ENCE segue pendente dun pronunciamento da Audiencia Nacional para saber se pode seguir ou non apoiándose na prórroga da concesión dos terreos que ocupa á beira da ría de Pontevedra, outorgada polo Goberno en funcións de Rajoy en xaneiro de 2016 e que lle permitiría ficar en Lourizán ata 2073. Mentres agarda por esa resolución, a pasteira centra a súa batalla política na oposición á Lei de Cambio Climático que está a tramitar o Goberno de España no Congreso dos Deputados ao considerar que un dos seus artigos, o 18, tamén anularía aquela controvertida prórroga e a obrigaría a marchar da ría en 2033, cando se farían 75 anos da súa primeira concesión, outorgada pola ditadura á daquela empresa pública de celulosas.
O consistorio reitera a petición mentres ENCE agarda pola Xustiza e centra a batalla política na oposición á lei de cambio climático, que propiciaría a saída da ría en 2033 aínda no caso de que lograse o aval xudicial
Este é o pano de fondo co que o persoal de ENCE está a subir o ton das súas protestas fronte a un eventual peche da factoría, que tamén se desenvolven entre ecos dunhas declaracións do presidente da celulosa, Ignacio de Colmenares, nas que expresaba dúbidas sobre a seguridade da factoría. A compañía alegou que se trataba dun fragmento descontextualizado dunha intervención moito máis ampla, pero a Fiscalía viu nelas motivos dabondo para encomendar unha investigación.
Con todos estes elementos sobre a mesa, o Concello de Pontevedra disponse a volver votar a prol dun traslado da pasteira fóra da ría. Farao a través dunha moción conxunta dos dous grupos que sustentan o goberno municipal, BNG e PSdeG. Nela, o goberno municipal instará "á empresa, á Xunta e ao Goberno do Estado a traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da ría de Pontevedra, como única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo".
Como noutras ocasións e mesmo antes da votación, ENCE apresurouse, a través dun comunicado que recolle Pontevedra Viva, a cualificar como "inviable" ese eventual traslado, cuxo custo cifra nuns 700 millóns de euros. A compañía, non obstante, di estar aberta a unha eventual mesa de diálogo cos gobernos sobre o futuro da factoría
Nunha segunda moción ao respecto, Bloque e socialistas procurarán "rexeitar, esperemos que de forma unánime, as ameazas e as chantaxes inadmisibles en calquera sistema democrático" que, subliñan, están a sufrir os membros do goberno de Pontevedra por parte de persoal de ENCE. Esta segunda moción chega despois de que, o pasado xoves, traballadores da compañía increpasen con dureza o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros membros do goberno local, o que para a concelleira Carme da Silva, voceira municipal do BNG, foi "unha proba pública de que se sobrepasan absolutamente todos os límites".
Feijóo carga contra un eventual peche, unha "decisión local"
Aínda que na actualidade, tanto no ámbito municipal como no do Parlamento de Galicia o traslado de ENCE é defendido por BNG e PSdeG, pero non polo PP, os populares galegos si o prometeron durante anos, chegando a inserilo no seu programa electoral. Así foi ata as vésperas das eleccións municipais de 2015, cando os populares retomaron a súa postura tradicional a prol de ENCE na ría e Alberto Núñez Feijóo pasou a considerar "demagoxia" a mesma promesa que incluíra no seu programa electoral.
"Galicia necesitaría dúas pasteiras e vamos a quedar sen ningunha", afirma o presidente da Xunta
O propio Feijóo aliñábase este venres coas teses da empresa. Nunha intervención nun acto empresarial sobre os fondos europeos de recuperación pola COVID, o presidente da Xunta cargou contra unha transición ecolóxica que vire en "ruptura" e considerou que unha "transición pautada e reflexionada, convértese" nunha "oportunidade" na que cita á propia ENCE. "Comprendo que a cidades que están en lugares tan bonitos como as rías non lles gustan determinadas industrias, pero mentres non busquemos unha pasteira noutr lugar, non convén improvisar", agregou.
Poucas horas antes, en referencia á devandita lei de cambio climático, Feijóo foi alén na defensa da factoría para afirmar que "Galicia necesitaría dúas pasteiras e vamos a quedar sen ningunha", xa que "non hai ningunha empresa disposta a investir 400 millóns para construír unha pasteira fóra da ría". Ademais, segundo Feijóo, un eventual peche de ENCE sería unha decisión "local" que "pagaría" a "xente do norte da Coruña e Lugo" que recibe ingresos do sector madereiro.