Miguel Anxo Fernández Lores é alcalde de Pontevedra polo BNG dende 1999 e concelleiro na corporación pontevedresa dende 1987. Pero iso non implica que o seu ritmo de campaña electoral non sexa moi alto. Conversa con Praza.gal a primeira hora da mañá e comeza explicando que, de camiño ao lugar da entrevista, tivo que parar con varios veciños. Poucas semanas despois da campaña das eleccións xerais -"saímos dun souto e metémonos noutro", ironiza-, o Bloque de Pontevedra ten a maquinaria a pleno rendemento e "boas expectativas" pero "sen confiarse" para evitar "sorpresas". Así e todo, asegura partir dun convencemento: no resto de forzas políticas non hai un proxecto alternativo ao dun goberno que tornou Pontevedra en "referente internacional".
Esta é a quinta campaña electoral municipal que afronta dende a alcaldía, como candidato á reelección. Que tal a leva?
E en total, a novena campaña. Eu penso que é un mérito persoal e de equipo e que é a mellor campaña malia ser atípica polas eleccións xerais. Nós temos un coñecemento profundo da administración municipal e do que hai que facer no futuro, e nese sentido tamén é máis doado.
Vostede sinala esa experiencia como unha nota positiva, no sentido de saber de onde veñen e onde queren chegar. Dende a oposición, concretamente dende o PP, fan fincapé precisamente aos seus anos na alcaldía por todo o contrario. Falan de esgotamento e de ausencia de ideas novas.
"Algo teñen que dicir os que non teñen proxecto para esta cidade, pero están a poñer paus nas rodas ao que é unha tendencia mundial"
Algo teñen que dicir cando non teñen proxecto para esta cidade. Eu non o vexo. Se nós somos un referente en seguridade viaria, se levamos oito anos sen ningún falecemento por atropelo. Se a xente nos demanda medidas de calmado de tráfico en rúas e parroquias… Eles din que hai que quitar os lombos e revisalos. É de sentido común e está demostrado que funciona e a xente o demanda. O mesmo pasa coa compostaxe; composteiros comunitarios que se tiñan que encher nun mes fano nunha semana porque a veciñanza do rueiro do redor, que aínda non o ten, tamén quere participar en recuperar a materia orgánica e non enviala a queimar… Pois eles, que se cheira e veñen ratas. Están a poñer paus nas rodas ao que é unha tendencia mundial. Despois tamén din que imos lentos… Eu digo: comparado con quen? Con quen non están facendo nada? Somos conscientes de que imos algo lentos en temas como o da compostaxe, porque hai que explicalo ben, parroquia por parroquia para que non fracase e funcione. Pero imos cumprir antes ca ningunha do Estado e de Galicia a normativa da UE para o tratamento de residuos.
Considera, daquela, que xa é factible un horizonte no que Pontevedra poida prescindir de Sogama? Sempre foi un horizonte político para o BNG.
Certo, pero non se daban as circunstancias. Non se podía facer unha planta de compostaxe nun monte, a Xunta non a asumía como algo importante, non había directivas… No resultado final do puzzle nos calculamos que poderemos recuperar o 100% da materia orgánica, a grande maioría de papel e vidro e de plásticos e envases. Despois quedaría a fracción resto, como os cueiros ou outros restos, en torno a un 15% que iría a Sogama ou a un vertedoiro selado, sen filtracións e reutilizado despois por riba como zona verde, no caso de que iso se retomase. Agora estamos con composteiros individuais nas casas e comunitarios en barrios onde é factible. E en 2021 adxudicaremos o novo contrato do lixo, que levaría consigo tamén a compostaxe. E tamén tendo en conta unha cuestión fundamental como é o custo no urbano e no rural.
O rural, precisamente, é outro dos ámbitos nos que a oposición puxo o foco neste mandato. Afirman que o seu goberno se centra só no centro da cidade.
"Calquera que coñeza minimamente o rural de Pontevedra sabe que cando chegamos non había nin colectores no río e agora imos rematar o saneamento en todas as parroquias. Non hai cor"
Algún non sabe onde está o rural. Igual que algún fala do transporte público sen coller nunca un autobús. Calquera persoa que coñeza minimamente o rural de Pontevedra sabe que non hai cor. Eu estiven tres mandatos na oposición e sei o que se gastaba no rural… Nós estamos a gastar 1 ou 2 millóns de euros por parroquia, antes gastábanse 6.000 ao ano. Fixemos locais sociais, imos rematar neste próximo mandato o saneamento de todo o rural, probablemente en dous anos. Imos abordar o abastecemento de auga a todas as parroquias… Cando eu entrei non había nin colectores no río. Agora, se hai 19.000 habitantes no rural, quédannos uns 2.000 sen conectar. Nós pensamos que o rural hai que mantelo, promovelo e darlle servizos porque cumpre unha función fundamental no mantemento do territorio. Somos conscientes, igual que o fomos co plan Monte Vivo despois dos incendios e por iso temos en marcha tres parques forestais periurbanos.
No seu programa electoral fan referencia á cuestión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un debate que planeou sobre a cidade durante moito tempo. Sinalan que non sería conveniente un novo PXOM, mesmo que dificultaría o actual modelo urbano. Por que?
Eu non coñezo ningún Plan Xeral que se aprobase antes de dez anos agás o de Sanxenxo, que o aprobou a Xunta de Fraga por urxencia sen sequera contestar alegacións. Están pagando as consecuencias. O argumento dos que nos din “faga vostede un novo plan” é para facer máis vivendas. E agora o que hai que facer é reducilas, mesmo o di a propia Xunta, que está gobernada polo PP. Hai outras figuras urbanísticas moitísimo máis áxiles. Barcelona ten un plan dos anos 40 e segue funcionando. E nós temos un plan aprobado, daquela votamos en contra por moitas razóns e fixemos un modelo urbano diferente. Hai que buscar eses modelos máis áxiles sobre ese planeamento mínimo.
Referíase antes ao transporte público. A Xunta está a amagar con intervir directamente no transporte público en Pontevedra, tamén en Ferrol, mesmo advertindo que retiraría fondos do Concello para poñelo en marcha.
"Co transporte público estudamos con especialistas, adaptamos o que funciona e desbotamos o que non. Isto é facer política e tamén pensar no país"
Nós non temos ningún problema con iso. É curioso que coa parte técnica non teñamos ningún problema e apareza cando tratamos coa parte política. Hai un transporte interurbano que resolve o problema. Por exemplo, de Marín a Pontevedra hai unha liña que pode parar por todo o municipio; non obriguemos a competir con esa mesma liña. Estamos no século XXI, o transporte público funciona cando hai masa crítica; cando é moi pouca, no é operativo. Por iso propoñamos outras cousas, aproveitemos por exemplo outros transportes como o taxi para as parroquias, que agora pode levar varios viaxeiros e cobrar individualmente ou programar viaxes. Enfoquemos as cousas doutra maneira e resolvamos os problemas, aproveitemos ao máximo as liñas existentes, que ademais se é posible leven transporte escolar e coincidan cos horarios dos centros de saúde e aproveitemos os taxistas. Eu sinto que ás veces se fale disto sen saber do que se fala… Nós a respecto do transporte estudamos con especialistas o que se está a facer en Australia, no Reino Unido… Como coa compostaxe ou coa mobilidade en xeral. Adaptamos o que funciona e desbotamos o que non. Iso é facer política e pensar no país.
Neste mandato estiveron presentes conflitos coa Policía Local, con episodios como baixas masivas das que vostedes recearon e mesmo repercusións durante eventos deportivos. Que medidas prevén para tentar palialo?
Tamén hai que preguntarlle á xente que lle parece, cando temos un campionato do mundo de triatlón e todo o mundo colabora, collan a baixa trinta policías. O funcionariado perdeu capacidade adquisitiva e debemos tentar recuperala razoablemente. Pero aí hai problemas doutro tipo, hai xente que quere defender determinados privilexios e nós non imos entrar por aí. Ten que ver con cuestións de tipo político, non é algo laboral. Nunca foi unha cuestión laboral. Nós tentamos sen razoables, pero non se pode utilizar a forza e a xente percíbeo. A maior parte da Policía traballa perfectamente e despois hai un grupo… No que nós non entramos.
No seu discurso no inicio da campaña resaltou que un dos feitos diferenciais do modelo do goberno de Pontevedra é que está rexido por unha formación nacionalista que traslada eses valores á xestión cotiá. Que cre, do seu punto de vista, que tería que suceder para que o Bloque puidese dar ese salto de apoio cidadán no resto do país?
"A xente queda abraiada co concepto de cidade de Pontevedra. Por que se non adoptan máis medidas deste tipo? Se cadra por medo ao cambio ou á protesta, pero hai que distinguir o balbordo mediático do que realmente opina a xente"
A min resúltame incomprensible que a xente non aposte por iso. Cando imos a calquera foro internacional, valora o que aquí se fixo. Hai poucos días, por exemplo, un equipo de urbanistas e arquitectos do Concello de Barcelona e, segundo dixeron, quedaron “boquiabertos”. A xente queda abraiada coa cidade sobre todo polo concepto: é unha cidade que acolle, tranquila, non ten ruído, os coches están amestrados e hai dinamismo coa xente na rúa. É unha cidade pensada para as persoas levada á práctica e funciona. Por que a xente non adopta máis medidas deste tipo? Porque temos medo ao cambio, por medo a que algún proteste e que ese que máis protesta sexa a quen lle fan caso… Hai que saber distinguir os impactos mediáticos e o balbordo do que realmente opina a xente e iso tamén é complicado. O que non quere dicir que non escoitemos, ata a extenuación. Pero iso non quere dicir facer o que pide o que quere aparcar o coche na praza da Peregrina.
Outro asunto que segue presente na cidade é a prórroga de ENCE, sobre a que o Goberno de España vén de cambiar de posición…
Cambiou de posición… Había un informe dos Avogados do Estado pouco menos que ad hoc… Pero cando lles dixeron, faga vostede un informe atendendo todas as alegacións pertinentes resulta que a prórroga non pode ser por máis dos 75 anos e hai que sacar en todo caso a licitación porque outras empresas poden estar interesadas.
"Cando se privatizou, ENCE dixo que era máis barato cambiar vontades que o traslado e nós, que era un pelotazo. Agora hai unha porta aberta a recuperar a ría"
Ven máis próxima, daquela, a saída de ENCE da ría?
Nós dicimos que hai unha porta aberta a que poidamos recuperar a ría. Cando ENCE se privatizou a nós dixéronnos que era máis barato cambiar vontades que un traslado, que era moi caro. Nós dixemos que era un pelotazo. Cos beneficios que levan obtidos, poderían trasladar a fábrica e seguir gañando cartos.
Este mandato tivo un elemento diferente aos anteriores no que atinxe á Deputación, ao non estar gobernada polo PP e ademais, participaren do goberno dende o BNG. Que balance fai do mandato?
Nós chegamos a un acordo razoable na Deputación que funcionou ben, con respecto mutuo e lealdade. Nós puxemos condicionantes e aceptáronse practicamente todos. E mantivéronse con cuestións fundamentais como que quen dirixe a política municipal de cada concello é o goberno dese concello. Aumentou o investimento e ademais, respectando as prioridades dos alcaldes e alcaldesas. Iso foi un avance e ademais evitou o caciquismo doutras épocas. Por iso non entendo a posición do PP, non podían nin esperar isto despois do que fixeron eles.
O PP repróchouvos que entrasen no goberno, como na Coruña e antes en Lugo, tendo en conta que a súa aposta é a desaparición das deputacións…
"O campo está abonado, pero non nos fiamos e tampouco nos poñemos límites; e, claro, unha maioría absoluta facilitaría moito a toma de decisións para que a cidade avance"
Nós seguimos traballando nesa liña porque en Galiza o normal é que os concellos teñan as competencias que lles corresponden, a Administración autonómica as súas mellor financiadas e Administración xeral, menos competencias. E as deputacións están no medio sen moito sentido. Agora, segue habendo deputacións? Hai un montante de cartos para as deputacións? Ímolo facer da mellor maneira. Igual que non concordamos co Estado unitario pero facemos valer os nosos intereses nel.
Durante a campaña manexáronse enquisas que apuntan a unha boa posición do BNG en Pontevedra, mesmo podendo rozar a maioría absoluta. Con que perspectivas afrontan nese sentido as eleccións do domingo?
Nós temos clara a mensaxe que mandamos e hai unhas boas expectativas máis que de número de concelleiros, da percepción de que en Pontevedra mellorou. Iso é maioritario na poboación e pode ter unha repercusión electoral. A valoración do alcalde e do goberno é claramente superior á dos outros candidatos. O campo está abonado, pero nós non nos fiamos e tampouco nos poñemos límites e, claro, unha maioría absoluta facilitaría moito a toma de decisións e a posibilidade de que a cidade avance.