ENCE disponse a someter á aprobación dos seus accionistas a renovación, por un prazo de tres ano do seu conselleiro independente Carlos del Álamo. O que fora penúltimo titular da Consellería de Medio Ambiente da Xunta con Manuel Fraga, entre os anos 1997 e 2003, terá así o posto asegurado ata 2021, tres anos despois do que era o prazo para a saída de ENCE da ría ata que, en 2016, o Goberno de España en funcións lle concedeu a prórroga ata 2073.
A proposta, recollida na orde do día da xunta de accionistas convocada o martes, chega dous anos despois desa polémica prórroga por 60 anos aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy, que lle valeu ao líder dos conservadores a declaración de persoa non grata polo pleo do Concello pontevedrés. Coa súa renovación, Del Álamo, que foi nomeado conselleiro independente de Ence en xuño de 2009, poderá seguir gozando dunha retribución que en 2017 alcanzou os 101.000 euros (un 13,4% máis).
O nomeamento de Del Álamo esténdese agora ata 2021, tres anos despois do que era límite para a saída de ENCE da ría de Pontevedra ata que o Goberno de Rajoy lle concedeu a prórroga ata 2073
Enxeñeiro de Montes, foi, entre outros cargos, director xeral de Conservación da Natureza no Ministerio de Medio Ambiente e foi o conselleiro de Medio Ambiente de Fraga ata que a crise do Prestige o levou por diante en 2003, tornando así nunha das escasas vítimas políticas da xestión da catástrofe. No entanto, Fraga recolocaríao pouco despois á fronte do Padrodado do Parque das Illas Atlánticas, onde foi remudado tras a chegada do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
O ex-conselleiro de Medio Ambiente agora é tamén vicepresidente da empresa de transportes Typsa e, no sector público, é vogal do Consello da Rede de Parques Nacionais do Ministerio de Medio Ambiente, patrón do padroado do Parque Nacional da Serra de Guadarrama e vogal do Consello de Medio Ambiente de Castela e León e da Comunidade de Madrid, entre outros cargos.
Outras ligazóns de ENCE co PP
No consello de ENCE, que disparou os seus beneficios nos últimos anos, permanece tamén a ex-ministra Isabel Tocino tras renovar o seu posto meses despois da prórroga
Del Álamo é un dos dous conselleiros de Ence vinculados ao PP, tras a renuncia, en outubro pasado, de Pascual Fernández, -ex secretario de Estado con José María Aznar, que representaba a Alcor, a firma de investimento de Alberto Cortina e Alberto Alcocer, os curmáns coñecidos como 'Os Albertos', que o ano pasado venderon o seu 5% da empresa-. No consello de Ence permanece como independente a exministra Isabel Tocino; a agora tamén presidenta do Banco Pastor renovou como conselleira da pasteira en 2016, apenas dous meses despois da concesión da prórroga.
A empresa, que para este ano prepara un aumento da capacidade da planta de Pontevedra en 30.000 toneladas, ata as 495.000, disparou o ano pasado o seu beneficio neto un 139%, ata 92 millóns, grazas ao tirón do seu negocio de celulosa, cuxo beneficio operativo creceu un 78,8%, ata 170,6 millóns. A produción de celulosa de ENCE aumentou un 2,8%, con incrementos do 2,8% na súa planta de Navia (Asturias) e do 2,9% en Pontevedra. A prórroga do Goberno á planta foi impugnada en vía administrativa e contenciosa polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra.