Un beneficio neto de case 132 millóns de euros e expectativas de máis "éxitos". É o que ENCE vén de comunicar aos seus accionistas a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) para explicar os seus resultados do pasado 2018 e os seus plans para o futuro inmediato. O incremento dos prezos da celulosa permitiron á pasteira con sede en Madrid gañar un 40,6% máis que no ano anterior, cando os beneficios estiveran un chisco por riba dos 93 millóns de euros.
A pasteira obtivo un beneficio neto de case 132 millóns de euros en 2018 grazas á boa marcha do mercado da celulosa a nivel mundial
Cunha cifra de negocio superior aos 800 millóns de euros e un beneficio bruto de case 300 millóns -un 35% de crecemento interanual- a propietaria da planta de celulosa de Pontevedra, á que agora denomina comercialmente como "biofábrica", non fai translucir na documentación achegada á CNMV ningunha caste de incerteza digna de preocupación. A clave, segundo a compañía, é fundamentalmente o "crecemento continuado da demanda" de celulosa a nivel mundial.
Entre as causas da súa boa marcha, explica ENCE na documentación, está o feito de que no mundo cada vez é consumido máis papel tisú -o empregado para fabricar, por exemplo, papel hixiénico ou panos desbotables-. Débese, analiza, ao "rápido crecemento urbano e ao incremento de nivel de vida en países emerxentes". E, mentres, as "expectativas dunha desaceleración económica global e o aumento das tensións comerciais" entre a China e os Estados Unidos provoca que as empresas dedicadas a producir celulosa teñan menos materia almacenada, especialmente en factorías chinesas.
ENCE non transmite aos accionistas incerteza ningunha sobre a súa permanencia á beira da ría de Pontevedra
Neste contexto, ENCE nin sequera menciona a posibilidade de que ningunha decisión política poida poñer en risco a súa permanencia á beira da ría de Pontevedra. A factoría de Lourizán vén de incrementar a súa capacidade de produción en 30.000 toneladas e proximamente aplicará nela outra ampliación de 20.000 toneladas máis neste mesmo ano. A marcha deste negocio é moito máis positiva que a da produción de enerxía.
Case 3 millóns en remuneracións dos conselleiros
A boa marcha da antiga compañía pública -a privatización de ENCE foi culminada polo goberno de Aznar en 2001, aínda que comezara case unha década antes- reflíctese tamén nas remuneracións dos membros da súa cúpula directiva, na que seguen figurando dous ex-altos cargos do PP nos gobernos de España e Galicia, Isabel Tocino e Carlos del Álamo.
A maior remuneración no pasado exercicio de ENCE foi a do conselleiro delegado, Ignacio de Colmenares, que ingresou case 1,4 millóns de euros, 1,1 deles en metálico e o resto, por outros conceptos como seguros ou plans de aforro. Ao expoñer os resultados de 2018 De Colmenares augura que 2019 "2019 será outro ano de éxitos para ENCE, no que daremos un novo impulso aos nosos negocios", dixo en declaracións divulgadas pola propia compañía.
A remuneración da ex-ministra Tocino en ENCE aumentou un 30% en 2018, ata os 110.000 euros; o ex-conselleiro Del Álamo recibiu 104.000
No que atinxe aos ex-cargos políticos a ex-ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino ingresou 110.000 euros en 2018 -108.000 en metálico-, o que supón un incremento de case un 30% con relación ao ano anterior. Tocino, presidenta do Banco Pastor dentro do grupo Santander dende 2017, renovará o seu mandato como conselleira independente de ENCE por tres anos máis, segundo o previsto na orde do día na vindeira xunta de accionistas, prevista para finais de marzo.
Pola súa banda Carlos del Álamo, penúltimo conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Fraga e antigo responsable do padroado do Parque das Illas Atlánticas, obtivo pola súa presenza no consello de ENCE unha remuneración de 104.000 euros, 101.000 deles en metálico, a mesma cantidade que un ano antes. O actual mandato do ex-conselleiro na pasteira dura ata 2021, tras a renovación aprobada en 2018.