O 25 de xaneiro de 2016 o Goberno de Mariano Rajoy levaba algo máis dun mes en funcións tras as eleccións xerais que deran lugar a unha complexa aritmética para a conformación de maiorías. Tanto, que en xuño do mesmo ano houbo que repetir as eleccións xerais. Aquel día o Ministerio de Medio Ambiente confirmou que concedera á empresa ENCE, antiga compañía pública privatizada polo Goberno de Aznar, a prórroga que solicitara para permanecer en Pontevedra ata 2073. Ou, o que é o mesmo, vía libre para poder sumar un total de 116 anos producindo celulosa nun espazo de dominio público marítimo-terrestre á beira da ría de Pontevedra.
A decisión do Goberno de Rajoy encheu de satisfacción á compañía, en cuxo consello de administración xa sentaban daquela destacados antigos dirixentes do PP como Isabel Tocino, ex-ministra de Medio Ambiente con Aznar, ou Carlos del Álamo, antigo conselleiro da mesma área con Fraga. E desencadeou a indignación nos movementos cívicos e ecoloxistas que levaban décadas a clamar "ENCE, fóra da ría". Tamén no Concello de Pontevedra, que anunciou a súa intención de utilizar todas as vías políticas e legais ao seu alcance para tentar frear a prórroga.
A prórroga de ENCE concedida polo Goberno de Rajoy en funcións tiña a súa orixe na lei de costas de 2013, criticada polo Consello de Estado por mor da súa "ambigüidade", que o Executivo de Sánchez se dispón a emendar
A polémica prórroga tiña a sua orixe na Lei de Costas actualmente en vigor. A aprobada en 2013 polo PP, en tempos de Miguel Arias Cañete como ministro de Medio Ambiente, en substitución da anterior de 1988, unha nova lei criticada pola súa “ambigüidade” polo Consejo de Estado. Esa "ambigüidade" está comezando a ser emendada polo Goberno de Pedro Sánchez e pode acabar condenando a factoría que Rajoy indultou na que sempre considerou a súa cidade, indulto que derivou na súa declaración como "persona non grata" no pleno municipal.
Entre outras cuestións, a norma de 2013 buscaba de xeito expreso ampliar a duración das concesións no litoral, pero fíxoo sen deixar claro se o novo máximo concesional permitido, de ata 75 anos para as instalacións con menor impacto ambiental, había que contabilizalo sumando a concesión inicial máis a súa prórroga ou só era aplicable ás novas prórrogas. No caso de ENCE isto suporía dirimir se podería ficar en Pontevedra, como moito, 15 anos máis dende 2018 ou se, pola contra, podería sumar, por exemplo, os 60 adicionais que lle foron concedidos.
A norma de 2013 non deixaba claro se para calcular o máximo permitido cumpría contabilizar o tempo transcorrido da concesión inicial. O Consejo de Estado preguntouse se "en realidade, o prazo total podería chegar aos 150 anos"
Un ano despois de aprobarse a lei, o Goberno central aprobou en 2014 vía decreto o Regulamento Xeral de Costas que a desenvolveu. Ao analizar esa nova norma o Consejo de Estado, presidido daquela polo popular Romay Beccaría, emitiu un ditame moi crítico coa “ambigüidade” que o Goberno de Rajoy deitaba sobre os prazos concesionais e insinuaba a necesidade de cambiar a propia lei. "O lóxico sería que a Lei permitise a prórroga ata ese máximo [75 anos para os casos con menos impacto ambiental] pero deixando meridianamente claro se se contan ditos 75 anos desde o comezo mesmo da concesión (é dicir sumando as duracións de ambas [concesión orixinal e prórroga])". O Consejo de Estado, ante esa “ambigüidade”, preguntábase “se en realidade o prazo total podería chegar incluso aos 150 anos”, ao sumarse concesión orixinal e prórroga.
Porta aberta á saída e vaga expansiva política e económica
No caso de ENCE, fronte á interpretación favorable aos intereses da empresa que viñan mantendo os populares, ao chegar ao Goberno Pedro Sánchez a Avogacía do Estado decidiu realizar unha interpretación máis restritiva. Do seu punto de vista, o adecuado é limitar a suma de anos totais da concesión. Ao tempo, o Executivo central está a impulsar unha reforma do Regulamento Xeral de Costas para aclarar esa ambigüidade.
Tras o cambio de Goberno en España a Avogacía do Estado considerou que o adecuado é limitar as prórrogas ata sumar un máximo de 75 anos. Entre as primeiras consecuencias da mudanza estivo a decisión de deixar de defender a extensión de ENCE nos tribunais
Esta nova postura plasmouna o Goberno central no proceso xudicial que na Audiencia Nacional dirime os recursos contra a prórroga interpostos polo Concello pontevedrés, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Greenpeace. A Avogacía do Estado, que ata o cambio de Goberno en España estivera defendendo a prórroga, decidiu retirarse do proceso porque ve claro que a prórroga non foi "conforme a dereito" por varios motivos. Un deles, que o "prazo máximo" que podería outorgarse a ENCE sería o que sumase un total de 75 anos -ata 2033-. Outro, que "non quedou xustificado" que a celulosa "non poida ter outro emprazamento" que non sexa sobre esta área de dominio público marítimo-terrestre.
A viraxe estatal foi acollida con ledicia no Concello de Pontevedra e no movemento ecoloxista. "Hai unha porta aberta a que poidamos recuperar a ría", resume o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O asunto que estivo inevitablemente presente na campaña das eleccións xerais e máis aínda na das municipais.
O asunto estivo inevitablemente presente nas campañas e ENCE pronunciouse abertamente contra PSOE e BNG mentres as súas accións non deixan de caer na Bolsa
Persoal da pasteira manifestouse ás portas dos principais mitins de Pedro Sánchez en Galicia en ambos procesos electorais e durante a campaña previa ao 26M a propia compañía emitiu críticos comunicados contra o goberno local do BNG e contra o candidato do PSdeG de Pontevedra, Tino Fernández. Entre as súas consideracións, negar que durante estes anos exercese a "compra de vontades" para crear un clima de opinión máis favorable aos seus intereses na cidade, como acusou o alcalde.
Mentres, ENCE non dá freado o forte devalo das súas accións na Bolsa. A caída acumulada no que vai de ano no seu valor xa se achega ao 30% nun devalo que comezou tras o anuncio de que o Estado deixaría de defendela na Audiencia Nacional. Pouco antes, en febreiro, a pasteira anunciara os seus resultados de 2018 cuns beneficios dun 40% e augurios de "máis éxitos" para 2019.
5.000 edificacións en risco ou apenas unha trintena?
O PP argumenta que a restrición do prazo das concesións afectaría en Galicia a unhas 5.000 edificacións de todo tipo; segundo os socialistas son apenas unha trintena
Tamén o PP e o propio Alberto Núñez Feijóo en calidade de presidente da Xunta aproveitaron o cambio de postura do Goberno de España sobre ENCE en particular e a reforma do regulamento de Costas en xeral como arma electoral. O seu argumento é que a restrición do prazo das concesións afectaría en Galicia a preto de 5.000 edificacións de todo tipo, desde vivendas a industrias ou depuradoras. Fontes socialistas, esgrimindo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, reducen a cifra a unha trintena.
Para os populares a modificación do Regulamento Xeral de Costas está a ser tramitada polo Goberno central “a toda présa e pola porta de atrás” co único obxectivo de “xustificar a súa postura sobre [o cambio de opinión sobre] Ence”. Para os socialistas, a modificación non é máis que corrixir a “ambigüidade” da lei de Costas criticada polo Consejo de Estado presidido polo popular Romay Beccaría tras anos nos que o Goberno de Rajoy optou por mirar para outro lado.