0 Gardados para despois

O ERE do Santander tras a absorción do Pastor afecta uns 200 traballadores en Galicia

Redacción | @prazapublica

Cumpríronse os peores augurios. O ERE que o Santander prevía logo da compra do Banco Popular e dos restos do Banco Pastor en Galicia o pasado mes de xuño xa está aquí e afectará os servizos centrais de todas as entidades implicadas. Tamén ao centro de coordinación que mantén na cidade da Coruña, con 157 empregados, así como con probabilidade aos máis de 35 que traballan na antiga oficina directa situada en Bergondo, aínda que este último caso aínda non é seguro. 

O ERE afectará aos centros de coordinación que o Popular-Pastor mantiña na Coruña e en Bergondo

A entidade que preside Ana Botín convocara para este venres aos sindicatos para comunicarlles o inicio dun ERE que afectará 1.500 empregados de todos os servizos centrais que agora posúe o Santander, contando os que absorbeu do Popular e do Pastor. Malia que en principio contábase coa posibilidade de que os despedimentos afectasen unicamente á sede central en Madrid, finalmente tamén se verán afectados os traballadores da Coruña. 

Pendente aínda de coñecer máis detalles, os sindicatos están convocados a novas xuntanzas para os días 8 e 13 deste mesmo mes, aínda que si parece claro que o recorte de persoal na rede comercial de oficinas aprazarase ata dentro duns anos. 

Desde En Marea, o deputado Manolo Lago advertiu este mesmo venres que o axuste e integración dos servizos cetrais do Banco Santander e o Banco Popular-Pastor podería "supor a perda de preto de 400 postos de traballo en Galicia". Refírese á devandita supresión dos servizos centrais do Popular-Pastor na Coruña e en Bergondo, ademais doutros 200 postos de traballo "en risco" pertencentes a Universal Support, que presta servizos de apoio á entidade e cuxa prórroga do contrato remata en novembro. 

Así, En Marea rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei e máis unha pregunta dirixida ao Goberno galego de cara a "manter os postos de traballo do Banco Popular-Pastor en Galicia". “Esta decisión do Santander, supón unha terrible noticia para o emprego en Galicia e anticipa o que pode pasar coa rede comercial do Popular-Pastor no país; a pesar dos supostos compromisos de mantemento da marca, estamos ante a liquidación definitiva do traballo que o Popular-Pastor mantiña en Galicia”, denunciaba Lago.

“A Xunta anunciou a intención de negociar co Santander o mantemento da marca e do emprego, pero unha vez máis deixa orfos aos traballadores"

“A Xunta anunciou no seu día a intención de negociar co Banco Santander o mantemento da marca e do emprego, pero unha vez máis este goberno está deixando orfos aos traballadores e amósase incapaz de realizar ningún tipo de acción que permita a permanencia dos empregos en Galicia”, engadiu. 

O ERE do Santander chega logo de que o Popular, antes de ser mercado pola entidade que presidente Ana Botín, levara a cabou un ERE hai agora un ano que afectou case 2.600 traballadores en todo o Estado e máis de 300 en Galicia, case o 20% do cadro de persoal no país. Tan só uns meses antes, o propio Santander levara a cabo outro ERE que afectara 1.400 persoas en toda España, varias ducias delas empregadas en Galicia, onde tamén pecharon oficinas.

Ademais, hai xa uns cinco anos, a integración do antigo banco galego no grupo Popular supuxera xa unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola reestruturación dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións. Agora, haberá que ver se este novo recorte afecta tamén as oficinas vinculadas aso servizos centrais que o Santander e o Popular teñen no país.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.