Cara e cruz xudicial para ENCE: poderá defender a súa prórroga pero necesitará licenza municipal para calquera obra

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

O futuro da planta de ENCE en Pontevedra xógase nos tribunais. E este venres a compañía recibiu boas e malas novas. As boas chegaron en relación co procedemento aberto pola demanda presentada polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e APDR sobre a prórroga da concesión, un proceso no que hai uns días o Estado anunciou que deixaría de defender a posición da compañía

ENCE e o seu Comité de Empresa poderán seguir defendendo a prórroga. Porén, a empresa recoñece que a súa posición "é menos sólida que hai uns meses", ao carecer do apoio do Estado

Este venres Audiencia Nacional determinou que ENCE e o seu Comité de Empresa poderán seguir defendendo a prórroga de 60 anos concedida polo Goberno de Mariano Rajoy. Con todo, ENCE recoñece que a súa posición "é menos sólida que hai uns meses", ao carecer do apoio do Estado.

As malas novas para ENCE chegaron do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que nunha sentenza determina que todas as obras que ENCE faga no complexo industrial de Lourizán necesitan licenza municipal. O ditame, cualificado de "demoledor" polo Concello de Pontevedra, refíerese a todas as actuacións que non figuren no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta en 2003, o que na práctica implica que a compañía necesita do permiso municipal para calquera iniciativa.

Edificio de caldeiras de ENCE © Concello de Pontevedra

A sentenza partiu dunhas obras que ENCE realizou entre 2015 e 2016 na zona de pesaxe dos camións e nas balsas de decantación, unhas actuacións que foron suspendidas polo Goberno municipal, que lle abriu un expediente á compañía. Dende entón foron varias as ocasións en que o Concello paralizou obras iniciadas por ENCE no complexo, ao carecer igualmente de licenza municipal.

A compañía necesitará do permiso municipal para calquera obra dentro do complexo de Lourizán

ENCE presentara un recurso ante a decisión do Concello, pero o tribunal contencioso administrativo número 3 de Pontevedra xa sinalara a obriga que a empresa ten de contar con estes permisos municipais, ao igual que calquera outra compañía. Agora o TSXG confirma esa primeira sentenza, desestimando o recurso presentado pola pasteira

As obras, a pesar de realizarse no recinto do ámbito do Proxecto de Incidencia Supramunicipal, "non están completadas no mesmo, invaden a zona reservada a viario, inclúense nunha zona de protección ambiental e paisaxística do Plan de Ordenación de Litoral, ademais dentro do dominio público marítimo-terrestre", subliña o tribunal. A sentenza non é firme e contra ela ENCE pode presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, concluíu en delcaracións aos medios que este ditame "demostra o incumprimento manifesto da legalidade vixente e o amparo que recibe por parte da Xunta". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.