0 Gardados para despois

Portos nega trato de favor a ENCE tras modificar unha lei só para ela

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“A Xunta rebaixou nun 60% as taxas que ten que abonar a empresa [ENCE] polo uso do peirao de Ribadeo”. Así o recoñeceu este xoves o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, no Parlamento ante preguntas do BNG sobre o convenio asinado en 2011 entre a pasteira e o su departamento cuxas cláusulas desvelou en exclusiva Praza Pública. Durán negou a acusación nacionalista de estarlle dando “trato de favor” a ENCE e salientou que con ese convenio “a Xunta de Galicia cumpre a legalidade” xa que a lei “permite axustar as taxas portuarias para captar estes tráficos”. Porén, Durán obviou que esa lei foi precisamente cambiada polo PP en decembro de 2010 para permitir ese tipo de convenios. Tampouco dixo que tras esa modificación legal Portos só asinou un convenio de rebaixa de taxas a mercadorías, o de ENCE.

O acordo asinado entre Portos de Galicia e ENCE en 2011 rebaixoulle á pasteira ata un 60% a taxa por usar o peirao de Ribadeo para mover por el a produción da súa factoría asturiana de Navia, baixo a ameaza de que senón cambiaría o porto galego polo de Xixón. A sinatura daquel convenio foi pública, pero non así as súas cláusulas, que foron publicadas por vez primeira hai un mes en Praza.gal. Nelas constátase que o Goberno galego lle perdoou a ENCE cartos a cambio de manter en Ribadeo unha produción mínima, que superou xa en 2012. Desde entón, na práctica o convenio rebáixalle a ENCE as taxas ata 2019 de xeito unilateral faga o que faga coa súa produción, aínda que leve toda ou parte dela a Xixón. O convenio mesmo parece redactado pola propia ENCE e non pola Xunta cando fala en primeira persoa da “nosa factoría de Navia”.

Para poder asinar o convenio o PP mudou a lei en decembro de 2010, pero Portos nega "trato de favor" á pasteira

Para poder asinar ese convenio con ENCE en 2011, o PP cambiou a lei en decembro de 2010 e introduciu a seguinte redacción, ata entón inexistente, no apartado da taxa portuarias sobre mercadorías: “Para potenciar a captación e consolidación de tráficos en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a cota líquida desta tarifa a aqueles tráficos que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos”. E engadiu que “só terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes aprobados no correspondente convenio con Portos de Galicia”. Máis de cinco anos despois, Portos só asinou un único convenio para a bonificación de tráficos relevantes en toda Galicia: o de ENCE en Ribadeo.

Cinco anos despois Portos só asinou un único convenio para a bonificación de tráficos relevantes: o de ENCE

Na súa intervención no Parlamento, o presidente de Portos obviou esa modificación legal impulsada polo PP da que ata o momento só se beneficiou ENCE. Tampouco contestou Durán á pregunta que lle formulou a deputada nacionalista Montse Prado sobre a cantidade que deixou de ingresar Portos desde 2011 por esa rebaixa. O presidente de Portos esforzouse en salientar que a rebaixa de taxas a ENCE foi reclamada polo propio alcalde de Ribadeo, do BNG. Porén, Prado insistiu en que a Xunta “publicitou o convenio agachando o seu contido” á medida da pasteira.

Na mesma comparecencia, a Durán preguntóuselle polo volume de auga fluvial que consome a factoría de ENCE en Pontevedra. O presidente de Portos contestou que a empresa ten unha concesión para captar 1.500 litros por segundo, “pero non hai a obriga de especificar canto se consome dentro da mesma”, dixo.

Noutra pregunta sobre ENCE dentro da mesma comisión parlamentaria, neste caso do PSdeG, o secretario xeral de Calidade Ambiental, Justo de Benito, eludiu informar sobre que estudos realizou a Xunta sobre un posible traslado da factoría, como comprometeu o PP nos seus programas electorais de 2009 e 2012.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A exministra Tocino renova como conselleira de ENCE tras a prórroga concedida polo Goberno en funcións

Antonio M. Vélez | @unvelez

Menos de dous meses despois de que o Goberno en funcións ampliase por outros 60 anos a licenza da súa fábrica de pasta de papel na Ría de Pontevedra, ENCE renovou como conselleira por outros tres anos (até 2019) a Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente durante a primeira lexislatura de José María Aznar (1996-2000). A súa reelección permitirá a Tocino, sen experiencia no mundo da empresa antes de entrar en política (foi deputada desde 1983 até 2002), continuar como a expolítica mellor pagada da bolsa española.

De entre as poucas mulleres que pasaron pola cousa pública e que actualmente prestan servizos como conselleiras dunha cotizada española (outros nomes son os da socialista Cristina Garmendia ou a popular Ana Palacio), Tocino é a máis ubicua, ao estar presente en catro consellos de administración á vez, e a que máis cobra. A tamén conselleira electa do Consello de Estado desde o ano 2008, doutora cum laude en Dereito Nuclear, compatibiliza a súa presenza nos máximos órganos de xestión do Banco Santander, Enagás (onde coincide coa citada Ana Palacio), Ence e Naturhouse.

A exministra ingresou 794.000 euros en 2015 como conselleira de empresas, 87.000 euros de ENCE, privatizada polo Goberno do que ela formou parte

A súa retribución agregada como conselleira nese catro empresas ascendeu en 2015 a 794.000 euros, dos que a maior parte (590.000 euros) procedeu do banco que preside Ana Patricia Botín, do que é conselleira desde marzo de 2007. En ENCE recibiu 87.000 euros. En Enagás (onde foi colocada en 2014 a instancias do actual Goberno, accionista da compañía), outros 81.000 euros; e no grupo de produtos dietéticos, outros 36.000 euros.

Tocino, que a semana pasada celebrou os seus 67 anos, embólsase polos seus consellos máis que, por exemplo, outro ex do Goberno Aznar en labores executivos, o presidente de Red Eléctrica (REE), José Folgado.

ENCE comunicou o mércores á noite á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a reelección de Tocino como conselleira independente, posto que ocupa desde marzo de 2013. A proposta foi aprobada na Xunta de Accionistas de ENCE e estaba recollida na orde do día comunicada o pasado 12 de febreiro, dúas semanas despois de que o pasado 25 de xaneiro o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente adoptase a polémica decisión de indultar á planta, que propiciou a declaración de Mariano Rajoy como 'persoa non grata' por parte da que sempre considerou a súa cidade, Pontevedra.

Calidade e dedicación

A comisión de nomeamentos e retribucións de Ence valorara "de forma moi positiva a calidade e a dedicación da Sra. Tocino Biscarolasaga como conselleira independente desde a súa incorporación ao consello en 2013 e como membro do comité de auditoría e da comisión asesora de política forestal e regulatoria", segundo o preceptivo  informe colgado na web da compañía.

No consello de ENCE sentan tamén outros dous excargos do PP, un deles conselleiro de Medio Ambiente con Fraga

Os principais accionistas de ENCE, a antiga Empresa Nacional de Celulosas, privatizada en 2001 polo Goberno de Aznar, son o empresario Juan Luis Arregui (exvicepresidente de Iberdrola e fundador de Gamesa), cun 26,453%, e Alberto Cortina e Alberto Alcocer ('Os Albertos'), cun 9,904%. A empresa ten a outros dous expolíticos do PP no seu consello: José Carlos del Álamo, que foi conselleiro de Medio Ambiente da Xunta entre 1997 e 2003 co que fora gran valedor de Tocino no PP, Manuel Fraga, e Pascual Fernández, conselleiro dominical a proposta de 'Os Albertos' desde maio de 2005.

O de Fernández é un caso de porta xiratoria de libro, xa que fichou por ENCE só un ano despois de abandonar o Goberno de Aznar, onde foi secretario de Estado de Augas e Costas (dentro do Ministerio de Medio Ambiente) entre 2000 e 2004. Coa normativa actual (vixente desde 2006), esa fichaxe sería ilegal, xa que establece un mínimo de dous anos para que un ex alto cargo poida administrar unha empresa cuxos negocios regulase.