Elnosa confirma que marcha de Pontevedra e culpa o Concello pola súa "oposicíon destrutiva"

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Elnosa confirmou este venres que pechará de vez a súa planta industrial en Pontevedra. A empresa xustifica a causa do peche en que non hai neste momento condicións legais que lle permitan realizar investimentos para modernizar a factoría e mantela activa. 

Foi a empresa propietaria de Elnosa, Bondati, quen anunciou a decisión, da que culpa o Concello de Pontevedra, ao que acusa de opoñerse "sempre á permenencia da empresa" o que, "xunto coa incerteza sobre a renovación da concesión dos terreos por parte do Estado español, en virtude da lei de ordenación de costas, acumularon dúbidas que comprometeron o bo desenvolvemento da fábrica".

A empresa culpa da súa marcha á "oposición destrutiva" do Concello e á "incerteza sobre a renovación da concesión dos terreos"

Bondalti asegura que sempre tratou de manter Elnosa en Pontevedra para crear un "polo de competitividade" en Galicia, pero cre que a súa intención era imposible por non ter a "estabilidade imprescindible para calquera investimento empresarial". Segundo a firma, esta situación foi a peor "por motivos puramente políticos, pola oposición sistemática e destrutiva do Concello de Pontevedra".

Así, Bondati deixa claro o "apoio da Xunta" pero aclara que lle foi imposible levar a cabo os investimentos previstos en Galicia "sendo obrigada a abrazar un novo proxecto industrial noutra comunidade de España, onde foi recibida cos brazos abertos polas respectivas autoridades rexionais e locais". Refírese a que, malia que continuará operando con actividade comecial no país e coa base loxística no peirao de Vigo, será a nova planta en Torrelavega o principal referente, a onde se trasladarán algúns dos operarios actuais de Pontevedra

Segundo a empresa, os traballos para o desmantelamento de todas as instalacións e para a rehabilitación dos terreos que ocupou Elnosa en Lourizán aínda durarán dous anos máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.