Os beneficios de ENCE seguen disparados ata case triplicarse

Páxina da presentación das contas remitida por ENCE á CNMV © Praza Pública

As contas de ENCE seguen disparadas tras constatar que o Goberno de España lle permite quedar á beira da ría de Pontevedra ata 2073. Despois de anotarse na primeira metade de 2017 un incremento das súas ganancias superior ao 200%, a pasteira segue a moverse nunha contorna próxima a triplicar os seus beneficios. Así o vén de comunicar á Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV), ante a que cualifica a súa evolución de "excelente" para detallar que nos primeiros nove meses do ano rexistrou un beneficio neto de 59,5 millóns de euros. Ou, o que é o mesmo, un 183% máis que no mesmo período do ano anterior.

O groso das ganancias comunicadas por ENCE ao regulador corresponden ao seu negocio de celulosa, o que iniciou a mediados do século pasado como empresa pública. Trátase, concretamente, de 57,1 millóns de euros de beneficio neto. Tamén marcha ben, aínda que cun volume menor, a división enerxética da compañía, na que estima un "beneficio neto atribuíble" de ata 10,4 millóns de euros, o que supón quintuplicar o do mesmo período de 2015.

Nos primeiros nove meses do ano a pasteira rexistrou uns beneficios de case 60 millóns de euros, un 183% máis que no mesmo período do ano anterior

Nun ton abertamente optimista a empresa coida que os seus plans estratéxicos están marcados polo "éxito". Vende máis celulosa (un 8% máis), véndea máis cara (de media, un 7% máis) e con menores custos de produción (unha redución dun 4%). Neste sentido, informa aos seus accionistas de que os "próximos pasos" van vir "marcados" polo "incremento de capacidade en 30.000 toneladas na fábrica de Pontevedra" xa en 2018, "seguida doutra ampliación de capaicdade de 40.000 toneladas en 2019".

Tamén vai ter máis capacidade a factoría asturiana de Navia -80.000 toneladas máis- entre 2018 e 2019. Ata 2019, precisamente, chega o acordo coa Xunta que lle permite a ENCE embarcar a pasta de papel que produce na súa factoría de Asturias polo porto de Ribadeo aforrando, como revelou Praza.gal, da metade das taxas deste peirao de titularidade autonómica. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou ao ser preguntado ao respecto que a Xunta accedera a esa rebaixa fiscal porque o demandaba "a sociedade de Ribadeo".

Competencia portuguesa polo veto ao eucalipto

Formacións forestais dominantes en Galicia (en rosa, o eucalipto) / Pladiga

ENCE gábase de bos resultados e plans de futuro ás portas do despregamento en Galicia da portuguesa Navigator polo veto ao eucalipto no país veciño

ENCE exhibe os seus beneficios e plans de futuro nun contexto no que está a piques de ter unha nova competencia no mercado galego. Como avanzou este diario, a maior pasteira de Portugal, The Navigator Company -antiga Portucel- disponse a desembarcar en Galicia como resposta ao veto á expansión do eucalipto no país veciño. Os seus plans son, nomeadamente, establecer "uma base forte na Galiza" coa que abastecerse de madeira. Segundo informa Faro de Vigo este xoves, a base forestal galega de Navigator podería chegar xa en 2018.

Coa recente vaga de incendios forestais como pano de fondo do debate, a chegada de Navigator e os plans de crecemento de ENCE veñen axitar o mercado do eucalipto nun contexto no que esta especie forestal xa superou todas as previsións de plantación en Galicia. Non en van, fronte ás 245.000 hectáreas que o Plan Forestal aínda vixente no país prevía para o ano 2032, os datos máis recentes que manexa a Consellería do Medio Rural elevan a superficie de eucaliptais ata case as 371.000 hectáreas, isto é, un 30% máis do previsto para dentro de quince anos e máis do duplo que a comezos de século.

Imaxe de ENCE dende a ría © encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.