A Xunta prorroga un ano a autorización ambiental de Elnosa en Pontevedra

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

En plena precampaña electoral, a Xunta de Galicia acordou prorrogar un ano a autorización ambiental á factoría de cloro de Elnosa, vinculada ao grupo Ence, para continuar así a súa actividade na ría pontevedresa. Con esta resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a empresa non terá que iniciar o trámite de fin de actividade ata o 11 de decembro de 2017 cando a data para facelo era o 31 de decembro deste ano. O Concello de Pontevedra, que tratou este martes o tema na xunta de goberno, xa anunciou que recorrerá a decisión que, segundo di, foi levada a cabo polo Goberno galego "pola porta de atrás" e obviando a normativa urbanística municipal. 

A Xunta acorda prorrogar un ano a autorización ambiental a Elnosa e o Concello acúsao de facelo "pola porta de atrás"

O voceiro do goberno local, Raimundo González, advertiu que a Xunta non solicitou o informe urbanístico requirido nin informou o Concello sobre o proceso en ningún momento, tal e como se establece na normativa. Ante isto, presentará un requirimento ante o Executivo galego para que se anule a prórroga. De ser rexeitado, acudirán aos tribunais. 

A Xunta, segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, "pasou por riba do Concello", saltou a lei "á toureira" e aprobou prórroga da autorización ambiental a Elnosa "pola porta de atrás". O caso é que a empresa, logo de que Ence conseguise ampliar a concesión para a celulosa en Lourizán, solicitou a prórroga e o Goberno galego concedeulla e xustifícaa no cambio da lexislación europea nesta materia.

O Concello recorrerá ante a Xunta a prórroga e levaraa aos tribunais se non a anula

No protocolo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Elnosa, a compañía electroquímica comprometíase a iniciar o proceso de cesamento de actividade o próximo 31 de decembro, tendo de prazo ata o 31 de agosto de 2017 para a fin de produción de cloro líquido e ata o 31 de outubro dese mesmo ano para o ácido clorhídrico e o hipoclorito sódico. Os prazos alónganse agora. 

O Concello, ademais, entende que o procedemento agora iniciado non ten que ver coa petición da empresa e dos traballadores de Elnosa para poder continuar nas instalacións e Lourizán cunha prórroga da concesión por 60 anos máis, tal e como lle concedeu o Goberno central a Ence nunha polémica decisión co Executivo en funcións. Os representantes sindicais buscan que a Xunta conceda a supramunicipalidade para evitar os requirimentos administrativos que esixe o goberno local de Pontevedra

Malia que o Concello recibiu a notificación da prórroga de autorización ambiental a finais do mes de agosto, o tema non foi protagonista na campaña electoral. Con todo, no principal mitin do BNG en Pontevedra, unha sonora protesta recibira a formación soberanista polo seu apoio ao peche de Elnosa. Durante a súa intervención, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lorez, advertiu que o Bloque conseguira "moitas cousas entre todos". "E tamén imos conseguir liberar a ría de Pontevedra de celulosa e de Elnosa", asegurara. 

Lores, nun acto do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.