0 Gardados para despois

Isabel Tocino, carrusel de poder

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No verán de 1989 Manuel Fraga dispúñase a deixar pechada a súa sucesión á fronte do Partido Popular, nova marca da refundada Alianza Popular, para lanzarse de vez á batalla pola presidencia da Xunta, que acabaría gañando en decembro grazas a unha maioría absoluta que logrou por estreita marxe, pero que a historia acabaría describindo como esmagadora. O patrón da dereita española tiña unha aposta para a remuda, pero un conclave de dirixentes cuxos apelidos se repetirían durante lustros nos organigramas do PP -Álvarez-Cascos, Trillo, Rato- acabou mudando a súa preferencia. Fraga apostaba pola que dende xaneiro daquel ano era vicepresidenta do partido, Isabel Tocino, pero o dedo acabou pousándose sobre o daquela presidente de Castilla y León, José María Aznar, e non sobre a que vén de ser designada como nova presidenta do que queda do Banco Pastor.

Tocino, a quen Fraga dedicaba en actos públicos descricións que serían refugadas en calquera discurso público actual -"queremos las mejores cabezas y si es posible, las más bellas", dixo para xustificar un dos seus ascensos no partido-, quedou así a un paso de tornar na primeira candidata dun dos grandes partidos á presidencia e enfrontarse ao daquela omnímodo Felipe González para tentar realizar a aspiración de quen vían nela unha potencial Margaret Thatcher española. O elixido foi Aznar, pero Tocino mantívose na dirección do partido e como deputada no Congreso -xa o era por Madrid, despois foino por Cantabria e finalmente, por Toledo- ata que o novo líder chegou a presidente en 1996 e lle entregou o ministerio de Medio Ambiente.

Fraga apostaba en 1989 por Tocino para sucedelo á fronte do PP, acabado de fundar, pero o elixido acabou sendo Aznar

A política cántabra, licenciada en Dereito e de coñecida filiación ao Opus Dei, deixou de ser ministra no ano 2000 e pouco despois, en 2002, abandonou o Congreso para dar o salto ao sector privado nun tempo no que o termo "porta xiratoria" só se refería a un tipo de acceso ás edificacións. Tocino incorporouse á presidencia da tecnolóxica Siebel Systems, que naquela altura xa fichara varios políticos europeos, e permaneceu na compañía ata que en 2005 foi mercada por Oracle. En 2006 accedeu ao consello de Banif, filial de banca privada do Santander, e un ano despois ascendeu ao consello do banco matriz, na altura aínda encabezado por Emilio Botín.

O que moi probablemente sería cualificado como a tal porta que dá voltas comezou a tornar en carrusel. En 2008 foi designada conselleira electa do Consello de Estado, onde continúa, e no ano 2013 chegaría o seu nomeamento empresarial máis politicamente controvertido, o do consello de administración de ENCE, cuxa privatización culminara o goberno Aznar apenas un ano despois da súa saída do Ministerio de Medio Ambiente. Tocino chegou a ENCE, onde xa sentaba o ex-conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Alamo, en plena batalla da compañía por ficar á beira da ría de Pontevedra. A empresa renovou o seu nomeamento en 2016, pouco despois de que o goberno de Rajoy en funcións certificase que, fronte ao prometido polo propio Alberto Núñez Feijóo, pode ficar onde está ata 2073.

A ex-ministra de Medio Ambiente incorporouse a ENCE cando a pasteira libraba a batalla por quedar en Pontevedra e en 2016 renovou como membro do seu consello, posto ao que agora suma a presidencia do Banco Pastor

Cando Tocino revalidou o seu posto na pasteira xa sumara en 2014 aos seus nomeamentos o de membro doutros dous consellos de administración, o de Enagás, da que é accionista o Estado, e tamén o de Naturhouse, compañía que abandonou o pasado xuño, cando tras a compra do Banco Popular por parte do Santander o presidente da empresa especializada en dietética, Félix Revuelta, se puxo á fronte dos accionistas minoritarios do banco absorbido para demandar á entidade encabezada agora por Ana Patricia Botín, en cuxo consello Tocino sentou ata este 28 de novembro, cando foi remudada para poñerse á fronte do Pastor. As súas retribucións anuais por esta acumulación de cargos viñeron roldando os 800.000 euros.

Segundo informou o banco, Tocino liderará a que noutrora foi entidade de capital galego e mais será vicepresidenta de Santander España. "Estou segura de que a forza e dedicación de Isabel van ser esenciais no conxunto de Santander España e moi especialmente na súa nova responsabilidade como presidenta do Banco Pastor, que conta con gran implantación en Galicia", dixo Botín a través dun comunicado que sorprendeu especialmente o persoal do Pastor, pendente dos efectos reais do ERE en marcha. A CIG, maioritaria entre o persoal do banco, agarda que o nomeamento dunha presidenta para o Pastor implique que, finalmente, o Santander recúa e mantén a marca e unha estrutura relativamente autónoma, como fixo o Popular. O poder de Isabel Tocino, de 68 anos, segue sen minguar e volve estar ligado, case tres décadas despois, a Galicia.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.