0 Gardados para despois

Elnosa pechará o 29 de xullo ao caducar a súa concesión

Redacción | @prazapublica

Electroquímica del Noroeste (Elnosa) pechará o vindeiro 29 de xullo ao caducar a concesión que ata agora lle permitiu operar no complexo de Lourizán (Pontevedra) que comparte con ENCE. A compañía cloreira, propiedade do grupo portugués CUF, comunicoulle xa a decisión ao Comité de Empresa. A renovación da concesión dependía do Goberno central, unha petición sobre a que a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa non se pronunciou nas últimas semanas. A empresa dedicada á fabricación de cloro comezou a súa actividade en Lourizán en 1968, por iniciativa de ENCE. En 2003 foi adquirida polo portugués Grupo José de Mello.

Segundo publica Faro de Vigo, a empresa adiantará o ERE previsto para agosto e que afectará a 16 traballadores. O resto do cadro de persoal, unhas 28 persoas, negociará a súa recolocación noutras factorías do grupo, especialmente na de Torrelavega. Previamente, durante o mes de agosto ocuparase dos traballos de desmantelamento da factoría.

"Na APDR entedemos isto como o primeiro paso para sacar da ría o complexo Celulosas-Elnosa", di Antón Masa

A Asociación para a Defensa da Ría (APDR), que leva anos reclamando o peche da planta, celebrou xa a noticia, subliñando que "a enseada de Lourizán libérase da empresa que durante décadas verqueu mercurio na Ría de Pontevedra". "A loita ten resultados. É unha vitoria de todos os colectivos sociais que loitan pola desaparición do complexo ENCE-Elnosa", engade a asociación. "Aínda que a empresa o presente como un peche patronal, nós xa viñamos dicindo que Elnosa non podía continuar porque se lle remata a concesión", destaca Antón Masa, que subliña a importancia de que Costas "decida o peche do expediente da concesión de Elnosa e decreten a caducidade". "Unha cousa é que a empresa diga que pecha as portas e outra é que sexa o Estado quen decrete que Elnosa non pode continuar", engade.

"Mesmo co PP no Goberno, Costas levaba un ano coa petición de renovación sobre a mesa, pero non vían claro facer o mesmo que fixeron con ENCE", comenta Masa, que di que "na APDR entedemos isto como o primeiro paso para sacar da ría o complexo Celulosas-Elnosa". "Estamos presionando ao PSOE para que revise a prórroga concedida por Rajoy a ENCE, pois o procedemento foi cando menos irregular", sinala.

"A enseada de Lourizán libérase da empresa que durante décadas verqueu mercurio na Ría de Pontevedra. A loita ten resultados", destaca a APDR

Hai unha semana unha sentenza do TSXG determinou que a Consellería de Medio Ambiente saltou a lei cando prorrogou un ano a autorización a Elnosa. Esta actuación ilegal da Xunta permitiulle á factoría seguir desenvolvendo a súa actividade á beira da ría de Pontevedra un ano máis, evitando que tivese que pechar. Hai sete meses, ademais, o Goberno galego volveu adoptar unha decisión para favorecer a continuidade da factoría en Lourizán, concedéndolle a Elnosa autorización para cambiar a súa tecnoloxía e non seguir utilizando mercurio na produción de cloro, procedemento prohibido poa Unión Europea.

A empresa dedicada á fabricación de cloro comezou a súa actividade en Lourizán en 1968, por iniciativa de ENCE

O cambio de Goberno en Madrid, coa chegada de Pedro Sánchez, deixaba no aire a renovación da concesión a Elnosa. Hai uns días a APDR mantivo unha xuntanza coa Executiva local do PSdeG-PSOE en Pontevedra. Nesa reunión a entidade reclamoulle aos socialistas a súa "implicación" para abordar a resolución do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA, "impedindo que o fagan os cargos de confianza da administracións que lle precedeu no Goberno e, consecuentemente, decrete a súa caducidade". O PSdeG-PSOE comprometeuse a transmitir a Madrid "a necesidade de tomar decisións que favorezan a saída de Ence e Elnosa da ría e o traslado da súa produción a outra localización".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.