O BNG celebrou o seu primeiro gran mitin da campaña no seu principal feudo: a cidade de Pontevedra, que goberna dende hai 20 anos. Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Pontón compartiron protagonismo nun encontro no que tamén interveu a candidata do Bloque nas Eleccións Europeas, Ana Miranda, e as concelleiras e candidatas municipais Anabel Gulías e Eva Vilaverde.
Lores pediu o voto "de todos aqueles que consideran que Pontevedra mellorou co programa do BNG"
No Teatro Principal, Miguel Anxo Fernández Lores comezou a súa intervención facendo balance do mandato que vén de rematar, subliñando que "o modelo de xestión municipal de Pontevedra, o modelo Pontevedra, é hoxe un referente mundial”. Fernández Lores dixo que “temos un compromiso con Pontevedra e solo a ela nos debemos” e pediu o voto "de todos aqueles que consideran que Pontevedra mellorou co programa do BNG". “Pídolles que voten co amor a Pontevedra por diante”, engadiu.
O alcalde pontevedrés tivo tamén palabras críticas para ENCE. "Actúa sempre nas campañas electorais. Hai anos os seus directivos dixéronme claramente á cara: 'nos sale más barato cambiar la opinión pública que trasladar la fábrica'", afirmou. "Pero engánanse. Xa lles quedou claro moitas veces, pero vamos a repetirllo outra vez: O BNG non se vende, Pontevedra non se vende", concluíu.
Pontevedra é o "exemplo do bo funcionamento dese modelo que queremos estender por Galiza, unha cidade convertida nun referente a nivel internacional”, dixo Pontón
Pola súa banda, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Pontevedra para destacar o seu “orgullo” de poder liderar un BNG que ser presenta ás eleccións do 26M “cos deberes feitos e cun modelo municipal de éxito que quere estender por Galiza, do que Pontevedra é o un exemplo paradigmático".
Para Pontón, Pontevedra é o "exemplo do bo funcionamento dese modelo que queremos estender por Galiza, unha cidade convertida nun referente a nivel internacional”. Ve tamén nesta urbe “o exemplo de que a política é a solución, de que non todos somos iguais e de que para ter un futuro prometedor é clave confiar no país”