Novas pintadas contra BNG e PSdeG, que denuncian "ameazas" e "acoso" en Pontevedra

Pintadas contra Carme da Silva, fronte á súa casa CC-BY-NC-SA BNG

BNG e PSdeG de Pontevedra denuncian o “acoso” e as pintadas sufridas nos últimos días por ambos partidos. No caso da cabeza de lista do Bloque ao Congreso, Carme da Silva, é a segunda vez que sofre mensaxes ameazantes fronte á súa casa, logo das que apareceron o pasado mes de marzo. Nesta ocasión, ao nome da tamén concelleira pontevedra sobre unha diana engadíuselle outra diana e a mensaxe “atenta”, ademais dun lazo de cor verde, símbolo que coincide co empregado por traballadores de ENCE que defenden a permanencia da celulosa na ría. 

A candidata do BNG, Carme da Silva, volve sufrir pintadas ameazantes fronte á súa casa tras a diana co seu nome aparecida en marzo; agora engádeselle a lenda: "atenta"

Precisamente, lazos verdes apareceron tamén á entrada da sede da agrupación municipal do PSdeG o pasado luns, cunha frecha sinalando a entrada e unha mensaxe: “De obreros poco”. Por baixo da porta introducíronse papeis con proclamas contra o partido como as que algúns dirixentes sindicais levan ás protestas contra a marcha de ENCE, varios carteis electorais socialistas foron “vandalizados” mesmo con dianas e outros cobren muros da cidade ou a propia propaganda electoral do PSOE con lemas como “Ence sí, PSOE no” ou riscando a O da sigla do partido.

Pintadas contra o PSOE, en Pontevedra © PSdeG Pontevedra

O PSdeG local xa anunciou que levará á Xunta Electoral o que considera un “acoso” aos seus candidatos e os “escraches” contra os seus carteis, ademais de sinalar a CCOO por cometer "a absoluta irresponsabilidade de poñer o punto de mira das iras dos traballadores no PSOE municipal”. 

O PSdeG levará á Xunta Electoral o que considera un "acoso" e "escraches" contra os seus carteis e sinala a CCOO por "poñer o punto de mira das iras dos traballadores" na súa formación

Desde o BNG, Carme da Silva instou a “frear a mafia, os esbirros de Ence e a dereita” enchendo as urnas de votos para o Bloque o vindeiro 28 de abril. A candidata nacionalista ao Congreso cre q as "ameazas" teñen unha “marcada finalidade política” e buscan restar incidencia electoral ao partido. “É claro que non queren que o BNG teña representación nas Cortes do Estado, pero que teñan moi claro que non nos imos amedrentar”, dixo. 

Os comités desvincúlanse só da ameaza ao BNG 

Precisamente, os comités de empresa da fábrica e as oficinas centrais de ENCE desvinculáronse das pintadas ameazantes a Da Silva e lamentaron o uso do símbolo do lazo para “ensombrecer” a súa “causa”. Así, manifestan a súa “repulsa” contra estes actos que, din, “atentan contra a dignidade das persoas” e esperan unha actuación axiña da Fiscalía. No comunicado, no entanto, os comités tan só se refiren ao caso da candidata do BNG pero non aos denunciados polos socialistas, aos que non fan referencia. 

Por outra banda, a cabeza de lista do PP ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, cualificou de "lamentable" as ameazas da Da Silva e amosou o seu apoio á candidata do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.