Grazas a unha demanda interposta pola APDR, Tafisa aceptou como mal menor o traslado, e así o fixo. E despois fixemos moitas campañas polo tratamento dos residuos sólidos urbanos, contra os vertidos, pola protección do lobo e moitas outras actividades pequenas pero que contribúen a que calle na xente unha concienciación medioambiental global.

Que vitorias ou avances destacarías?

Conseguíronse moitas cousas. Unha vitoria que é innegable é que o gran nivel de concienciación ambiental da comarca de Pontevedra e o gran nivel de oposición á presenza do complexo de Celulosas-Elnosa se deben en boa medida á existencia da APDR e á súa acción. Cando comezamos, hai 30 anos, eramos minoría quen pensabamos que había que preocuparse da defensa do medio e que había que sacar ese complexo industrial do interior da ría. E agora a practica totalidade da xente está nesta posición. E non só por unha cuestión medioambiental ou de saúde, senón económica: a economía da comarca de Pontevedra ten que xirar sobre a potenciación dos valores que ten a ría. E este cambio é unha gran vitoria, innegable e que non ten marcha atrás.

"A Ría de Pontevedra, que ten todas as características para ser motor da comarca, está sendo deixada de lado para potenciar un tipo de industrialización obsoleta e que non crea postos de traballo"

En Galicia dáselles ás rías e aos seus valores económicos e ambientais a importancia que merecen? Vemos a situación en Ferrol, O Burgo, Pontevedra ou en Arousa, coa ameaza da Mina de Touro...

O valor que teñen as rías é fundamental. Unha ría coma a de Pontevedra, que ten todas as características para ser motor da comarca, está sendo deixada de lado para potenciar un tipo de industrialización que é totalmente obsoleta e que non é capaz de dar resposta aos obxectivos cos que foi impulsada, principalmente a creación de emprego. Iso fracasou: ENCE e Elnosa apenas crean postos de traballo e en cambio a ría tiña daquela 10.000 empregos que pasaron a ser agora 400. Ademais dese valor económico, ten tamén un gran valor medioambiental e paisaxístico e unhas grandes posibilidades para promover un turismo diferente ao que se vén dando ata agora. A ría vai ser o gran motor económico da comarca, e non Ence-Elnosa, que son un freo á economía da zona.

En que fase está agora a loita contra a continuidade de ENCE e Elnosa en Lourizán, tralas manobras realizadas polo Goberno do PP?

Temos interpostos dous recursos polo tema da prórroga a ENCE e máis recursos contra a continuidade de Elnosa. Tamén imos seguir cunha vixilancia constante, denunciando nos tribunais -como fixemos hai uns días- que na planta se están a levar a cabo obras sen licenza municipal. E mantemos alegacións á renovación da súa Autorización Ambiental. Non imos abandonar nunca a vía xudicial, pero entendemos que a vía xudicial debe ir sempre acompañada de presión social. De cara aos vindeiros anos a clave vai estar en que consigamos facer ver que o problema de ENCE prexudica a toda Galicia, de xeito que todo o país se mobilice contra esta prórroga. Dende logo, nós cremos que ENCE e Elnosa non van quedar aí 60 anos.

"Non imos abandonar nunca a vía xudicial, pero entendemos que a vía xudicial debe ir sempre acompañada de presión social"

É un tema de país, polo tanto? Que impacto ten en toda Galicia a existencia de ENCE en Pontevedra?

Hai un tema, que para nós é clave, que é a repoboación forestal con eucaliptos, que ten moitísimo que ver coa presenza de ENCE. O problema de ENCE vai moito máis aló de ser un problema local ou comarcal, é un problema de toda a nación. Galicia ten un problema, que é a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra. Temos o monte que temos porque temos Celulosas-Elnosa aquí. Estamos traballando moi duramente na recollida de sinaturas para impulsar unha ILP de protección do bosque autóctono, pero non somos quen de facer ver que este problema está ligado intimamente a ENCE e que ENCE é quen dita a política forestal neste país.

"Temos o monte que temos porque temos Celulosas-Elnosa aquí. ENCE é quen dita a política forestal neste país"

Pola APDR pasaron nestes 30 anos milleiros de persoas, hoxe contades con máis de 500 socios e socias. Isto é unha mostra dunha entidade viva, cunha forte implantación social en Pontevedra?

A asociación funciona cunha Xunta Directiva de doce persoas e na actualidade temos case 600 socios e socias. É unha cifra moi importante, hai moi poucas entidades no noso país que teñan ese número de participantes; ADEGA ten máis de mil, pero é unha entidade de ámbito galego. Pero o apoio social que temos é moito maior: non é baladí que ano tras ano sexamos quen de mover a máis de tres mil persoas nunha manifestación. Hai que destacar, igualmente, o apoio institucional que recibimos por parte do Concello de Pontevedra, da Deputación e da maior parte dos concellos da ría, e tamén a colaboración de moitísimos colectivos e movementos sociais da comarca. Temos un problema, iso si, en que a maioría dos nosos socios e socias son xente dunha certa idade, e que non somos quen de involucrar a xente máis nova.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.