ENCE xa contempla como real a posibilidade de ter que marchar da ría de Pontevedra 40 anos antes do previsto na prórroga formalizada a principios de 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy. Aquela prórroga apoiábase na controvertida reforma da lei de costas de 2013, e no seu posterior regulamento, do que o Consejo de Estado xa alertara pola súa "ambigüidade". Non quedaba claro se prórrogas coma esta podían prorrogarse ata 75 anos máis -un total de 150- ou se, pola contra, concesión orixinal e prórroga só podían sumar un máximo de 75 anos.
O actual Goberno de España disponse a aclarar esa ambigüidade cunha reforma do Regulamento Xeral de Costas e parte da postura de que o adecuado é limitar a suma de anos a un total de 75. Esa posición xa a plasmou nos procesos xudiciais que se dirimen na Audiencia Nacional contra a prórroga de ENCE, que agora xa admite ante os seus accionistas a posibilidade de ter que abandonar a ría pontevedresa catro décadas antes da fin da prórroga de Rajoy, en 2033.
Na súa presentación de resultados do primeiro semestre do ano, cunha redución de beneficios do 50%, ENCE explica aos accionistas que é posible que teña que abandonar a ría corenta anos antes do previsto tras a prórroga outorgada polo Goberno de Rajoy
A pasteira vén de rexistrar na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os seus resultados do primeiro semestre do ano, no que gañou 24,98 millóns de euros, unha redución dos beneficios dun 50% que atribúe fundamentalmente á caída dos prezos da celulosa a nivel global. Nos informes achegados, fonte de información para o accionariado actual e potencial, a compañía resume os procesos xudiciais contra a prórroga e láiase de que a Avogacía do Estado decidise -tras a chegada do PSOE- deixar de defender a permanencia despois de "manter contundentemente e sen fisuras" -na etapa do PP- que a prórroga "está perfectamente axustada a dereito".
"ENCE opúxose frontalmente" a que o Estado se retirase do proceso, explica a empresa, que agrega que "como consecuencia" desa retirada, os comités de empresa das oficinas centrais e mais da fábrica de Pontevedra decidiron comparecer formalmente nos tres procedementos abertos a instancias de Greenpeace, a Asociación pola Defensa da Ría e o Concello de Pontevedra". Volve advertir ademais de que se perde, pechará en Pontevedra.
Unha das primeiras repercusións do cambio de postura do Goberno central, agora inmerso na reforma do Regulamento de Costas, foi deixar de defender a prórroga de ENCE nos tribunais
Pero, alén do eido estritamente xudicial, ENCE admite que "hai que engadir" que o Ministerio de Transición Ecolóxica está a tramitar a devandita reforma do Regulamento Xeral de Costas no que atinxe á duración das concesións, "eixo central" da modificación. O MInisterio "considera que o prazo máximo de 75 anos dunha concesión vén referido tanto ao prazo inicial da concesión como ao da súa eventual prórroga", admite. Deste xeito, "no suposto de que dito cambio regulatorio se materializase e aplicase a ENCE, o período concesional podería estenderse ata o ano 2033".
Isto é, o tempo no que a pasteira está autorizada a permanecer en Lourizán acurtaríase corenta anos, de 2073 a 2033. Daquela cumpriríanse os 75 anos da concesión inicial, outorgada no franquismo ao que daquela era unha empresa estatal, despois privatizada en tempos de Aznar.
A APDR recorre a "negativa" da Xunta a darlle datos sobre a pasteira
Defensa da Ría asegura que leva dende 2015 sen recibir os datos de "verteduras de ENCE á ría" que solicita á Consellería de Medio Ambiente
Mentres ENCE contempla a posibilidade de verse obrigada á retirada da ría de Pontevedra por mor dos cabos soltos da lei que inicialmente lle permitiu ficar, a Asociación pola Defensa da Ría segue a tentar obter información sobre a actividade da pasteira. Con este fin a APDR vén de formular un recurso de alzada ante a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente para tentar a súa "reiterada negativa a facilitar datos de verteduras de ENCE á ría".
Segundo afirma o colectivo ambientalista, ata o ano 2015 puideron acceder a esta información sen atrancos. "Seguindo indicacións da propia secretaría xeral", naquel ano a APDR solicitou a información "de forma periódica, cada seis meses", pero "a pesar das constantes promesas, esa situación non se chegou a dar nunca". "O comportamento da Administración entra en colisión co dereito de acceso á información en materia de medio ambiente" contemplado na lexislación e por iso, agregan, mediante este recurso "solicitamos que se proceda de inmediato a facilitar toda aquela información solicitada" dende 2015 e ata a actualidade.