A Fiscalía abre unha investigación sobre a seguridade de Ence tras as declaracións do seu presidente

Juan Luis Arregui e Ignacio de Colmenares, á dereita, presidente de ENCE © ENCE

A Fiscalía Provincial de Pontevedra abre dilixencias para investigar a seguridade da empresa ENCE logo das polémicas declaracións realizadas polo seu presidente sobre o risco ambiental da factoría "con posible afectación a persoas". 

A Fiscalía abre dilixencias para investigar a seguridade de Ence tras as declaracións do seu presidente

Así o vén de facer público a través dun comunicado a Fiscalía Superior de Galicia, que advirte da apertura de oficio das dilixencias de investigación penal e que acordou remitir oficios á unidade do Seprona da Garda Civil e a varias delegacións da Xunta de Galicia solicitando informes respecto do estado da planta de Lourizán. 

Hai tan só uns días, e logo de anos asegurando que as súas instalacións na ría de Pontevedra son respectuosas co medio ambiente, o presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, dirixiu unha mensaxe ao persoal da empresa na que advertiu da posibilidade de “ter un susto maiúsculo medioambiental en calquera momento que pode afectar ademais as persoas” se o Goberno central non garante a concesión dos terreos nos que se asenta a fábrica o tempo suficiente como para que lle resulte rendible facer determinados investimentos. Sen eses investimentos, veu dicir Colmenares, “verémonos obrigados a pechar a fábrica de forma ordenada pero de forma rápida” para evitar a posibilidade do susto. 

Colmenares advirte dun posible “susto maiúsculo medioambiental” e a compañía matízao asegurando que o complexo é “totalmente seguro”

Logo desas verbas de Colmenares e diversas esixencias ás administracións -de representantes políticos como o voceiro local do PSdeG e entidades contrarias á presenza da instalación, ás que se sumou o propio Concello de Pontevedra- para que supervisen a seguridade de Ence, a compañía emitiu varios comunicados nos que garante que o complexo de Pontevedra é “totalmente seguro” e critica a descontextualización do dito polo seu presidente. 

"Como non nos deixen horizonte suficiente para investir, nos veremos obrigados a pechar a fábrica de forma rápida", di o presidente de Ence

Colmenares que tamén cargou contra a Lei de Cambio Climático que está a tramitar o Goberno central no Congreso dos Deputados por considerar que contén un artigo retroactivo para anular a prórroga da concesión dos seus terreos que lle outorgou o Goberno en funcións de Rajoy en xaneiro de 2016. Esa prórroga está a ser analizada na Audiencia Nacional e, se o tribunal a anula, a lei en tramitación xa non tería nada que anular de xeito retroactivo.

Xa o pasado mércores, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda en Pontevedra contra o presidente de ENCE por estas declaracións. A denuncia centrouse no suposto "intento de chantaxe" a un alto cargo do Goberno e na decisión do máximo responsable da fábrica de "non investir e permitir que a fábrica continúe traballando" no estado de risco do que el advirte, "poñendo en risco o medio ambiente e as vidas dos traballadores e a poboación da contorna". 

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

As verbas de Colmenares sobre o “susto maiúsculo medioambiental”, pronunciadas nunha das súas alocucións periódicas por videoconferencia a persoal da empresa, foron transcritas o sábado por Diario de Pontevedra nun amplo despregue de catro páxinas sobre a ameaza de que a empresa peche xa de forma “rápida” se non se lle garanten máis anos de concesión cos que poder facer rendibles investimentos cos que supostamente evitar o hipotético “susto” ambiental. Posteriormente Pontevedraviva.com publicou un vídeo con esas verbas e representantes políticos e de entidades ambientais que reclaman a retirada da fábrica da ría esixiron explicacións e investigacións por parte das administracións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.