A Xunta renova a autorización ambiental de Elnosa en Pontevedra

Cadea humana contra a continuidade de Elnosa na ría © APDR

Elnosa, fábrica de cloro que comparte ubicación en Lourizán coa pasteira ENCE, chegara a un acordo coa Xunta en 2013 polo que podería permanecer fronte á ría de Pontevedra ata 2017 e ir desmantelando as súas instalacións ata antes de 2018, ano no que abandonaría definitivamente a súa ubicación actual na cidade. Aquela prórroga hai catro anos, momento no que xa se prevía a súa marcha, parecía definitiva ata que as posicións da Administración mudaron e a firma iniciou os trámites ante o Goberno galego para tentar manter a súa localización.

O sábado, máis de 300 persoas participaron nunha cadea humana para esixir á Xunta que non concedese a autorización ambiental

O pasado sábado, máis de 300 persoas participaron en Pontevedra na cadea humana convocada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para esixir á Xunta que non conceda a autorización ambiental a Elnosa, tal e como temían tanto os colectivos contrarios á continuidade da factoría como o propio Concello, que a pasada semana emitiu un informe desfavorable á devandita autorización. 

Contodo, neste luns, a Consellería de Medio Ambiente anunciou o seu visto e prace á AAI para que a empresa "poida iniciar o seu proxecto de reconversión" na cidade, cambiar a súa tecnoloxía e adaptarse ás esixencias da UE de non seguir utilizando o mercurio nos seus procesos industriais desde este mesmo luns. 

Así, a Xunta dálle cara adiante aos plans da compañía e resolve "favorablemente" a autorización ambiental "dentro do procedemento de revisión iniciado pola empresa co fin de adaptarse ás esixencias da UE". Na súa resolución, a Consellería establece as condicións que terá que cumprir para o desmantelamento das instalacións vinculadas á produción con mercurio, "en cumprimento duns estritos parámetros medioambientais", e dálle un prazo dun mes "para a retirada da totalidade do mercurio almacenado na instalación" de forma que o risco medioambiental verase "minimizado" case de "inmediato".

A Xunta renova a autorización ambiental e aclara que é un "imperativo legal" para cumprir coas esixencias da UE

A prohibición que a partir de hoxe mesmo aplica a UE ao uso de mercurio no proceso de produción do cloro obriga a Elnosa a modificar necesariamente a súa actividade. Á marxe do desmantelamento da súa actual tecnoloxía, a Xunta aclara que "desde hoxe mesmo o complexo de Lourizán deixará de utilizar celas de mercurio nos seus procesos de fabricación".

Segundo o proxecto preentado por Elnosa e validado pola Xunta, nunha primeira frase só fabricará en Lourizán hipoclorito sódico a partir de cloro adquirido a terceiros e, logo da reconversión esixida na fábrica e coa nova tecnoloxía requirda pola UE, retomaría a produción propia de cloro e derivados. 

Elnosa deixa desde este mesmo luns de empregar mercurio para producir cloro

A Consellería de Medio Ambiente aclarra que a revisión da AAI era un "imperativo legal" para se adaptar á normativa comunitaria e que se produce "con independencia" das licenzas, concesións e autorizacións que requira para poder manter a actividade na ría, entre elas a prórroga solicitada a Costas para poder seguir ocupando terreos de dominio público marítimo-terrestre, como fai ENCE. 

A APDR dirixira nos últimos días unha carta á Dirección Xeral de Calidade Ambiental na que aseguraban que non procedía "continuar co procedemento da AAI" porque en caso de aprobación "estariase a conceder unha prórroga encuberta da concesión administrativa" deses terreos de dominio público marítimo-terrestre que finaliza o 29 de xullo de 2018. "Continuar máis aló desa data sería convertela nunha concesión privada para esa empresa", advertiu Antón Masa, voceiro da plataforma, que apelaba ao cumprimento "da lei, a racionalidade e os desexos da inmensa maioría da poboación".

Desde a APDR denunciaron que existe "moito segredo" por parte de Costas sobre a resolución do expediente de caducidade da concesión e advertiron de "irregularidades" na tramitación da AAI por parte da Xunta.

Un traslado prometido en 2011

O 9 de decembro de 2011 o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, afirmaba na sede da Xunta en Pontevedra que "hoxe iníciase a conta atrás para o peche definitivo de Elnosa na ría de Pontevedra, que terá lugar o 6 de xaneiro de 2014", incorporando os cualificativos de "innegociable" e "improrrogable" para o peche. Núñez Feijoo tamén comprometeu a súa palabra e o 27 de decembro dese ano sinalou que a marcha de Elnosa en 2014 era "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra". No programa do Partido Popular para as eleccións ao Parlamento galego de 2012, que sinalaba que "o PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento", a formación daba por feito o desmantelamento de ELNOSA ("logo de acordada a saída ordenada de Elnosa...").

Feijóo e Agustín Hernández prometeron en 2011 que Elnosa sairía de Ponevedra en 2014

Ademais, a finais de 2013, cando o Goberno galego realizou unha manobra para estender a presenza da empresa en Lourizán ata finais de 2017, a Xunta destacou que o acordo evitaba a posibilidade de que a empresa mantivese o seu actual emprazamento máis aló deste ano, baseándose nos recursos presentados contra o prazo límite de xaneiro de 2014, e que a cambio a empresa se comprometera a retirar.

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.