A Consellería de Medio Ambiente saltou a lei cando prorrogou un ano a autorización a Elnosa na ría de Pontevedra

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

O 22 de agosto de 2016 a daquela Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, ditou unha resolución para "modificar o prazo de vixencia da autorización ambiental integrada" de Electroquímica del Noroeste (Elnosa). Permitía así á factoría seguir desenvolvendo a súa actividade á beira da ría de Pontevedra un ano máis, ata finais de 2017, e evitaba que tivese que facelo o 31 de decembro dese mesmo ano.

A decisión, adoptada a apenas un mes das eleccións galegas, pasou desapercibida naquela campaña electoral e non transcendeu ata dous días despois dos comicios, o 27 de setembro, cando o Concello de Pontevedra alertou de que o departamento que dirixe Beatriz Mato tomara a decisión "pasando por riba do Concello", o que era sinónimo de "saltar a lei". O Concello formulou un requerimento formal con esta alerta e se a Consellería non recuaba, advertira o voceiro do goberno local, Raimundo González (BNG), acudiría aos aos tribunais. Así o fixo e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de sentenciar que a Xunta obviou a normativa.

A Xunta de Goberno local do consistorio pontevedrés tivo esta semana sobre a mesa a sentenza na que a sección segunda da sala do contencioso-administrativo do TSXG ve "evidente" a "falta de coherencia por parte da administración ambiental da Xunta", porque "non resulta comprensible que non se respecte o trámite da audiencia da Administración municipal" e só se lle "notifique a resolución". Isto é, o Goberno galego tiña a obriga legal de consultar formalmente co Concello antes de decidir se concedía ou non a prórroga a Elnosa.

"Non resulta comprensible que non se respecte o trámite de audiencia" ao Concello de Pontevedra, di o TSXG, que ve a resolución "incursa en causa de nulidade radical"

Pero máis aínda, porque o Concello non foi o único prexudicado. A Xunta tamén ignorou, segundo a sentenza, "os trámites de información pública e de alegacións e audiencia" no seu conxunto, un trámite de obrigado cumprimento para que veciñanza ou outros colectivos atinxidos puidesen coñecer o proxecto e alegar se consideraban que podían estar afectados por el. Esa ausencia de consultas "determina que a resolución ditada resulta incursa en causa de nulidade radical" segundo a lei de procedemento administrativo vixente nese momento. Por este motivo, resume a Asesoría Xurídica do Concello pontevedrés, "a sentenza estima o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Pontevedra e decreta a nulidade da resolución autonómica impugnada".

Outra prórroga á espera da decisión sobre a caducidade

A prórroga dun ano concedida pola Xunta a Elnosa obviando os trámites legais, segundo o TSXG, produciuse un ano antes de que a propia Consellería de Medio Ambiente anunciase, nos últimos días de 2017, que viña de "conceder a autorización ambiental a Elnosa para que poida iniciar o seu proxecto de reconversión en Pontevedra", isto é, para cambiar a súa tecnoloxía e non seguir utilizando mercurio na produción de cloro, procedemento prohibido poa Unión Europea. Neste caso a Consellería si cumpriu co trámite de audiencia ao Concello, que pola súa banda xa anunciara que se dispuña a empregar todas as vías legais ao seu alcance para tentar revogar a decisión.

O 29 de xullo deste 2018 caduca a concesión de Elnosa e a prórroga está nas mans do novo Goberno central; Feijóo chegou a prometer o peche como mostra "de que cumprimos con Pontevedra"

O pano de fondo de todos estes procedementos é a inminente caducidade da concesión que permite a Elnosa permanecer á beira da ría de Pontevedra, dentro do complexo industrial que comparte coa Ence. É, concretamente, o 29 de xullo deste mes de xullo de 2018 cando expira un prazo que agora está nas mans do novo Goberno central encabezado polo PSOE, como lembrou nas últimas asemanas a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), instando a Pedro Sánchez por carta a non repetir o acontecido en 2016, cando o gabinete de Rajoy deu luz verde á prórroga á pasteira.

Como no caso de Ence, o traslado de Elnosa foi tamén prometido por diversos dirixentes políticos, tamén polo gobenro de Alberto Núñez Feijóo. Así, por exemplo, o 9 de decembro de 2011 o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, aseguraba que viña de "iniciarse a conta atrás para o peche definitivo de Elnosa na ría de Pontevedra, que terá lugar o 6 de xaneiro de 2014" de xeito "innegociable" e "improrrogable". Ese peche, agregaba Feijóo en decembro do mesmo ano, era "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra". No entanto, en 2013 a Xunta acordou que a cloreira puidese seguir na ría ata 2017 e nos últimos meses manifestou a súa esperanza en que o prazo de 2018 tamén poida ser superado.

Cadea humana contra a continuidade de Elnosa na ría © APDR
Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente, e outros membros do seu departamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.